Semana XVI

 
 

SEMANA 16ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 

395.- LUNS

 

 ANO 1

PRIMEIRA Éx 14, 5-18

Comprenderán que eu son Deus cando sexa glorificado no faraón

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

5Dixéronlle ó rei de Exipto que o pobo fuxira. O corazón do faraón e o dos seus

ministros volvéronse contra el, e dicían: -"¿Que fixemos, deixando saír do noso servicio

a Israel?" 6O faraón mandou que enganchasen o seu carro, e mobilizou o seu exército.

7Tomou seiscentos carros escolleitos e logo os outros carros de Exipto con tódolos

xefes do exército. 8O Señor endureceu o corazón do faraón, rei de Exipto, para que

perseguise ós israelitas, que saían co brazo ergueito. 9Os exipcios perseguíronos e

atrapáronos, acampados onda o mar. A cabalería, os carros, os cabaleiros e o exército

enteiro do faraón chegaron a Pi-hahirot, diante de Baalsefón.

 

10Cando o faraón se aproximaba, ergueron os israelitas a súa vista e viron ós exipcios

que corrían tras deles. E, cheos de medo, clamaron cara ó Señor. 11Dixéronlle a Moisés:

-"¿Seica non había sepulturas en Exipto, para que nos fixeses vir morrer no deserto?

¿Que ben nos fixeches con sacáresnos de Exipto? 12¿Non che diciamos xa alí:

Déixanos, que nós serviremos ós exipcios? Mellor nos era servilos que vir morrer no

deserto".

 

13Moisés respondeulles: -"Non teñades medo. Mantédevos enteiros e veréde-la

salvación que vos concederá hoxe o Señor. Os exipcios que hoxe vedes, non os veredes

nunca máis. 14O Señor loitará por vós. Vós agardade calados".

 

15O Señor díxolle a Moisés: -"¿Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas

que se poñan en marcha. 16Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous,

de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. 17Eu endurecerei o corazón

dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á

dos seus carros e á dos seus cabaleiros. 18O mostra-la miña gloria á conta deles,

aprenderán os exipcios que eu son Iavé".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Éx 15, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (1b): Cantemos ó Señor, que se cubriu de gloria

 

15 1Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:

-"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,

cabalo e cabaleiro alagou no mar.

2 O Señor é a miña forza, a razón do meu canto,

El é a miña salvación.

El é o meu Deus, e louvareino,

o Deus de meu pai, e enxalzareino.

 

3 O Señor é un guerreiro.

O seu nome é Iavé.

4 Alagou no mar ó faraón cos seus exércitos,

a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio.

 

5 Os abismos cubríronos,

baixaron ó fondo coma pedras.

6 A túa destra, Señor, distínguese pola forza,

a túa destra, Señor, tronza ós inimigos.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Miq 6, 1-4. 6-8

Indicóuseche, home, o que Deus quere de ti

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

6 1Escoitade, pois, o que di o Señor:

"¡De pé! Convoca os montes a litixio,

e que os outeiros escoiten a túa voz".

2¡Escoitade, montes, o litixio do Señor,

escoitade a súa fidelidade, fundamentos da terra,

pois o Señor ten un litixio co seu pobo,

entra en disputa con Israel.

3"Meu pobo, ¿que che fixen?, ¿en que te quebrantei? ¡Respóndeme!

4Si, fíxente subir do país de Exipto, e rescateite da escravitude,

e mandei á túa fronte a Moisés, a Aharón e a Miriam.

6¿Con que me presentarei diante do Señor?

¿Con que me postrarei ante o Deus Altísimo?

¿Presentareime diante del con holocaustos?

¿Con becerros, crías dun ano?

7¿Compracerase o Señor en miles de carneiros,

en millares de regueiros de graxa?

¿Deberei darlle o primoxénito en expiación polo meu delito?

8"Home, xa se che explicou, que é o bo,

que é o que o Señor pide de ti:

practica-la xustiza, ama-la fidelidade

e comportarte humildemente co teu Deus".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 5-6. 8-9. 16bc-17. 21 e 23

R/ (23b): Ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

5-"Congregade ante min os meus fieis,

que cun sacrificio fixeron comigo alianza".

6Os ceos anunciarán a súa xustiza,

pois é Deus mesmo quen xulga.

 

8Non te reprendo polos teus sacrificios,

pois os teus holocaustos están sempre ante min.

9Eu non aceptarei becerros do teu gando

nin carneiros dos teus rabaños,

 

-"¿Para que recíta-los meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que despréza-la instrucción

e te viras de costas contra os meus preceptos?

 

21Cando isto fas, ¿terei eu que calar?

¿Pensas que son coma ti?

Repréndote e acúsote á cara".

23O que ofrece louvanza dáme gloria;

ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

 

 

ALELUIA Cf Sal 94, 8ab:

Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns

senón escoitade a voz do Señor

 

 

 

EVANXEO Mt 12, 38-42

A raíña do Sur enfrontarase no Xuízo con esta xeración

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Algúns letrados replicáronlle a Xesús:

-Mestre, queremos ver un sinal teu.

 

39Respondeulles el:

-¡Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal có

de Xonás o profeta. 40Que así como estivo Xonás no ventre do peixe, así estará o Fillo

do Home no seo da terra tres días e tres noites. 41Os habitantes de Nínive enfrontaranse

no Xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a

predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. 42A raíña do Sur

enfrontarase no Xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu desde o

cabo do mundo para escoita-la sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca

Salomón.

 

 

 

396.- MARTES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Mt 12, 38-42

A raíña do Sur enfrontarase no Xuízo con esta xeración PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

21Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste,

que soprou toda a noite, ata seca-lo mar, coas augas partidas. 22Os israelitas entraron

polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda.

23Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros,

entraron no mar tras deles.

 

24Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o

campamento exipcio e cubriuno de confusión. 25Pexou as rodas dos carros, de xeito que

non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: -"Fuxamos dos israelitas, pois

Iavé loita por eles contra nós".

 

26O Señor díxolle a Moisés: -"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os

exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". 27Moisés alongou a man cara ó mar e,

contra a mañá, este volveu ó seu sitio. 28Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor

alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e

todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.

 

29Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á

súa dereita e á súa esquerda. 30Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios.

Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. 31Israel recoñeceu con que man

poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo

Moisés.

 

15 1Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:

-"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,

cabalo e cabaleiro alagou no mar.

 

 

SALMO RESPONSRIAL Éx 15, 8-9. 10 e 12. 17

R/ (1a): Cantemos ó Señor, que se cubriu de gloria

 

8 Co soprido do teu furor amoréanse as augas,

érguense en diques as correntes,

callan as augas do mar.

9 Os inimigos dicían: Perseguirei, atraparei,

repartirei botín, ata farta-la cobiza;

sacarei a miña espada, despoxarei coa miña man.

 

10 Pero botaches ti un sopro, e cubriunos o mar,

afundíronse coma chumbo nas augas embravecidas.

12 Soamente tendíche-la destra, e enguliunos a terra.

 

17Ti leváchelo e plantáchelo na túa propiedade,

no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada,

no santuario que ti fundaches coas túas mans.

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Miq 7, 14-15. 18-20

Botará no fondo do mar tódolos nosos pecados

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

 14Pastorea, Señor, ó teu pobo co teu caxato, o rabaño da túa herdanza,

que vive solitario na foresta, no medio dunha fértil camposa.

Que pazan en Baxán e Galaad, coma nos días doutros tempos.

15Coma nos días da túa saída de Exipto, fainos ver marabillas.

18¿Que Deus hai coma ti, que quita a iniquidade,

e lle pasa por alto o pecado ó resto da súa herdanza,

que non se obstina para sempre na ira,

senón que lle ten amor á misericordia?

19Cambiará de actitude, terá compaixón de nós,

esmagará as nosas iniquidades.

¡Si, ti botarás no fondo do mar tódolos nosos pecados!

20Dálle a Xacob probas de fidelidade, a Abraham probas de amor:

así llelo xuraches ós nosos pais desde os tempos antigos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 2-4. 5-6. 7-8

R/ (8a): Móstranos, Señor, o teu amor

 

2Señor, ti es bo coa túa terra,

ti restáura-la sorte de Xacob.

3Ti perdóa-las culpas do teu pobo,

ti cóbre-los seus pecados.

4Ti repríme-la túa ira

e arréda-lo ardente noxo.

 

5Restáuranos, Deus, noso salvador,

depón a túa indignación contra nós.

6¿Vas estar enfadado connosco para sempre?

¿Vas mante-la túa ira polas xeracións?

 

 7¿Non volverás xa a darnos vida

e que poida o teu pobo alegrarse contigo?

8Móstranos, Señor, o teu amor,

dáno-la túa salvación.

 

 

ALELUIA Xn 14, 23:

Quen me ama, gardará a miña palabra, di o Señor;

e o meu Pai amarao e viremos a el

 

 

 

EVANXEO Mt 12, 46-50

Extendendo a súa man cara os discípulos, dixo: velaquí a miña nai e os meus irmáns

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

46Mentres Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e mailos seus irmáns presentáronse

fóra buscando o xeito de falaren con el. 47Díxolle un:

-Mira que túa nai e mailos teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.

 

48El respondeu ó que llo dicía:

-¿Quen é miña nai e quen son os meus irmáns?

 

49E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:

-Velaí a miña nai e mailos meus irmáns. 50O que cumpre a vontade do meu Pai

celestial, ese é o meu irmán, a miña irmá e maila miña nai.

 

 

 

397.- MÉRCORES

 

ANO 1

PRIMEIRA Éx 16, 1-5. 9-15

Farei chover sobre vós pans do ceo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

16 1A asemblea dos israelitas saíu de Elim e chegou ó deserto de Sin, entre Elim e o

Sinaí, o día quince do mes seguinte á saída de Exipto. 2Toda a comunidade murmuraba

no deserto contra Moisés e Aharón. 3Dicían: -"¡Sequera morresemos pola man do Señor

na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos

a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".

 

4O Señor díxolle a Moisés: -"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e

collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa

miña lei. 5O día sexto prepararán todo o que collan, que será o dobre do recollido os

outros días".

 

9Moisés mandou a Aharón que lle dixese á asemblea dos israelitas: -"Achegádevos ó

Señor, que escoitou as vosas murmuracións". 10Mentres Aharón falaba coa asemblea

dos israelitas, voltaron os ollos cara ó deserto, e viron a gloria do Señor mostrarse na

nube.

 

11O Señor díxolle a Moisés: 12-"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O

anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o

Señor, o voso Deus".

 

13O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores

unha capa de orballo. 14Cando esvaeu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda,

coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. 15Os israelitas, ó que o

viron, preguntábanse uns ós outros: -"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo.

16Respondeulles Moisés: -"Este é o pan que o Señor

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 18-19. 23-24. 25-26. 27--28

R/ (24b): O Señor deulles trigo do ceo.

 

18Tentaron a Deus no corazón,

pedíronlle comida por cobiza.

19Falaban así contra Deus:

-"¿Poderá Deus pór unha mesa no deserto?

 

23Ordenou logo ás nubes desde arriba,

abriu as portas do ceo,

24e fixo chover maná para comeren;

deulles trigo do ceo.

 

25Comeu o home pan dos fortes,

deulles sustento a fartar.

26Fixo soprar no ceo o vento do leste,

dirixiu con poder o vento do sur,

 

27e choveu, coma po, carne sobre eles

e, coma area do mar, aves aladas.

28Botóullelos no mesmo campamento,

arredor das súas tendas.

 

 

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Xer 1, 1. 4-10

Fíxente profeta para os xentís

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

1 1Historia de Xeremías, fillo de Hilquías, que pertencía ós sacerdotes que había en

Anatot, na bisbarra de Benxamín

 

4A palabra do Señor veume dicir:

5-Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite;

antes de lle saíres das entrañas, consagreite;

constituínte profeta para as nacións.

 

6Entón eu díxenlle:

-¡Ai, meu Señor, Deus!

Repara en que non sei falar,

que son un rapaz.

 

7Logo o Señor respondeume:

-Non digas: "son un rapaz",

pois a onde eu te mande, irás;

o que eu che ordene, dirás.

 

8Non lles teñas medo,

Eu estou contigo para te salvar -é o Señor quen fala-.

 

9Alongou o Señor a súa man e tocou con ela na miña boca; logo díxome:

-Fíxate: poño a miña palabra na túa boca,

10mira que hoxe te fago inspector

sobre as nacións e sobre os reinos,

para arrincar e derrubar,

para destruír e arruinar,

para construír e plantar.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17

R/ (cf 15): A miña boca pregoará a túa salvación

 

1En ti, Señor, acóllome,

que endexamais non me vexa confundido.

2Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,

inclina o teu oído e sálvame.

 

3Se ti a rocha do meu refuxio

sempre disposta para salvarme:

Ti que e-la miña forte cidadela.

4Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados,

 

5Ti es, Señor, a miña esperanza,

a miña confianza, Señor, desde a mocidade.

6Desde o nacemento apóiome en ti,

desde o seo materno ti e-lo meu amparo,

 

 15A miña boca pregoa a túa xustiza,

a túa salvación, o día enteiro.

17Desde a mocidade ensínasme ti, Deus,

e aínda hoxe eu canto os teus prodixios.

 

 

ALELUIA

A semente é a palabra de Deus, o sementador é Cristo;

quen o encontra, permanecerá para sempre

 

 

EVANXEO Mt 13, 1-9

Daban o cento por un

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

13 1Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. 2Tanta era a xente

reunida ó pé del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na

beira. 3E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:

-Dunha vez saíu un labrego a sementar. 4E ó bota-la semente, parte dela foi caendo polo

camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. 5Outra caeu entre as pedras, onde a

penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; 6pero non ben

saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. 7Outra parte caeu na silveira, e ó

medraren as silvas afogárona. 8Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra,

sesenta; outra, trinta. 9¡Quen teña oídos que escoite!

 

 

398.- XOVES

 

 ANO 1

PRIMEIRA Éx 19, 1-2. 9-11. 16-20b

Baixará o Señor sobre todo o pobo no monte do Sinaí

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

19 1O día en que se cumprían os tres meses da saída dos israelitas de Exipto, chegaron ó

deserto do Sinaí. 2Pro-cedentes de Refidim, chegaron ó deserto do Sinaí e acamparon

alí, ó pé do monte.

 

9O Señor díxolle a Moisés: -"Voume acercar a ti na mesta nube, para que o pobo oia

como falo contigo e para que en diante crea en ti". Moisés levoulle ó Señor a resposta do

pobo.

 

10O Señor díxolle a Moisés: -"Volve onda o pobo. Purificádevos hoxe e mañá, que

laven a roupa 11e que estean preparados para de aquí a tres días, pois no terceiro día

baixará o Señor sobre o monte Sinaí, á vista de todo o pobo.

 

16O amañecer do terceiro día houbo trebóns e lóstregos, e unha nube mesta cubría a

montaña. A trompeta soou moi forte e o pobo no campamento arrepiaba co medo.

 

17Moisés fixo saí-lo pobo do campamento, e levouno ó encontro de Deus. Quedaron

todos en pé na aba da montaña. 18O monte Sinaí fumegaba todo, porque o Señor

baixara sobre el en medio de lume. Subía fume coma dun forno e toda a montaña

tremecía. 19O son da trompeta facíase máis forte, mentres Moisés falaba e Deus

respondíalle polo trebón.

 

20O Señor baixou sobre o monte Sinaí, ó seu cume, e chamou por Moisés, para que

subise onda El. E Moisés subiu.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56

R/ (52b): Digno de gloria e da meirande louvanza polos séculos.

 

52"Bendito es Ti, Señor, Deus de nosos pais,

digno de gloria e da meirande louvanza polos séculos.

 

Bendito o teu nome, santo e glorioso,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

53Bendito es Ti no templo da túa santa gloria,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

54Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

55Bendito es Ti que sondéa-los abismos sentado sobre querubíns,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

56Bendito es Ti no firmamento do ceo,

louvado e cheo de gloria para sempre.

 

 

ANO 2

 

PRIMERA Xer 2, 1-3. 7-8. 12-13

Deixáronme a min que son fonte de auga viva e fóronse cavar pozos secos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

2 1Veume a palabra de Deus:

 

2-Vai e berra nos oídos de Xerusalén:

Así me ten dito o Señor:

quero recordarche o agarimo da túa xuventude,

o amor do teu namoro,

o teu camiñar tras de min polo deserto,

por terras sen sementeira.

3Israel era a propiedade escollida de Deus,

primicia da súa colleita;

sempre que calquera se atreva a comela, pagarao,

viralle enriba unha calamidade -é o Señor quen fala-.

7Eu conducinvos ó país dos hortos,

para que comeséde-los seus froitos e os seus bens;

pero vós entrastes e luxáste-la miña terra,

convertestes en algo noxento o meu eidiño.

8Os sacerdotes xa non preguntan:

¿Onde está o Señor?

Os que tiñan que conserva-la Lei,

xa non me coñecen,

os pastores aborrécenme,

os profetas profetizan en nome de Baal,

van tras deuses que de nada serven.

12Os ceos véñense fixando nisto,

están estarrecidos e alporizados desde entón,

-é o Señor quen fala-,

13pois dúas maldades cometeu o meu pobo:

deixoume a min, viveiro de auga vivificadora,

polos pozos gretados que non reteñen a auga.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 35, 6-7ab. 8-9. 10-11

R/ (10a): En ti está, Señor a fonte da vida

 

6A túa misericordía, Señor, alcanza o ceo,

a túa fidelidade chega ás nubes.

7A túa xustiza é alta coma os montes,

os teus xuízos son fondos coma o mar.

 

8¡Que precioso, Deus, é o teu amor!

Os humanos acóllense á sombra das túas ás,

9fártanse coa abundancia da túa casa.

Ti dáslles a beber do río das túas delicias,

 

10pois está en ti a fonte da vida,

e a túa luz fai que vexamos nós a luz.

11Alonga o teu favor ós que te recoñecen,

a túa providencia ós rectos de corazón.

 

 

 

ALELUIA Cf Mt 11, 25:

Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra

porque lle revelaches ós humildes os misterios do reino

 

 

EVANXEO Mt 13, 10-17

A vós concedéusevos coñece-los misterios do reino, ós demais non

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

10Achegándose os discípulos a Xesús e dixéronlle:

-¿Por que lles falas en parábolas?

 

11El respondeulles:

-Porque a vós concedéusevos coñece-los misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non.

12Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle

quitará. 13Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non

oen nin entenden. 14Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:

 

Oír, oiredes, pero non entenderedes;

ollar, ollaredes, pero non veredes.

15Porque o corazón deste pobo está insensibilizado:

endureceron os seus oídos

e pecharon os seus ollos,

para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos,

nin entenderen co seu corazón nin se converteren

para que eu os cure.

 

16¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mailos vosos oídos, porque oen!

17Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ve-lo que vós vedes, e non o

viron, e oí-lo que vos oídes, e non o oíron.

 

 

 

399.- VENRES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Éx 20, 1-17

A Lei foi dada por medio de Moisés (Xn 1, 17)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

20 1O Señor pronunciou estas palabras:

2-"Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de

escravitude.

 

3Non terás xunto comigo outros deuses.

 

4Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na

terra, nin nas augas de debaixo da terra. 5Non te postrarás diante delas nin as adorarás,

pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu

castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos. 6Pero no caso dos que

me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por tódalas xeracións.

 

7Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen

castigo ó que pronuncia en van o seu nome.

 

8Pensa no día do sábado, para o faceres día santo. 9Traballarás seis días na semana, e

neles fara-la túa tarefa. 10Pero o día sétimo é sábado, adicado ó Señor o teu Deus. Nel

non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa

serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. 11Porque o Señor

fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou.

Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.

 

12Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor teu

Deus che dá.

13Non matarás.

14Non cometerás adulterio.

15Non roubarás.

16Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.

17Non cobizara-la casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa

escrava, nin o seu boi, nin o seu xumento, nin nada de canto é seu".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8. 9. 10. 11

R/ (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna

 

8A lei do Señor é perfecta:

reconforta a alma;

a declaración do Señor é firme:

fai sabio ó inxenuo;

 

9os mandatos do Señor son rectos:

aledan o corazón;

o precepto do Señor é limpo:

ilumina os ollos;

 

10o temor do Señor é puro:

permanece por sempre;

as decisións do Señor son verdadeiras:

enteiramente xustas.

 

11Son máis cobizables có ouro

máis có metal precioso;

son máis doces có mel,

máis có zume da antera.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Xer 3, 14-17

Dareivos pastores conforme ó meu corazón; e tódolos pobos serán congregados en

Xerusalén

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

14Arrepentídevos, fillos apóstatas

-é o Señor quen fala-,

velaquí, eu serei o voso defensor:

collereivos a un de cada cidade, e a dous de cada tribo

e traereivos a Sión.

 

15Dareivos pastores conforme a miña idea

que vos gobernen con sabedoría e sexan prudentes.

16Habédesvos de multiplicar

e aumentar no país naqueles días -é o Señor quen fala-.

Ninguén falará da arca da alianza do Señor,

nin se lles virá á cabeza, nin se lembrarán dela,

nin a botarán de menos, nin farán unha nova.

17No tempo aquel chamaranlle a Xerusalén "trono de Deus"

e xuntaranse nela tódolos pobos

polo poder do Señor e por mor de Xerusalén,

e xa non volverán a segui-los desexos do seu ruín corazón.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Xer 31, 10. 11-12ab. 13

R/ (cf 10d): O Señor gardaranos coma un pastor ó seu rabaño

 

10Escoitade a palabra do Señor, pobos,

facédea coñecer nas illas de lonxe, anunciádea:

-O que dispersou a Israel, xuntarao,

e gardarao coma un pastor o seu rabaño.

 

11Certo, rescatará o Señor a Xacob,

librarao dunha man máis forte.

12Chegarán para festexalo á cima de Sión,

correrán cara ós bens do Señor,

 

13Entón a virxe alegrarase na danza,

os mozos e os vellos andarán ledos;

eu cambiarei o seu loito en ledicia,

consolareinos e alegrareinos

despois da súa aflicción.

 

 

 

ALELUIA Cf Lc 8, 15:

Ditosos os que con corazón bo e perfecto gardan a palabra do señor

e dan froito con paciencia

 

 

 

EVANXEO Mt 13, 18-23

Quen escoita a palabra e a comprende, tamén da froito

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

18Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: 19Sempre que un escoita a Palabra do

Reino e non a entende, vén o Maligno e arrepáñalle o sementado no seu co-razón: esa é

a que caeu no camiño. 20O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a

Palabra, de seguida a recibe con alegría; 21pero, ó non ter raíz e ser inconstante, así que

veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona. 22O

que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do

mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. 23Pero o que foi

sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que

dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.

 

 

 

400.- SÁBADO

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Éx 24, 3-8

Este é o sangue da alianza que estableceu o Señor convosco

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

3Moisés veu e expúxolle ó pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a

unha respondeu: -"Faremos todo o que dixo o Señor". 4Moisés puxo por escrito tódalas

palabras do Señor.

 

O día seguinte Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou

doce estelas, polas doce tribos de Israel. 5Despois mandou a algúns mozos israelitas que

ofrecesen holocaustos e sacrificios de comunión ó Señor. 6Moisés colleu a metade do

sangue e botouna en recipientes, e a outra metade asperxeuna no altar. 7Despois colleu o

libro da alianza e leullo en voz alta ó pobo. Este respondeu: -"Faremos todo o que dixo

o Señor, e obedeceremos". 8Entón colleu Moisés o sangue e asperxiu ó pobo con el,

dicindo: -"Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme as palabras

lidas".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 1-2. 5-6. 14-15

R/ (14a): Ofrécelle a Deus a louvanza

 

Fala o Señor, o Deus dos deuses,

convoca a terra desde oriente a occidente.

2Desde a fermosa Sión Deus resplandece,

 

5-"Congregade ante min os meus fieis,

que cun sacrificio fixeron comigo alianza".

6Os ceos anunciarán a súa xustiza,

pois é Deus mesmo quen xulga.

 

14Ofrécelle a Deus a louvanza

e cumpre os teus votos ó Altísimo.

15Invócame no tempo do apuro:

eu salvareite e ti darasme gloria".

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Xer 7, 1-11

¿Seica se converteu en cova de ladróns a casa sobre a que se invocou o meu nome?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

7 1Ordes que de parte de Deus recibiu Xeremías:

2-Ponte de pé onda a porta do templo,

e proclama alí este discurso:

¡Escoitade a palabra do Señor,

todo Israel,

os que entrades por estas portas

para adora-lo Señor!

 

3Así fala o Señor dos Exércitos,

Deus de Israel:

-Mellorade o voso comportamento

e os vosos feitos,

e consentirei en que plantéde-la tenda

neste sagrado.

4Non vos fiedes das palabras mentireiras

 que se repiten:

"Velaquí o templo do Señor,

o templo do Señor, o templo do Señor".

5Se melloráde-la vosa conducta

e os vosos feitos,

se facedes xustiza

entre un home e o seu próximo,

6se non explotáde-lo estranxeiro,

o orfo e a viúva,

se non vertedes sangue inocente

neste lugar santo,

e se non vos ides tras deuses alleos, para a vosa desgracia,

7eu morarei convosco neste lugar santo,

no país que lles dei a vosos pais

desde hai tanto tempo e para sempre.

8Fiádesvos, en cambio,

desas palabras mentireiras sen proveito.

9¿E logo non matades, roubades,

cometedes adulterios e xurades en falso?

¿Acaso non ofrendades incenso a Baal

e ides tras deuses alleos

que antes nin coñeciades?

10¡E aínda vides presentarvos

diante de min neste templo

no que se invoca o meu Nome,

e dicides: "Estamos salvados",

coa intención de seguir facendo

todas estas abominacións!

11¿Acaso é unha cova de bandidos

este templo,

onde se invoca en alto

o meu Nome ós vosos ollos?

Ollade que eu o estou vendo

-é o Señor quen fala-.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11

R/ (2): ¡Que admirable a túa morada, Señor de poder!

 

3A miña alma ten saudade,

consómese polos teus adros;

o meu corazón e todo o meu corpo

reloucan polo Deus vivo.

 

4Mesmo o paxaro atopa casa,

a andoriña un niño

onde poñe-los filliños,

ó pé dos teus altares,

Señor dos exércitos,

meu rei e meu Deus.

 

5Ditosos os que habitan na túa casa

e decote te louvan.

6Ditosos os que atopan en ti forza

8Atravesan de forte en forte,

 

11Un día nos teus adros vale por máis de mil:

eu prefiro o limiar da casa do meu Deus

que habitar na tenda dos malvados.

 

 

ALELUIA Sant 1, 21bc:

Recibide docilmente a palabra que se vos ofrece,

e que pode salva-las vosas vidas

 

 

EVANXEO Mt 13, 24-30

Deixade que medren xuntas ata a seitura

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

24Xesús contoulle á xente outra parábola:

-Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. 25Pero

mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e

marchou. 26Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.

 

27Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa

leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?" 28El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".

 

Os criados preguntáronlle: "¿Queres que o vaiamos arrincar?" 29El respondeulles:

"Non, non sexa que ó collérde-lo xoio arrinquedes tamén o trigo. 30Deixádeos medrar

xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir ós segadores: Apañade primeiro

o xoio, e atádeo en móllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".