Semana XX

 
 

SEMANA 20ª DO TEMPO ORDINARIO

 

419.- LUNS

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xuic 2, 11-19:

O Señor fixo xurdir xuices, pero nin a eles quixeron escoitar

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS XUICES

 

11Cometeron o mal os fillos de Israel diante do Señor, e serviron ós baales. 12E

abandonaron ó Señor, o Deus de seus pais, que os sacara da terra de Exipto, e foron

detrás dos deuses alleos, dos deuses de pobos que estaban arredor deles, e postráronse

diante deles, e alporizaron ó Señor. 13Abandonaron ó Señor, e serviron a Baal e ás

axtartés.

 

14E alzouse a ira do Señor contra Israel, e púxoos nas mans de saqueadores, que os

abateron, e entregounos nas mans dos inimigos do arredor, e xa non se puideron rexer

diante dos seus adversarios. 15En todo aquilo que acometían, a man do Señor estaba con

eles para mal, como o Señor lles tiña dito e xurado, de modo que os anguriou abondo.

 

16Máis adiante fixo o Señor xurdir xuíces, e salvounos das mans dos seus saqueadores.

17Pero tampouco non escoitaron ós seus xuíces, pois corrompéronse detrás de deuses

alleos e abaixáronse diante deles; arredáronse axiña do camiño que percorreran seus

pais, que escoitaran os mandatos do Señor: eles, en troques, non fixeron así.

 

18E cando o Señor fixo xurdir xuíces para eles, o Señor estaba co xuíz, e salvábaos das

mans dos seus inimigos durante tódolos días de vida do xuíz, pois conmovérase o Señor

polos choros deles, ó seren oprimidos e desprezados. 19Pero, á morte do xuíz, volvían

ás andadas, e corrompíanse aínda máis ca seus pais, indo tras dos deuses alleos, para

servilos e abaixarse diante deles; non deron de man ás súas obras ruíns nin ós seus

teimudos camiños.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 105, 34-35. 36-37. 39-40. 43ab e 44

R/ (4a): Acórdate, Señor, de nós

e compadécete do teu pobo

 

 34Non destruíron os pobos

que o Señor lles mandara.

35Mesturáronse coas xentes,

aprenderon os seus costumes.

 

36Deron culto ós seus ídolos,

caeron nas súas trampas.

37Inmolaron para os demos

os seus fillos e as súas fillas.

 

 39Lixáronse coas súas obras,

corrompéronse coas súas accións.

40O Señor irritouse co seu pobo

e aborreceu a súa herdanza.

 

 

43Moitas veces os librou,

pero eles, obstinados na súa teima,

44Mais El ollaba a súa aflicción

e escoitaba os seus salaios.

 

 

ANO 2

 

 PRIMEIRA Ez 24, 15-24:

Ezequiel serviravos de sinal admirable: faredes tal como fixo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

15Veume a palabra do Señor nestes termos:

16-Fillo de Adam, velaí, vouche arrebatar de repente

a alegría dos teus ollos.

Non fagas dó nin chores

e que non che veñan as bágoas.

17Quéixate en silencio pola túa morta,

non fagas dó;

cingue o teu turbante

e calza nos pés as túas sandalias;

non cúbra-la barba

nin comas pan doutros homes.

18Pola mañá faleille ó pobo,

e polo serán morreu a miña muller

e á mañá seguinte

fixen tal como se me mandou.

 

19Entón díxome a xente:

-¿Acaso non nos vas mostrar

que queren dicir estas cousas?

¿Que é o que estás facendo?

 

20Logo, díxenlles:

-Veume a palabra do Señor nestes termos:

21Dille á Casa de Israel: isto di o meu Señor, Iavé:

-Sabede que eu vou profana-lo meu santuario,

o orgullo da vosa cidadela,

a alegría dos vosos ollos,

e instrumento de expiación polas vosas vidas.

Os fillos e as fillas que deixastes

caerán pola espada.

22Entón faredes tal como eu fixen:

Non taparéde-la barba

nin comeredes pan doutros homes.

23Seguiredes cos turbantes nas vosas cabezas

e coas sandalias nos vosos pés;

non faredes dó nin choraredes,

consumirédesvos por culpa das vosas iniquidades,

e lamentarédesvos cada un polo seu irmán.

24E cando isto veña,

Ezequiel serviravos de sinal admirable:

faredes todo tal coma el fixo

e recoñeceredes que eu son o Señor, Iavé.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Dt 32, 18-19. 20. 21

R/ (cf 18a): Desprezaches a deus, que te deu a luz

 

18 Desprezáche-lo Penedo que te deu a luz,

esquecíche-lo Deus que te trouxo ó mundo.

19 Viu isto o Señor con enfado,

rexeitou a seus fillos e a súas fillas.

 

20E dixo: Esconderéille-lo meu rostro benévolo,

verei cal é o seu porvir,

pois eles son unha xeración de perversión,

fillos nos que non hai fidelidade.

 

21 Eles provocaron os meus celos con quen non é deus,

enfadáronme cos seus ídolos ilusos;

pero eu provocarei os seus celos con quen non é pobo,

cunha nación tola enfadareinos.

 

 

 

ALELUIA Mt 5, 3:

Ditosos os pobres de espírito,

porque deles é o reino dos ceos

 

 

EVANXEO Mt 19, 16-22:

Se queres ser perfecto, vende todo canto tes, e terás un tesouro no ceo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

16Acercouse un a Xesús para lle preguntar:

-Mestre, ¿que teño que facer de bo para acada-la vida eterna?

 

17El contestoulle:

-¿Por que me preguntas acerca do bo? Soamente Un é Bo. E se queres entrar na vida,

garda os mandamentos.

 

18El preguntoulle:

-¿Cales?

 

-Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño;

19honra a teu pai e a túa nai, e ama ó teu próximo coma a ti mesmo.

 

20O mozo contestou:

-Todas esas cousas xa as gardo. ¿Que é o que me falta?

 

21Respondeulle Xesús:

-Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes, e dállelo ós pobres, e terás un tesouro no

ceo; e despois, ven e sígueme.

 

22Oíndo estas cousas, o xove marchou moi aflixido: tiña moitos bens.

 

 

420.- MARTES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xuic 6, 11-24a:

Guideón, liberarás a Israel: date conta que eu te mandei

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS XUICES

 

 11Chegou un anxo do Señor e sentouse debaixo da aciñeira que hai en Ofrah, que é de

Ioax o de Abiezer; e Guideón -o seu fillo-, estaba batendo o gran de trigo no lagar, ás

escondidas dos madianitas. 12E viuno o anxo do Señor, e díxolle: -"¡Que o Señor estea

contigo, home valente!" 13E replicoulle Guideón: -"Escoita, meu señor: se Iavé está

connosco, ¿por que nos atopamos con todo isto?; ¿e onde van tódolos seus milagres que

nos contaron nosos pais, dicindo: ¿Logo non nos fixo subir Iavé de Exipto?; e agora o

Señor rexeitounos e púxonos nas mans dos madianitas".

 

14Entón volveuse a el Iavé e dixo: -"Vai con esa forza que tes e salva a Israel das mans

dos madianitas. ¿E logo non te envío eu?" 15E replicoulle: -"Perdón, meu Señor, ¿de

que xeito vou eu salvar a Israel? Velaquí que o meu clan é o máis pobre de Menaxés e

eu son o máis novo da casa de meu pai". 16E díxolle Iavé: -"Xa que eu estarei contigo,

baterás ós madianitas como se dun só home se tratase". 17E engadiu Guideón: -"Por

favor, se atopei benquerencia ós teus ollos, fai para min un sinal de que es ti quen está

falando comigo. 18Rógoche que non te retires de aquí, ata que eu chegue onda ti e che

traia o meu agasallo e cho presente diante". E dixo Deus: -"Descoida, que eu

permanecerei ata o teu regreso".

 

19E Guideón foi para dentro, e arranxou un cabrito; e cun efah de fariña fixo bolos de

pan ázimo; e puxo a carne nun cesto e o pebre nunha ola, e sacoullo todo para debaixo

da aciñeira, e ofreceullo. 20E díxolle o anxo de Deus: -"Colle a carne e mailos bolos e

póusaos nesa pedra; e o pebre, tírao". E fíxoo así.

 

21Entón, o anxo de Iavé alongou o bico do bastón que tiña na súa man e tocou a carne e

os bolos; e da pedra xurdiu lume que consumiu a carne e mailos bolos; e o anxo de Iavé

desapareceu da súa vista.

 

22Daquela viu Guideón que era o anxo do Señor, e dixo: -"¡Ai, meu Señor Iavé, que vin

o anxo de Iavé cara a cara!" 23E respondeulle o Señor: -"Paz para ti. Non teñas medo,

non vas morrer".

 

24E construíu alí Guideón un altar para o Señor, e chamoulle Iavé Paz

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9. 11-12. 13-14

R/ (9b): O Señor fala de paz ó seu pobo

 

9Escoitarei o que di o noso Deus:

certamente o Señor fala de paz

para o seu pobo e os seus amigos,

para aqueles que se converten e confían.

 

11O amor e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e maila paz.

12Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.

 

13O mesmo Señor dará os bens,

a nosa terra dará os froitos.

14A xustiza irá dediante del,

guiará os seus pés no camiño.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Ez 28, 1-10:

Home es e non deus, e resulta que déche-lo teu corazón coma se fora de deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

 28 1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2-Fillo de Adam, dille ó príncipe de Tiro:

Así fala o meu Señor, Iavé:

-Dado que se ensoberbeceu o teu corazón

e pensaches: "Son un deus,

estou sentado nun trono de deuses

no corazón do mar",

sendo ti un home, non un deus;

aínda que ti pensaches que tiñas unha sabedoría

coma a dos deuses.

3¡Seica ti es máis sabio ca Daniel e

ningún misterio se che resiste!

 

4Coa túa habilidade e coa túa agudeza

conseguiches ouro e prata entre os teus tesouros.

5Con aguda listeza nos teus tratos

aumentáche-la túa fortuna,

e coa riqueza o teu corazón volveuse orgulloso.

6Por isto así fala o meu Señor, Iavé:

-Porque consideráche-la túa sabedoría

coma a sabedoría dun deus,

7por isto, velaí que eu vou traer contra ti

os bárbaros, os máis tiranos dos pobos;

desenfundarán as súas espadas contra a túa preciosa sabedoría

e acoitelarán o teu esplendor.

8Farante baixar ó Abismo, e no corazón do mar

morrerás coa morte do acoitelado.

9¿Aínda te atreverás a dicir: "Eu son un deus"

na presencia dos que te van matar?

Pois ti es un home, non un deus,

nas mans dos que te van acoitelar.

10Nas mans dos bárbaros morrerás coa morte dos castrados,

pois eu son quen falei,

-oráculo do Señor-.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Dt 32, 26-27ab. 27cd-28. 30. 35cd-36ab

R/ 39c): Eu farei morrer e farei vivir

 

26 Pensei: vounos espallar,

vou facer desaparece-la súa lembranza de entre os homes,

27 se non temese provoca-lo inimigo

e que os seus adversarios se fagan ilusións

dicindo: A nosa man é poderosa,

pois non foi o Señor quen fixo todo isto.

28 Si, son un pobo que derrama os plans,

e neles non hai intelixencia.

 

30 ¿Como un home pode perseguir a mil

e como dous homes fan fuxir a dez mil,

se non é que o seu Penedo llelos vende

e se non é que o Señor llelos entrega atados?

 

Certo que está próximo o día da súa ruína,

certo que vén ás présas preparado para eles.

36Si, o Señor faralle xustiza ó seu pobo,

e conpadecerase dos seus servos.

 

 

ALELUIA 2 Cor 8, 9:

Xesús Cristo, sendo rico, fíxose pobre,

para que, coa súa pobreza, vós fosedes ricos

 

 

 

 EVANXEO Mt 19, 23-30:

É máis facil que pase un camelo polo furado dunha agulla ca que se salve un rico

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 23Dilles Xesús ós seus dicípulos:

-Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino dos Ceos; 24volvo a

asegurarvos; é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico

entrar no Reino dos Ceos.

 

25Oíndo aquilo, os discípulos aínda estaban máis abraiados e comentaron:

-Pero logo, ¿quen se vai poder salvar?

 

26Mirando para eles fixamente, díxolles:

-Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible.

 

27Entón interveu Pedro dicindo:

-Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?

 

28Xesús respondeu:

-Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do

Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgárde-las doce

tribos de Israel. 29E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou

leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.

 

30E hai moitos que son os primeiros e serán os últimos; e moitos que son os últimos e

serán os primeiros.

 

 

 

 421.- MÉRCORES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xuic 9, 6-15:

Dixestes: un rei mandará en nós, cando era o Señor quen reinaba en vós (1 Sam 12, 12)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS XUICES

 

6Xuntáronse tódolos señores de Xequem e de Bet-Miló e foron e proclamaron rei a

Abimélec onda a aciñeira da estela que hai en Xequem.

 

7E informaron a Iotam, e foise poñer no cume do Monte Garizim, e dispuxo a súa voz

para falar ben alto. E dixo: -"Escoi-tádeme, señores de Xequem, e que Deus vos escoite

tamén a vós:

8Puxéronse en camiño as árbores

para unxir un rei para elas,

e dixéronlle á oliveira:

¡reina sobre nós!

9E respondéulle-la oliveira:

¿E hei de renunciar eu ó meu aceite,

co que se honraron deuses e homes,

para me ir abanear polas árbores?

10Dixéronlle entón as árbores á figueira:

¡ven reinar sobre nós!

11E respondéulle-la figueira:

¿E vou renunciar eu á miña dozura

e ós meus saborosos froitos,

para me ir abanear polas árbores?

12E dixéronlle as árbores á vide:

¡ven reinar sobre nós!

13E respondéulle-la vide:

¿E hei de renunciar eu ó meu viño,

que fai poñer ledos a deuses e homes,

para me ir abanear polas árbores?

14Daquela dixeron tódolas árbores á silveira:

¡ven reinar sobre nós!

15E díxolle-la silveira ás árbores:

se con sinceridade me unxides

para se-lo voso rei,

vídevos cobexar á miña sombra;

pero se non é así,

que saia lume da silveira,

que devore ós cedros do Líbano.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 20, 2-3. 4-5. 6-7

R/ (2a): Señor, co teu poder alégrase o rei

 

2Señor, co teu poder alégrase o rei,

exulta coa túa victoria.

3Ti outórgaslle o que arela o seu corazón,

non lle néga-lo que piden os seus labios.

 

4Sáeslle ó encontro coa túa bendición

e poslle na cabeza coroa de ouro fino.

5Pídeche vida, e ti dáslle

duranza de días sen fin.

 

6A súa gloria medra coa túa axuda;

revístelo de honor e maxestade.

7Dáslle constante bendición,

alégralo coa túa presencia.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Ez 34, 1-11:

Vou salva-las miñas reses das súas bocas,

e non lles servirán máis de comida.

Liberarei o meu rabaño da súa lingua e nunca máis será para eles comida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

 34 1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2-Fillo de Adam, profetiza contra os pastores de Israel,

profetiza e dilles:

Pastores, así fala o Señor Deus:

-¡Ai dos pastores de Israel

que se están apacentando a si mesmos!

¿Non é o rabaño o que teñen que apacenta-los pastores?

3Comédeslle a manteiga,

vestídesvos da súa lá;

matáde-la res gorda,

pero o rabaño non o apacentades.

4Non fortalecéste-la res débil

nin curáste-la enferma,

nin vendáste-la da pata partida;

nin fixestes volve-la extraviada,

nin buscáste-la perdida,

senón que as dominastes

¡e con que opresión!

5Espalláronse por falta de pastor

e convertéronse en pasto de tódalas feras do monte,

¡e como se descarreiraron!

6Andaron perdidas as reses do meu rabaño

por tódalas montañas, por tódolos altos outeiros;

e por toda a superficie da terra erraron as reses do meu rabaño,

por falta de quen lles seguise as pisadas

e por falta de quen as buscase.

7Por isto, pastores, escoitade a palabra do Señor:

8-¡Pola miña vida! -é o meu Señor, Iavé, quen fala-

por converterse o meu rabaño en presa

e por se-lo meu rabaño pasto de tódalas feras do monte, por falta de pastor,

pois os meus pastores non seguiron o rastro do meu rabaño,

senón que os meus pastores se apacentaron a si mesmos,

e o meu rabaño non o apacentaron;

9por isto, pastores, escoitade a palabra do Señor:

 

10Así fala o meu Señor, Iavé:

-Vede, eu estou contra estes pastores:

voulles reclamar a eles as reses do meu rabaño

e retirarei o meu rabaño do seu poder,

pois estes pastores non se volverán apacentar a si mesmos;

vou salva-las miñas reses das bocas dos pastores,

e non lles servirán máis de comida.

11Pois así fala o meu Señor, Iavé:

-Velaí, eu en persoa virei

seguírlle-las pisadas ás miñas reses e buscalas.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 22, 1-3a. 3b-4 5. 6

R/ (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

 

O Señor é o meu pastor: nada me falta.

2Os pastos verdecentes lévame a repousar,

lévame a beber ás augas tranquilas:

3El repón as miñas forzas.

 

 Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

4Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo:

o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

 

5Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.

 

6A túa bondade e o teu amor vanme seguindo

tódolos días da vida.

Eu habitarei na casa do Señor

ó longo dos meus días.

 

 

 

ALELUIA Heb 4, 12:

A palabra de Deus e viva e eficaz,

descubre os pensamentos e intencións do corazón

 

 

EVANXEO Mt 20, 1-16a:

¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dille Xesús á xente esta parábola:

20 1O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar

xornaleiros para a súa viña. 2Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa

viña. 3Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. 4E díxolles:

 

-Ide vós tamén á miña viña, e daréivo-lo xusto.

 

5Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. 6Pero aínda

volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:

-Pero, ¿que facedes aquí, todo o día sen traballar?

 

7Eles responderon:

-É que ninguén nos contratou.

 

El díxolles entón:

-Ide vós tamén á miña viña.

 

8Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador:

-Chama os xornaleiros e págalle-lo xornal: empézasme polos últimos e acabas polos

primeiros.

 

9Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. 10Cando chegaron os

primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. 11O

recibilo, murmuraban contra o propietario:

12-Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturámo-lo

peso e a caloraza do día.

 

13Pero el replicoulle a un deles:

-Amigo, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? 14Pois colle o

teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, 15¿non teño dereito a face-lo

que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?

 

16Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos.

 

 

 

422.- XOVES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xuic 11, 29-39a:

Ó primeiro que saia da casa, ofrecereino en sacrificio

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS XUICES

 

29Veu sobre Iefté o espírito do Señor e atravesou Galaad e Menaxés; e pasou a Mispah

de Galaad e de Mispah de Galaad pasou onda os fillos de Amón.

 

30E fixo Iefté un voto ó Señor, dicindo: -"Se de certo po-los fillos de Amón nas miñas

mans, 31o que saia das portas da miña casa ó meu encontro, ó voltar eu victorioso de

onda os fillos de Amón, será para o Señor e ofrecereino en holocausto".

 

32E púxose Iefté a batallar contra os fillos de Amón e entregounos Iave nas súas mans.

33E desbaratounos desde Aroer ata a entrada de Minit (vinte cidades), e ata Abel-Que-

ramim: unha desfeita grande abondo, de xeito que os fillos de Amón quedaron

abaixados diante dos fillos de Israel.

 

34E chegaba Iefté a Mispah, á súa casa, cando súa filla saíu ó seu encontro con

pandeiros e con danzas (e era ela a única filla, pois non tiña el máis fillos nin fillas).

35E, ó vela, rachou as súas vestiduras e exclamou: -"¡Ouh miña nena! Magoáchesme de

verdade, e ti e-la razón da miña mágoa, pois dei a miña palabra ó Señor e non podo

botarme atrás". 36E respondeulle ela: -"Meu pai: se deches unha palabra ó Señor, fai

comigo segundo o que prometiches, xa que o Señor che concedeu vingarte dos teus

inimigos, os fillos de Amón". 37E engadiu: -"O que che pido é o seguinte: que me

deixes dous meses ceiba, para que vaia vagando polos montes, choran-do coas miñas

amigas a miña virxinidade". 38E respondeulle el: -"¡Vai!" E deixouna ir durante dous

meses; e foi ela coas súas amigas e chorou polos montes a súa virxinidade. 39E, ó

remate dos dous meses, volveu onda seu pai e este cumpriu con ela o voto que fixera

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 39, 5 . 7-8a . 8b-9. 10

R/ (cf 8a e 9a): Aquí veño, Señor, face-la túa vontade

 

5Feliz o que pon no Señor a esperanza

e non acode ós arrogantes,

que se extravían no engano.

 

7Ti non queres sacrificios e ofrendas

-sobre iso abríchesme o oído-,

non pides holocaustos nin víctimas expiatorias.

8Entón digo: -"Aquí veño

co libro escrito para min".

 

9Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero;

a túa lei está no fondo de min mesmo.

 

10Proclamo a túa salvación na asemblea,

non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ez 36, 23-28:

Dareivos un corazón novo e o meu Espírito estará no medio de vós

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

Isto di o Señor:

23Vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,

profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.

Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor

-é o meu Señor, Iavé, quen fala-,

cando eu vos faga recoñece-la miña santidade na súa presencia.

24Pois recollereivos das nacións,

xuntareivos de tódolos países

e traereivos á vosa terra.

25Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;

de tódalas vosas impurezas e de tódalas vosas idolatrías heivos purificar.

26Dareivos un corazón novo

e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;

sacarei da vosa carne o corazón de pedra

e poreivos un corazón de carne.

27Porei nas vosas entrañas o meu espírito

e farei que camiñedes conforme os meus preceptos

e que gardéde-los meus mandamentos e os cumprades.

28Viviredes no país que lles dei a vosos pais:

seréde-lo meu pobo e eu serei o voso Deus.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 12-13 . 14-15 . 18-19

R/ (Ez 36, 25): Derramarei sobre vós auga limpa,

e quedaredes purificados de tódolos vosos pecados

 

12Crea, Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro cun espírito firme.

13Non me botes da túa presencia

e non tires de min o teu santo espírito.

 

 14Devólveme a alegría da túa salvación,

sostenme co espírito xeneroso.

15Ensinarei o teu camiño ós pecadores

e volverán a ti os descarriados.

 

18Con sacrificios ti non te compraces,

se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:

o corazón contrito e humilde

ti, Deus, non o desprezas.

 

 

 

ALLELUIA Cf Sal 94, 8ab:

Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 

 

 

EVANXEO Mt 22, 1-14:

A cantos encontredes, convidádeos á voda

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO ATEO

 

22 1E Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas ós príncipes dos sacerdotes e os

anciáns, dicindo::

2-Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. 3Mandou

os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.

 

4Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles ós convidados: Mirade que

teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mailos demais animais

cebados; todo está disposto: ¡vide á voda!" 5Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un

ás súas leiras, outro ós seus negocios. 6Os demais botáronse ós criados, maltratáronos e

matáronos.

 

7Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos

aqueles e prendéronlle lume á cidade. 8E díxolles ós criados: "A voda está preparada,

pero os convidados non a merecían. 9Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a

cantos atopedes, convidádeos á voda".

 

10Saíron ós camiños os criados e xuntaron a tódolos que atoparon, bos e malos,

enchéndose de convidados a sala da voda.

 

11Cando entrou o rei para olla-los convidados, viu un home que non vestía traxe de

voda 12e díxolle: "Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño:

13Entón o rei díxolles ós camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras,

onde será o pranto e mailo renxer dos dentes".

 

14Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.

 

 

 

 423.- VENRES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Rut 1, 1. 3-6. 14b-16. 22:

Veu Noemí con Rut, a moabita, e voltou a Belén

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE RUT

 

Comezo do libro de Rut:

1 1Aconteceu polos días en que gobernaban os Xuíces, que había fame no país, e foi un

home de Belén de Xudá emigrar ás chairas de Moab, coa súa muller e mailos dous

fillos.

 

3Morreu Elimélec -o home de Noemí- e quedou ela cos dous fillos.

 

4E procuraron para eles mulleres moabitas: o nome da primeira, Orpah, e o nome da

segunda, Rut; e residiron alí arredor de dez anos.

 

5Morreron tamén eles dous e quedou a muller sen os dous fillos e sen home.

 

6E ergueuse ela coas súas noras para voltaren das chairas de Moab, pois oíu na terra cha

de Moab que o Señor se lembrara do seu pobo e lles dera pan.

 

E bicou Orpah á súa sogra, pero Rut apegouse a ela. 15E dixo Noemí: -"Velaquí que a

túa cuñada voltou ó seu pobo e ó seu deus: volta ti detrás da túa cuñada". 16Respondeu

Rut: -"Non me pidas que te deixe, que me arrede de onda ti, pois, a onde vaias ti, irei

tamén eu, e onde te acollas, acollereime eu contigo; o teu pobo será o meu pobo, e o teu

Deus será o meu Deus.

 

22Deste xeito voltou Noemí coa súa nora Rut, a moabita, que viña das chairas de Moab.

E chegaron a Belén ó comezo da seitura da cebada.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 145, 5-6. 7. 8-9a. 9bc- 10

R/ (2a): Louva, alma miña, ó Señor

Ou: Aleluia

 

 5Feliz quen ten no Deus de Xacob a súa axuda,

no Señor, o seu Deus, a súa esperanza.

6El fixo o ceo e maila terra,

o mar e todo o que contén.

 

7El garda por sempre a súa fidelidade:

failles xustiza ós oprimidos

e dálles pan ós famentos.

O Señor libra os cativos,

 

 8o Señor abre os ollos dos cegos,

o Señor endereita os dobrados,

o Señor ama os xustos.

9O Señor protexe os forasteiros,

 

sostén os orfos e as viúvas,

extravía os camiños dos malvados.

10Reine o Señor por sempre,

o teu Deus, Sión, polas xeracións.

Aleluia.

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Ez 37, 1-14:

Osos secos, escoitade a Palabra do Señor. Sacareivos das tumbas, casa de Israel

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

37 1A man do Señor apousou sobre min e fíxome saír coa forza do seu espírito, e

púxome no medio do val, que estaba cheo de ósos. 2Fíxome pasar ante eles dando

voltas: e velaí que había moitísimos sobre a superficie do val, e estaban totalmente

resecos. 3Entón díxome:

-Fillo de Adam, ¿poderán revivir estes ósos?

 

Eu repuxen:

-Señor, Iavé, ti sábelo.

 

4Logo díxome:

-Pronuncia un oráculo sobre estes ósos e dilles:

-Osos resecos, escoitade a palabra do Señor:

5Así lles fala o meu Señor, Iavé, a estes ósos:

-Velaí: vou traer sobre vós o alento

e reviviredes.

6Porei sobre vós tendóns

e farei que criedes carne;

cubrireivos con pel, porei en vós o alento,

e reviviredes.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

 

7Eu pronunciei o oráculo tal como se me mandara; e mentres eu pronunciaba o oráculo,

houbo un trono e logo un terremoto, e os ósos xuntáronse cada un co seu compañeiro.

 

8Logo ollei e vin que sobre eles había tendóns, a carne ía medrando e a pel íaselles

estendendo por riba. Pero non había neles alento. 9Logo díxome:

-Pronúncialle un oráculo ó espírito,

pronúnciao, fillo de Adam,

e dille ó espírito:

Así fala o meu Señor, Iavé:

-Desde os catro ventos, vén, espírito,

e sopra nestes cadáveres, para que revivan.

 

10Eu pronunciei o oráculo, conforme me mandara.

 

Entón o espírito entrou neles,

e reviviron, e tíñanse de pé sobre as súas pernas:

era un exército enormemente grande.

 

11Entón díxome:

-Fillo de Adam, estes ósos son a Casa de Israel enteira.

Velaí o que din: os nosos ósos están resecos,

a nosa esperanza está perdida;

estamos esnaquizados.

 

12Por iso profetiza e dilles: así fala o meu Señor, Iavé:

-Velaí que eu vou abri-las vosas sepulturas,

e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,

e vouvos levar á terra de Israel.

13Recoñeceredes que eu son o Señor,

cando eu abra as vosas sepulturas,

e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.

14Vou poñer en vós o meu espírito

e vouvos facer revivir na vosa terra.

Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago

-é o Señor quen fala-.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 106, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

R/ (1): Glorificade ó Señor,

porque a súa misericordia é eterna

Ou: Aleluia

 

 2Dígano os redimidos do Señor,

os que El redimiu da man dos opresores

3e reuniu de tódolos países,

do nacente e do poñente,

do norte e do sur.

 

4Errando polo deserto solitario,

non atopaban camiño de cidade habitable.

5Famentos e sedentos,

encollíaselle-lo espírito.

 

6No apreto clamaron ó Señor

e El librounos da aflicción.

7Levounos por camiño dereito

cara a unha cidade habitable.

 

8Dean gracias ó Señor pola súa misericordia,

polos seus prodixios cos humanos.

9El sacia ós sedentos

e farta de bens ós famentos.

 

 

 

ALELUIA Sal 24, 4b. 5a:

Apréndeme, Señor, os teus camiños,

e diríxeme á túa verdade

 

 

EVANXEO Mt 22, 34-40

Amarás ó Señor, teu Deus, e ó teu próximo como a ti mesmo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

34Os fariseos, ó se informaren de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse;

35e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:

36-Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?

 

37El respondeulle:

-"Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o

teu entendemento. 38Este é o mandamento primeiro e máis grande. 39O segundo é

semellante a el: Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo. 40Destes dous mandamentos

dependen a Lei enteira e mailos profetas.

 

 

 

 424.- SÁBADO

 

ANO 1

PRIMEIRA Rut 2, 1-3. 8-11; 4, 13-17:

Non permitiu o Señor que esmorecera quen liberou a túa familia. Este é o pai de Isai

pai de David

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE RUT

 

 2 1Tiña Noemí un parente por parte de seu marido, un home honorable, da familia de

Elimélec; e chamábase Boaz.

 

2E dixo Rut, a moabita, a Noemí: -"Déi-xame ir ó campo, apaña-las espigas detrás

daquel en quen hei de atopar benquerencia". E respondeulle ela: -"¡Vai, miña filla!"

3Foi ela e, en chegando, púxose a respigar no agro detrás dos seitureiros. E levouna a

súa fada a unha leira do agro de Boaz (o que era da familia de Elimélec).

 

8E dixo Boaz a Rut: -"¿Oesme, miña filla? Non vaias respigar a outro agro, nin

tampouco saias deste; máis ben xúntate coas miñas criadas; 9fíxate ben no agro que

ceifan e vaite detrás delas, que xa lles deixo eu dito ós mozos que non che rifen. E,

cando teñas sede, vai ás olas e bebe do que sacan os xornaleiros". 10Entón ela abateuse,

postrándose por terra, e díxolle a el: -"¿Por que atopei benquerencia ós teus ollos, para

reparares en min, sendo como son unha estranxeira?" 11E respondeulle Boaz:

-"Quedoume ben claro todo o que fixeches coa túa sogra despois da morte do teu home,

e como deixaches a teu pai, a túa nai, e a túa terra natal, para vires a un pobo que antes

non coñecías.

 

13Colleu Boaz a Rut e foi a súa esposa; uniuse a ela, deulle a ela o Señor a preñez e

pariu un fillo.

 

14E dicíanlle as mulleres a Noemí: -"¡Lou-vado sexa o Señor, que non deixou que che

faltase hoxe un protector! ¡Que o seu nome sexa proclamado en Israel! 15El será para ti

quen che volva o alento e será o sustento da túa vellez, pois pariuno a túa nora, que tanto

te quere, e que é para ti mellor ca sete fillos".

 

16E colleu Noemí o neno, púxoo no colo, e fíxolle de neneira. 17As veciñas dábanse

parabéns e dicían: -"Naceulle un neno a Noemí". E chamáronlle Obed. El foi o pai de

Ixaí, pai de David.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 127, 1-2. 3. 4. 5

R/ (4): Así é bendito quen teme ó Señor.

 

Ditosos os que temen ó Señor

e van polos seus camiños.

2Cando comes do froito das túas mans,

ditoso ti e afortunado.

 

3A túa muller é coma parra fecunda

no medio da túa casa.

Os teus fillos coma gromos de oliveira

arredor da túa mesa.

 

 4Así é bendito

quen teme ó Señor.

 

5Bendígate o Señor desde Sión,

que vexas na prosperidade a Xerusalén

tódolos días da túa vida,

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Ez 43, 1-7a:

Entrou no templo a maxestade do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

43 1O anxo levoume cara á porta, a porta que mira en dirección do nacente, 2e vin que a

gloria do Deus de Israel chegaba da parte do nacente, e o seu ruído era como o ruído de

augas caudalosas e a cidade resplandecía coa súa gloria.

 

3¡Velaí a visión! A visión que eu vin foi como a visión que tivera cando a gloria de

Deus viñera destruí-la cidade. ¡Velaí a visión! Fora coma a que tivera xunto ó río

Quebar. Entón postreime en adoración, 4e a gloria do Señor entrou no santuario pola

porta que mira ó nacente.

 

5O espírito arrebatoume e fíxome entrar no adro interior, e velaí que a gloria do Señor

enchía o templo. 6Entón oín un que me falaba desde o templo, mentres que o home

seguía de pé ó meu lado, 7e díxome:

-Fillo de Adam, aquí te-lo lugar do meu trono,

velaquí o sitio do estrado dos meus pés,

onde eu habitarei entre os fillos de Israel para sempre.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

R/ (cf 10b): A gloria do Señor habitará na nosa terra

 

9Escoitarei o que di o noso Deus:

certamente o Señor fala de paz

10A salvación está xa preto dos que o temen,

a súa gloria habitará na nosa terra.

 

11O amor e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e maila paz.

12Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.

 

13O mesmo Señor dará os bens,

a nosa terra dará os froitos.

14A xustiza irá dediante del,

guiará os seus pés no camiño.

 

 

 

ALELUIA Mt 23, 9b. 10b:

Un é o voso Pai, o do ceo;

e o voso mestre é un só, Cristo

 

 

 

EVANXEO Mt 23, 1-12:

Din, pero non fan

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

23 1Xesús dirixiuse ós discípulos e mais á xente 2dicindo:

-Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mailos fariseos. 3Facede, logo, e cumpride

canto vos digan, pero non imitéde-la súa conducta porque falan pero non cumpren.

4Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para

os mover. 5Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as

filacterias e as franxas dos seus mantos; 6buscan os primeiros postos nos banquetes e os

primeiros asentos nas sinagogas; 7que lles fagan reverencias nos rueiros e que os

chamen "mestre".

 

8Pero vós non vos fagades chamar "señor mestre", pois un só é o voso Mestre, e todos

vós sodes irmáns. 9E a ninguén chamedes "pai" na terra porque un só é o voso Pai: o

celestial. 10Nin tampouco vos fagades chamar "dirixentes", porque un só é o voso

dirixente: Cristo. 11O máis importante entre vós debe se-lo voso servidor. 12Porque

quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.