Semana XIV

 
 

SEMANA 14ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 

 

383.- LUNS

 

 ANO 1

 

PRIMEIRA Xén 28, 10-22

Viu unha escaleira pola que subían e baixaban anxos e a Deus que falaba

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

10Xacob saíu de Beerxeba, camiño de Harán. 11Chegado a certo lugar, parou para pasar

alí a noite, pois xa se puxera o sol. Colleu alí mesmo unha pedra, púxoa de cabezal e

deitouse a durmir.

 

12No soño que tivo viu unha esqueira afincada na terra e co cimo tocando o ceo; por ela

subían e baixaban os anxos de Deus. 13Diante del viu o Señor en pé, que lle dicía: -"Eu

son o Señor, Deus de teu pai Abraham e Deus de Isaac. A terra onde estás deitado

dareicha para ti e para os teus descendentes. 14Os teus descendentes serán tantos coma o

po. Estenderanse cara ó occidente e cara ó oriente, cara ó norte e cara ó sur. En ti e nos

teus descendentes veranse benditos os pobos todos da terra. 15Eu estarei contigo,

gardareite onde queira que te atopes e traereite outra vez a este país. Non te abandonarei,

namentres non cumpra o que che teño prometido".

 

16O espertar do soño dixo Xacob: -"Abo-fé que está o Señor neste lugar, e eu non o

sabía". 17E, tremendo, engadiu: -"¡Que estarrecedor este lugar! Non é senón unha casa

de Deus e unha porta do ceo".

 

18Xacob ergueuse cedo, colleu a pedra que puxera de cabezal, erixiuna como estela e

verteu aceite enriba dela. 19O lugar púxolle o nome de Betel, anque o seu antigo nome

era Luz.

 

20Xacob fixo este voto: -"Se Deus está comigo, se me garda nesta viaxe que emprendín,

se me dá pan para comer e roupa para vestir 21e me volve san e salvo á casa de meu pai,

o Señor será o meu Deus, 22e esta pedra que chantei de pé será unha casa de Deus.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 90, 1-2. 3-4. 14-15ab

R/ (cf 2b): Meu Deus, en ti confío

 

 1O que habita ó agarimo do Altísimo

e mora á sombra do Omnipotente,

2dígalle ó Señor: -"Meu refuxio, miña forza,

meu Deus, en quen confío".

 

3El é quen te libra do lazo do cazador

e da peste maligna.

4Cóbrete coas súas plumas,

protéxete coas súas ás,

escóndete co seu brazo e deféndete.

 

14Xa que me ten afecto, librareino,

poreino en seguro, xa que coñece o meu nome.

15Chamarame, e respondereille,

estarei con el nos apretos,

 

 

ANO 2

 

PRIMERA Os 2, 16. 17b-18. 21-22

Casareite comigo para sempre

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE OSEAS

 

 Di o Señor:

16Por isto, velaí, eu mesmo a vou seducir:

levareina ó deserto e falareille ó seu corazón,

17e convertereille o val da Aflicción en porta da Esperanza,

e alí hame responder coma nos días da súa mocidade,

coma o día en que subiu de Exipto.

18E o día aquel -é o Señor quen fala-

chamarasme "Meu marido", e non me volverás chamar "Baal-Meu-Dono"

21Casarei contigo para sempre.

Casarei contigo a prezo de xustiza e de dereito,

de bondade e de misericordia.

22Casarei contigo porque me fío de ti

e entón recoñecera-lo Señor.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

R/ (8a): O Señor é compasivo e clemente

 

 2Bendicireite o día enteiro,

louvarei por sempre o teu nome.

3Grande é o Señor e digno de louvanza,

a súa grandeza é insondable.

 

4Unha xeración gáballe a outra os teus feitos

e cóntalle as túas fazañas.

5Falan da gloria da túa maxestade,

e eu refiro as túas marabillas.

 

6Pregoan os teus poderosos escarmentos,

e eu anuncio a túa grandeza.

7Transmiten a memoria da túa gran bondade

e cantan a túa xustiza.

 

 8O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en amor.

9O Señor é bo para todos,

garimoso con tódalas súas obras.

 

 

ALELUIA Cf 2 Tim 1, 10:

O noso Salvador Xesús Cristo destruiu a morte,

e iluminou a vida por medio do Evanxeo

 

 

EVANXEO Mt 9, 18-26

A miña filla acaba de morrer, pero ven e vivirá

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

18Mentres Xesús falaba, velaí apareceu un xefe que, postrándose ante el, rogáballe:

-A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.

 

19Erguéndose Xesús, seguiuno cos seus discípulos. 20Nisto unha muller que padecía

hemorraxias desde había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu

manto, 21falando para si:

-Se lle dou tocado a roupa, xa curo.

 

22Xesús virouse e ó vela díxolle:

-¡Animo, filla, a túa fe sandoute!

 

E desde aquel instante a muller quedou salva.

 

23O chegar Xesús á casa do xefe, vendo os frautistas e mailo barullo da xente, 24dixo:

-Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme.

 

A xente facía riso del. 25Pero el, en botando para fóra a xente toda, entrou e colleu a

rapaza pola man. E ela ergueuse. 26A noticia espallouse por toda a redonda.

 

 

 

 

384.- MARTES

 

 ANO 1

PRIMEIRA Xén 32, 22-32 (hebr. 23-33)

Chamaraste Israel, porque loitaches con Deus e saíches victorioso

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 23Xacob ergueuse de noite, colleu as dúas mulleres, as dúas servas e os once fillos, e

atravesou o vado do Iaboc. 24Despois que os pasou a eles, fixo pasar toda a facenda.

 

25Xacob quedou só. Un home loitou con el ata o amañecer. 26En vendo o home que

non podía nel, feriuno, no medio da loita, na articulación da coxa e escordoulla. 27Logo

díxolle: -"Déixame marchar, que xa rompe o día".

 

Respondeulle Xacob: -"Non te deixarei, namentres non me bendigas".

 

28Preguntoulle el: -"¿Como te chamas?"

 

Respondeulle: -"Xacob".

 

29Díxolle el: -"Desde hoxe non te chamarás Xacob, senón Israel, porque loitaches con

Deus e cos homes, e puidécheslles".

 

30Preguntoulle Xacob: -"Dime agora o teu nome".

 

El dixo: -"¿Por que preguntas polo meu nome?" E deulle alí mesmo a bendición.

 

31Xacob púxolle a aquel lugar o nome de Penuel, porque dicía: -"Vin a Deus cara a cara

e puiden seguir vivindo". 32Cando atravesaba Penuel saía o sol, e el ía coxo dunha

perna. 33Por iso os israelitas non comen o tendón da articulación da coxa ata o día de

hoxe, por ser Xacob ferido nel.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 16, 1. 2-3. 6-7. 8b e 15

R/ (15a): Eu verei con felicidade a túa presencia, Señor

 

 Oe, Señor, a causa xusta,

atende ó meu clamor;

escoita a miña pregaria

de labios sen engano.

 

2Que a miña causa saia ben de onda ti,

que os teus ollos vexan o dereito.

3Se sónda-lo meu corazón,

se me visitas de noite,

se me probas ó lume,

nada atoparás:

a iniquidade non atravesa a miña boca,

 

 6Eu chámote, Deus; ti respóndeme;

volve a min o teu oído, escoita a miña voz.

7Mostra a túa compaixón admirable,

ti que libras do inimigo

ós que se acollen á túa dereita.

 

 8escóndeme á sombra das túas ás

15Mais eu verei con felicidade a túa presencia,

ó despertar, saciareime de verte.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Os 8, 4-7. 11-13

Sementarán vento e recolleitarán tempestade

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE OSEAS

 

 Di o Señor:

4Eles constituíron reis, pero sen contar comigo,

constitúen xefes, pero non os recoñezo.

Da súa prata e do seu ouro fixeron ídolos,

para se aniquilaren eles mesmos.

5Certo que rexeitei o becerro de Samaría,

a miña ira arde contra eles.

¿Ata que día serán incapaces da pureza?

6Si, é cousa que veu de Israel:

faino un artista, por iso non é Deus;

en anacos será convertido o becerro de Samaría.

7Abofé, sementan vento e colleitan tempestades.

A anada non ten froito, non produce gran,

se producise algún, devoraríano estranxeiros.

11Si, Efraím multiplicou os seus altares para se desempecatar,

pero os altares servíronlle para pecar.

12Escríbolles con abundancia as miñas leis,

e considéranas coma cousa allea.

13Ofrecen sacrificios, por amor a min e comen a súa carne,

pero o Señor non se comprace neles.

Agora El lembra as súas culpas

e castiga os seus pecados.

Si, teñen que voltar a Exipto.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 113 B, 3-4. 5-6. 7ab-8. 9-10

R/ (9a): Israel confía no Señor

Ou: Aleluia

 

3O noso Deus está no ceo

e fai todo canto se propón.

4Os seus ídolos son prata e ouro,

feitura das mans dos homes.

 

5Teñen boca e non falan,

teñen ollos e non ven,

6teñen orellas e non oen,

teñen nariz e non olen,

7teñen mans e non apalpan,

teñen pés e non andan,

8Coma eles son os que os fan

e cantos neles confían.

 

9Israel confía no Señor,

El é o seu auxilio e o seu escudo;

10a casa de Aharón confía no Señor:

El é o seu auxilio e o seu escudo;

 

 

 

ALELUIA Xn 10, 14:

Eu son o bo pastor, di o Señor,

e coñezo as mias ovellas e elas coñécenme a min

 

 

 

EVANXEO Mt 9, 32-38

A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

32Presentáronlle a Xesús un mudo endemoniado. 33E así que lle botou o demo fóra, o

mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:

-Nunca tal cousa se viu en Israel.

 

34Pero os fariseos dicían:

-Bota os demonios co poder do xefe dos demonios.

 

35Xesús percorría tódalas vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa

Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. 36Pero, vendo a multitude, sentiu

unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma

ovellas sen pastor. 37Entón díxolles ós discípulos:

-A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; 38así que rogádelle ó dono da

colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

 

 

 

 385.- MÉRCORES

 

 ANO 1

PRIMEIRA Xén 41, 55-57; 42, 5-7a. 17-24a

Con razón estamos a sufrir estas cousas, porque pecamos contra noso irmán

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

55O estenderse a fame polo Exipto, o pobo clamaba por pan ó faraón, e el dicíalles a

tódolos exipcios: -"Ide onda Xosé, e facede o que el vos diga". 56A fame estendeuse por

toda a terra adiante. Xosé abriu os celeiros e repartía ós exipcios, cando a fame apretaba

en Exipto. 57Pero de tódolos países viñan xentes a Exipto, para mercaren gran onda

Xosé, pois a fame apretaba en toda a terra.

 

5Os fillos de Israel ían mercar trigo entre outros moitos, pois había fame en todo o país

de Canaán.

 

6Xosé era quen mandaba en Exipto e quen vendía o trigo a todo o mundo. Chegados

onda el, os irmáns postráronse por terra. 7En canto Xosé os viu, recoñeceunos; pero el

non se lles deu a coñecer, senón que lles falou con dureza.

 

17E tívoos detidos tres días.

 

18O terceiro día díxolles: -"Eu son un home que cre en Deus. Facede como vos digo, e

salvaréde-la vida. 19Se sodes xente de ben, un de vos quedará preso no cárcere onde

estades, e os demais iredes leva-lo trigo que mercastes, ás vosas xentes famentas.

20Despois diso traerédesme a voso irmán máis novo, para que se comprobe o que

dixestes e non teñades que morrer". Eles fixérono así. 21Niso dicíanse uns ós outros:

-"Abofé somos culpados polo que lle fixemos ó noso irmán. Vímolo no apuro,

suplicándonos, e non lle fixemos caso. Por iso nós vémonos agora no apuro". 22Entón

dixo Rubén: -"¿Non vos dicía eu: Non lle fagades mal ó rapaz, e vós non fixestes caso?

Por iso esíxennos agora o seu sangue".

 

23Eles non sabían que Xosé os entendía, pois falaran por intérprete. 24Xosé retirouse da

súa vista e botou a chorar. Logo volveu para falarlles.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 2-3. 10-11. 18-19

R/ (22): Veña sobre nós, Señor, a túa misericordia,

como de ti o esperamos

 

2Festexade ó Señor con cítolas,

tocade con harpa de dez cordas.

3Cantádelle unha nova cántiga,

tanxédelle ben, con aturuxos.

 

 10O Señor estraga o consello das nacións,

desbarata os designios dos pobos.

11O consello do Señor dura por sempre,

os seus plans de xeración en xeración.

 

18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,

polos que esperan na súa misericordia,

19para libra-la súa vida da morte,

para os manter no tempo da miseria.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Os 10, 1-3. 7-8.12

É tempo de buscar decididamente ó Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

10 1Israel está regada coma un bacelo, madúralle o froito;

igual que a chuvia cae sobre o seu froito, así multiplica el os altares;

como as precipitacións caen sobre a súa terra, así mellora el as estelas.

2O seu entendemento está morto; están perdidos.

O Señor mesmo vai descabeza-los seus altares,

vai arrasa-las súas estelas.

3Si, agora xa poden dicir: "Non temos rei, pois non respectámo-lo Señor.

E o rei, ¿que pode facer en favor noso?"

7Desaparecerá Samaría, o seu rei será coma escuma sobre a auga

8e serán destruídos os outeiros da iniquidade, o pecado de Israel.

Cardos e silvas medrarán sobre os seus altares;

entón diranlles ás montañas: "Esmagádenos",

e ós outeiros: "Caede sobre nós".

12Sementade para vós conforme a xustiza,

colleitade segundo a fidelidade á Alianza.

Decruade para vós a anovada,

si, e tamén un suco para busca-lo Señor,

ata que veña e teñades a chuvia ó seu tempo.

 

 

 

SALMO RESPONSRIAL Sal 104, 2-3. 4-5. 6-7

R/ (4b): Buscade sempre a presencia do Señor

Ou: Aleluia

 

2Cantádelle, tocádelle,

contade as súas marabillas.

3Gloriádevos no seu nome santo

e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor.

 

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presencia.

 

5Relembrade as marabillas que fixo,

os prodixios e as decisións da súa boca.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

 

 

 

ALELUIA Mc 1, 15:

O reino de Deus está cerca;

facede penitencia e crede no Evanxeo

 

 

 

EVANXEO Mt 10, 1-7

Ide ás vellas que pereceron da casa de Israel

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 10 1Chamando Xesús ós doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos

e curaren toda enfermidade e doenza. 2Estes son os nomes dos doce apóstolos: o

primeiro Simón, chamado Pedro, e mais Andrés seu irmán, Santiago o do Zebedeo e

mais Xoán seu irmán, 3Felipe e Bartolomeo, Tomé e Mateo, o recadador de impostos,

Santiago o de Alfeo e mais Tadeo, 4Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o

entregou.

 

5A estes doce mandounos Xesús con estas instruccións:

-Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; 6ide máis ben ás

ovellas perdidas da casa de Israel. 7E mentres camiñades proclamade que xa chega o

Reino dos Ceos. 8Curade enfermos, resucitade mortos, limpade

 

 

 

386.- XOVES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 44, 18-21. 23b-29; 45, 1-5

Para a vosa salvación mandoume Deus a Exipto

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 18Dirixíndose a Xosé, dixo Xudá:

-"Rógoche, meu señor, que lle consintas ó teu servo dicir unha palabra, sen que o meu

señor se anoxe. Ti es coma o faraón. 19O meu señor preguntoulles ós seus servos:

¿Tedes pai ou algún outro irmán? 20E nós respondémoslle ó meu señor: Temos un pai

xa vello e un irmán pequeno, que lle naceu na súa vellez. Un irmán seu, da mesma nai,

está xa morto. Agora quedoulle só el, e o pai quéreo moito. 21Ti dixécheslles entón ós

teus servos: Traédemo aquí, para que o vexa cos meus ollos. 23Se non vén convosco o

irmán máis novo, non volveredes ve-la miña cara. 24Nós voltamos para onda teu servo,

noso pai, e referímoslle o que nos dixera o meu señor. 25Cando noso pai nos mandou:

Voltade alá e mercade algo que comer, 26nós respondémoslle: Non podemos ir alá.

Iremos, se noso irmán máis pequeno vai connosco; onda non, non poderemos

presentarnos diante daquel home. 27Entón díxono-lo teu servo, noso pai: Sabedes que a

miña muller me deu dous fillos. 28Un deles foise de onda min, e penso que foi

esnaquizado; ata hoxe non o vin máis. 29Se agora me levades estoutro e lle pasa unha

desgracia, enterraredes un vello, que morre cheo de dor.

 

45 1Xosé non puido xa conterse máis diante da súa corte e mandou que saísen todos.

Non quedou ninguén con el, cando se deu a coñecer a seus irmáns. 2Entón Xosé botouse

a chorar, de xeito que o oían os exipcios ata o pazo do faraón.

 

3Díxolles a seus irmáns: -"Eu son Xosé. ¿Vive aínda meu pai?" Pero os irmáns non lle

podían responder, por quedaren estarrecidos diante del.

 

4Xosé díxolles: -"Achegádevos aquí". Eles achegáronse. E el repetiu: -"Eu son Xosé,

voso irmán, o que vendestes para Exipto. 5Agora non vos aflixades nin vos pese de me

vender, pois para manter vidas mandoume Deus aquí diante de vós.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 16-17. 18-19. 20-21

R/ (5a): Recordade as marabillas que fixo o Señor

Ou: Aleluia

 

 16Chamou a fame sobre a terra,

cortou o abasto do pan.

17Mandou diante deles un home,

foi vendido Xosé coma escravo.

 

18Atáronlle os pés con grillóns,

botáronlle cadeas de ferro ó pescozo,

19ata que chegou a hora de se cumpri-lo agoiro,

e a palabra do Señor lle devolveu o creto.

 

20Mandou o rei soltalo,

o soberano de pobos abriulle a prisión,

21e fíxoo dono da súa casa,

administrador da súa facenda,

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Os 11, 1-4. 8c-9

O meu corazón revólvese contra min

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE OSEAS

 

 Di o Señor:

11 1Cando Israel era escravo, eu ameino,

e de Exipto chamei ós seus fillos.

2Cando máis os chamaba, máis marchaban de onda min.

 

Ofrecían sacrificios ós Baales,

ofrendaban incenso ós ídolos.

3Pero eu ensináralle a Efraím a camiñar,

tíñao collido nos meus brazos,

e non quería saber que eu era o seu médico.

4Coas cordas das miñas mans acollinos, con brazos de amor,

e fun para eles coma quen lles levanta o xugo do pescozo,

ligueinos a min e dáballes de comer.

8O meu corazón revólvese contra min,

ó mesmo tempo que a miña compaixón se conmove.

9Non provocarei o incendio da miña ira,

non volverei a destruír a Efraím,

pois son Deus, e non un home,

o Santo no medio de ti: non te volverei a destruír.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 79, 2ac e 3b. 15-16

R/ (4b): Mostra, Señor, a túa presencia e estaremos salvados

 

2Escoita, pastor de Israel,

ti que sentas sobre os querubíns,

3esperta o teu poder e ven salvarnos.

 

15Dá a volta, Deus dos exércitos,

olla desde o ceo e ve.

Atende esta vide,

16este sarmento que plantaches coa túa man,

o bacelo que ti fortaleciches.

 

 

 

ALELUIA Mc 1, 15:

Está cerca o reino de Deus;

facede penitencia e crede no Evanxeo

 

 

EVANXEO Mt 10, 7-15

Recibistes gratuitamente, dade gratis

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus apóstolos:

Mentres camiñades proclamade que xa chega o Reino dos Ceos. 8Curade enfermos,

resucitade mortos, limpade gafos, botade os demos fóra. E xa que de balde recibistes,

dade de balde tamén. 9Non levedes nin ouro, nin prata, nin cobre nas vosas faixas;

10nin alforxa para o camiño, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin caxato; porque o

traballador ben merece a súa mantenza. 11En calquera vila ou aldea que entredes,

informádevos se hai alguén de confianza e permanecede alí ata que marchedes.

 

12O entrar na casa, saudade. 13Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é

digna, que a vosa paz volva convosco. 14E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas

palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés.

15Asegúrovos que o día do Xuízo será máis levadeiro para Sodoma e Gomorra do que

para aquela vila.

 

 

 

387.- VENRES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 46, 1-7. 28-30

Morrerei contento, porque vin a túa presencia

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 46 1Israel emprendeu a viaxe, con toda a súa xente e as súas posesións. En chegando a

Beerxeba, ofreceu un sacrificio ó Deus de seu pai, Isaac.

 

2Nunha visión, de noite, Deus chamou a Israel:-"¡Xacob! ¡Xacob!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

3Díxolle Deus: -"Eu son o Deus de teu pai. Non teñas medo de ires a Exipto, pois alí

convertereite nun grande pobo. 4Eu baixarei alá contigo e farei que volvas aquí. Xosé

pecharache os ollos".

 

5Xacob dispúxose logo a saír de Beerxeba. Os fillos montaron a seu pai, os nenos e as

mulleres nos carros que lles mandara o faraón para levalos. 6Colleron tamén os gandos e

as posesións que adquiriran no país de Canaán, e chegaron a Exipto. Xacob levaba

consigo para alá tódolos seus descendentes: 7os fillos e os netos, as fillas e as netas,

tódolos descendentes.

 

28Xacob mandou diante a Xudá para lle dar novas a Xosé de que estaban chegando a

Goxén. 29Xosé mandou engancha-lo carro, e saíu para Goxén, ó encontro de Israel seu

pai. En véndoo, correu abrazalo, e chorou abrazado a el.

 

30Israel díxolle a Xosé: -"Agora podo morrer, despois de que te vin vivo aínda".

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 36, 3-4. 18-19. 27-28. 39-40

R/ (39a): A salvación dos xustos vén do Señor

 

3Confía no Señor e fai o ben,

vive na terra, practicando a lealdade;

4pon as delicias no Señor:

El darache o que arela o teu corazón.

 

 18O Señor coida da sorte dos honrados,

a súa herdade é duradeira.

19No tempo da desgracia non quedarán defraudados,

nos días de fame han ter fartura.

 

27Fuxe do mal e fai o ben,

e terás casa duradeira;

28porque o Señor ama a xustiza

e non abandona os seus fieis.

Estes perdurarán,

mentres a caste dos malvados é arrincada.

 

 39A salvación dos xustos vén do Señor:

El é o seu refuxio no tempo da angustia.

40O Señor axúdaos e líbraos,

líbraos dos malvados e presérvaos,

porque se acollen a El.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Os 14, 2-10

Non os invocaremos máis: os nosos deuses son obra das nosas mans

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE OSEAS

 

 Di o Señor:

2Vólvete, Israel, ó Señor teu Deus, xa que caíches por culpa da túa iniquidade.

3Discorrede un discurso, volvede ó Señor e dicídelle:

"Perdoa totalmente a culpa;

si, acólleno-la palabra; queremos agradecercho co froito dos nosos labios.

4Asiria non nos pode salvar, non queremos montar a cabalo,

non queremos volver a chamar Deus noso á obra das nosas mans.

Pois en ti o orfo atopa compaixón".

5Eu curarei a súa apostasía, e querereilles de boa gana,

si, apartarei deles a miña ira.

6Serei coma orballo para Israel,

florecerá coma o lirio

e chantará as raíces coma o bosque do Líbano.

7Os seus retoños medrarán e será coma a oliveira a súa beleza

e o seu perfume coma o do bosque do Líbano.

8Volverán a habitar á miña sombra, cultivarán o trigo,

lembrándose de min florecerán coma a viña, coma o viñedo do Líbano.

9A Efraím, ¿para que lle volverán a servi-los ídolos?

Eu son, eu, quen o escoito e teño coidado del.

Eu son coma o ciprés sempre verde,

en min atópase froito para ti.

10¿Quen é o sabio que entenda estas cousas,

o entendido que as coñeza?

Pois son rectos os camiños do Señor e os xustos camiñan por eles,

mentres que os que renegan tropezan neles.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 8-9. 12-13. 14 e 17

R/ (17b): A miña lingua pregoará a túa louvanza.

 

3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,

pola túa misericordia, borra o meu pecado;

4lávame ben da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.

 

8e ti áma-la verdade no corazón

e no íntimo ensínasme sabedoría.

9Purifícame co hisopo, e serei limpo,

lávame ti, e quedarei branco coma a neve.

 

12Crea, Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro cun espírito firme.

13Non me botes da túa presencia

e non tires de min o teu santo espírito.

 

14Devólveme a alegría da túa salvación,

sostenme co espírito xeneroso.

17Abre, Señor, os meus labios,

e a miña lingua pregoará a túa louvanza.

 

 

 

 ALELUIA Xn 16, 13a; 14, 26d:

Cando veña Espírito da verdade,

conduciravos á verdade plena,

e recordaravos canto eu vos dixen

 

 

 

EVANXEO Mt 10, 16-23

Non sodes vós os que falades, senón o Espírito deo voso Pai

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus apóstolos:

16¡Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as

serpes e sinxelos coma as pombas. 17Tede coidado coa xente, porque entregaranvos ós

tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. 18E pola miña causa hanvos levar ante

gobernadores e reis, así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.

 

19E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir,

porque naquela hora hásevos inspira-lo que tendes que dicir. 20Non sodes vós os que

falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. 21Haberá irmáns

que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata

facelos matar. 22Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final hase

salvar.

 

23Cando vos persigan nunha vila fuxide a outra, porque de certo vos aseguro: non

acabaredes de anda-las vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home.

 

 

 

388.- SÁBADO

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 49, 29-32; 50, 15-26a

Visitaravos Deus e faravos sair desta terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 29 Xacob deulles estas ordes ós seus fillos: -"Eu estou para ir xuntarme co meu pobo.

Enterrádeme con meus pais, na cova que está no eido de Efrón o hitita. 30É a cova de

Macpelah, enfronte de Mambré, en Canaán, a mesma que Abraham lle comprara a Efrón

o hitita, para sepultura en propiedade. 31Alí enterraron a Abraham e a Sara, súa muller;

alí enterraron a Isaac e a Rebeca, súa muller; e alí enterrei eu a Lea. 32O eido e maila

cova que hai nel foron comprados ós hititas".

 

15Despois da morte de seu pai, os irmáns de Xosé pensaron: -"A ver se Xosé nos garda

rancor, e nos paga agora o moito mal que lle fixemos". 16E mandaron dicirlle: -"O teu

pai ordenounos, antes de morrer: 17Dicídelle isto a Xosé: Perdóalles a teus irmáns o seu

crime e o seu pecado, cando te trataron mal. Perdoa agora a culpa dos servos do Deus de

teu pai".

 

Cando oíu o que falaban, Xosé botou a chorar.

 

18Os irmáns fóronse postrar diante del para lle dicir: -"Somos escravos teus".

 

19Xosé díxolles: -"Non teñades medo. ¿Estou eu no lugar de Deus? 20Vós pensastes

facerme mal, pero Deus trocouno en ben, para consegui-lo que hoxe vemos: facer vivir

un grande pobo. 21Agora non teñades medo. Eu mantereivos a vós e a vosos fillos".

Xosé consolou a seus irmáns e faloulles ó corazón.

 

22Xosé viviu en Exipto con toda a familia de seu pai. Cumpriu cento dez anos.

23Chegou a ve-los fillos de Efraím ata a terceira xeración. Tamén a Maquir, fillo de

Menaxés, lle naceron fillos nos xeonllos de Xosé.

 

24Xosé díxolles a seus irmáns: -"Eu estou para morrer. Deus coidará de vós e sacaravos

desta terra, para a terra que prometeu con xuramento a Abraham, a Isaac e a Xacob".

25Xosé fixo xurar ós fillos de Israel: -"Cando veña Deus vervos, levaredes convosco os

meus ósos". 26Xosé morreu ós cento dez anos. Embalsamárono en Exipto e metérono

nun sarcófago.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 1-2. 3-4. 6-7

R/ (cf Sal 68, 33): Humildes, buscade ó Señor,

e vivirá o voso corazón

 

1Louvade o Señor, invocade o seu nome,

dade a coñece-las súas fazañas entre os pobos,

2Cantádelle, tocádelle,

contade as súas marabillas.

 

3Gloriádevos no seu nome santo

e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor.

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presencia.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Is 6, 1-8

Eu son home de labios impuros, e vin cos meus ollos ó Señor poderoso

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

6 1O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla

do seu manto enchía o santuario.

 

2De pé na súa presencia estaban dous serafíns; cada un tiña seis ás: con dúas tapaban a

cara; coas outras dúas, os pés; e coas outras dúas voaban.

 

3Exclamaban un cara ó outro: "¡Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda

está chea da súa gloria!".

 

4Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo

de fume.

 

5Eu dixen: "¡Ai de min! ¡Estou perdido!

Pois sendo un home de labios lixados,

e que vive entre un pobo de labios lixados,

vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".

6Entón un dos serafíns voou onda min;

tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,

7e achegouna á miña boca, dicíndome:

"Olla: isto tocou os teus labios,

a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".

8Entón escoitei a voz do Señor que dicía:

"¿A quen mandarei? ¿Quen irá da nosa parte?".

Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 92, 1ab. 1c-2. 5

R/ (1a): Reina o Señor, vestido de maxestade

 

1Reina o Señor, vestido de maxestade,

o Señor está vestido, cinguido de poder,

e o mundo non abanea, está firme.

2O teu asento está afincado desde sempre,

ti estás aí desde a eternidade.

 

5A revelación do Señor é verdadeira,

a santidade é o ornato da túa casa,

polos séculos, Señor.

 

 

 

ALELUIA 1 Pe 4, 14:

Se sdes maltratados polo nome de Cristo, ditosos vós,

porque o Espírito de Deus descansará en vós

 

 

 

EVANXEO Mt 10, 24-33

Non lle teñades medo ós que matan o corpo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus apóstolos:

24Non é o discípulo máis có seu Mestre, nin o servo máis có seu Señor. 25Abóndalle ó

discípulo chegar a ser coma o seu Mestre; e ó servo coma o seu Señor. Se ó dono da

casa o alcumaron Belcebul, ¡canto máis ós da súa casa!

 

26Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe

descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. 27O que vos digo na

escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas.

 

28Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden mata-la alma; temede

máis ben a aquel que pode arruina-lo corpo e a alma no inferno. 29¿Non se venden un

par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do

voso Pai.

 

30Pois vós, mesmo tedes contados os pelos todos da cabeza. 31Así que non teñades

medo, que vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos.

 

32Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu

Pai celestial. 33Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu

Pai celestial.