Semana XXXIII

 

SEMANA 33ª DO TEMPO ORDINARIO

 

497.- LUNS

 

ANO 1

PRIMEIRA 1 Mac 1, 10-15. 41-43. 54-57. 62-64:

Descargou unha inmensa ira sobre Israel

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS MACABEOS

 

10Saíu un xermolo perverso, Antíoco Epífanes, fillo do rei Antíoco; estivera en Roma

como refén e apoderouse do reino o ano cento trinta e sete da era seléucida.

 

11Daquela houbo algúns israelitas malvados que convenceron ó pobo dicíndolle:

-"Veña, hai que facer un pacto coas nacións veciñas, pois desde que nos desvencellamos

delas viñéronnos moitas desgracias".

 

12A proposta caeu moi ben, 13e algúns do pobo acordaron ir onda o rei; e o rei deulles

autorización para seguiren os costumes pagáns; 14entón, por se amoldar ós usos pagáns,

fixeron un ximnasio en Xerusalén, 15disimularon os prepucios, abandonaron a alianza

santa, emparentaron cos pagáns e vendéronse á maldade.

 

41O rei Antíoco mandou por un decreto que tódolos súbditos do seu Imperio formasen

soamente un pobo, 42e que cada un abandonase os seus costumes particulares. Tódalas

nacións se aviñeron ó mandado polo rei, 43e moitos israelitas adoptaron a relixión

mandada, sacrificando ós ídolos e profanando o sábado.

 

54O día 15 de Kisleu do ano 145 puxeron enriba do altar unha ara sacrílega, e despois

foron poñendo aras por tódalas cidades de Xudá; 55ofrecían incenso diante das portas

das casas e nos rueiros, 56rachaban os libros da Lei que atopaban e botábanos ó lume.

 

57O que tivese un Libro da Alianza e o que vivise de acordo coa Lei era condenado a

morte, segundo o decreto real.

 

62Pero houbo moitos en Israel que se mantiveron firmes na súa decisión de non comer

nada impuro; 63e preferían antes morrer que lixarse cos alimentos e profana-la alianza

santa; e morreron.

 

64A cólera que descargou sobre Israel foi cousa terrible.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 53. 61. 134. 150. 155. 158

R/ (cf 88): Dame vida, Señor, e gardarei os teus mandamentos

 

53Sinto indignación contra os malvados,

que abandonan a túa lei.

 

61Cínguenme os lazos dos malvados,

pero eu non esquezo a túa lei.

 

 134Rescátame da opresión dos homes

e gardarei os teus preceptos.

 

 150Aproxímanse os que me perseguen con maldade,

os que se afastan da túa lei.

 

 155A salvación está moi lonxe dos malvados

que non estudian os teus preceptos.

 

158Vexo os traidores e sinto noxo

de que non teñan en conta os teus ditos.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ap 1, 1-4; 2, 1-5a:

Recorda de caíches procedes e fai penitencia

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

 

1 1Revelación de Xesús Cristo que Deus lle outorgou, para que el lles mostrase ós seus

servos o que ten que acontecer axiña. E fíxoa coñecer, mandándolla polo seu anxo ó seu

servo Xoán, 2que é testemuña da palabra de Deus e do propio testemuño de Xesús

Cristo, dicindo canto viu. 3Benia quen lea e quen escoite esta profecía e faga caso do

que nela queda escrito, porque está no seu cumprimento.

 

4Eu, Xoán, deséxovos ás sete igrexas de Asia gracia e paz de parte do que é, o que era e

o que está a vir, de parte dos sete espíritos que están diante do seu trono.

 

Escoitei ó Señor que me dicía:

 

2 1O anxo da Igrexa de Éfeso escríbelle:

Isto di quen apreixa coa súa dereita as sete estrelas, quen pasea entre os sete candelabros

de ouro. 2Coñezo as túas obras e fatigas e maila túa enteireza e vexo que non podes

atura-los malos. Puxeches á proba ós que se teñen por apóstolos sen seren apóstolos e ti

atopáchelos falsos. 3Eu sei ben que tes esperanza e paciencia e por iso aguantaches por

cousa miña e non estás canso.

 

4Pero teño contra ti que perdíche-lo teu amor primeiro. 5Acórdate de onde caíches:

arrepíntete e ponte a face-las obras de antes.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 1,1-2. 3. 4 e 6

R/ (Ap 2, 7b): A quen venza, dareille a come-la árbore da vida

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

 3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

 

 

ALELUIA Xn 8, 12:

Eu son a luz do mundo, di o Señor;

aquel que me segue, terá a luz da vida

 

 

 

EVANXEO Lc 18, 35-43:

¿Que queres que che faga? ¡Que vexa, Señor!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

35Cando Xesús chegaba a Iericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño.

36Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37Dixéronlle que era

Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38El exclamou:

-¡Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min!

 

39Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis

alto:

-¡Fillo de David, ten mágoa de min!

 

40Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:

41-¿Que é o que queres que che faga?

 

El respondeu:

-Señor, que volva ver.

 

42Xesús díxolle:

-Recobra a vista: salvoute a túa fe.

 

43E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, louvando a Deus. E todo o pobo,

vendo aquilo, tamén louvaba a Deus.

 

 

 

498.- MARTES

 

ANO 1

PRIMEIRA 2 Mac 6, 18-31:

Deixareilles un exemplo vigoroso para que non teman unha morte honesta polas leis

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS

 

18A Elazar, un dos principais letrados, home entrado en anos e de aspecto venerable,

abríronlle a boca á forza para que comese carne de porco. 19Pero el prefiriu morrer con

gloria a vivir con vergonza, foi voluntariamente ó suplicio 20cuspindo na carne, como

deben face-los que teñen valor para non come-lo que non está permitido, aínda que lles

custe a vida.

 

21Os que presidían aquel sacrificio ilegal, de vello amigos deste bo home, levárono á

parte e pedíronlle que trouxese carne permitida preparada por el mesmo, e que fixese

como que comía a carne do sacrificio mandado polo rei. 22Deste xeito poderíase librar

da morte. Facíanlle isto pola amizade que lle tiñan. 23Pero el tomou unha dignísima

determinación, como lle acaía á súa idade, á súa venerable ancianidade, ás súas canas

ben honradas, á súa conducta inmellorable xa desde neno, e maiormente como lle acaía

á lei santa establecida por Deus; respondeu en consecuencia que o enviasen ó reino dos

mortos. E díxolles:

 

24-"¡Acabade axiña comigo! Pois non lle acae a un home da miña idade ese engano;

ademais moitos mozos van pensar que Elazar, ós noventa anos, se pasou ó paganismo,

25e a miña simulación polo apego á pouca vida que me queda vainos desnortar. Iso sería

unha vergonza e unha aldraxe para a miña vellez; 26e anque polo de agora puidese

escapar das mans dos homes, nin vivo nin morto me libraría das mans do

Todopoderoso. 27Así que renuncio á vida e morro coma un valente para ser digno da

miña vellez 28e deixar ós novos un nobre exemplo de como se debe morrer con valentía

e xenerosidade pola nosa lei santa e venerable".

 

Cando acabou de falar, foi cara ó suplicio.

 

29Os que o levaban, ó escoitar este razoamento, cambiaron en xenreira o trato humano

que lle deran, pois pensaban que eran verdadeiras toleadas.

 

30Cando xa estaba para morrer de tantos golpes que lle daban, dixo entre salaios:

-"Ben sabe o Señor coñecedor de todo, que podéndome eu librar da morte sufro no meu

corpo as atroces dores da flaxelación; pero aturo con gusto todo isto na miña alma polo

temor que lle teño".

 

31E así morreu Elazar, deixando coa súa morte non soamente ós mozos senón tamén a

todo o seu pobo unha exemplar lembranza de afouteza e de virtude.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 3, 2-3. 4-5. 6-7

R/ (6b): O Señor sostenme

 

2Señor, moitos son os meus opresores,

moitos os que se levantan contra min,

3moitos os que din de min:

-"Non ten salvación de Deus".

 

4Mais ti es, Señor, o meu escudo,

a miña gloria e o meu triunfo.

5Chamo a berros polo Señor,

e El respóndeme desde o seu monte santo.

 

6Déitome, durmo e acordo,

e, namentres, sostenme o Señor.

7Non teño medo á multitude

que está arredor contra min.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ap 3, 1-6. 14-22:

Se alguén me abre a porta, entrarei onda el e cearei con el

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

 

Eu, Xoán, escoitei ó Señor que me dicía:

 

3 1Ó anxo da Igrexa de Sardes escríbelle:

Isto di quen ten os sete espíritos de Deus e as sete estrelas: coñezo as túas obras: tes

sona de estar vivo, pero estás morto. 2Ponte alerta, fortalece o que aínda che queda sen

morrer, porque non atopei perfectas as túas obras diante do meu Deus. 3Acórdate, logo,

do que recibiches e escoitaches: gárdao e arrepíntete, que, como non vixíes e esteas á

espreita, vou vir coma ladrón e non vas saber a que hora vou caer sobre ti.

 

4Pero tes unhas poucas persoas en Sardes, que non lixaron os seus vestidos. Estas han

pasear comigo vestidas de branco, porque son dignas. 5O vencedor vaise vestir así con

vestidos brancos e endexamais non borrarei o seu nome do libro da vida e responderei

por el diante do meu Pai e diante dos seus anxos.

 

6Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

 

14O anxo da Igrexa de Laodicea escríbelle:

Isto di o Amén, a testemuña fiel e lexítima, o comezo da creación de Deus: 15coñezo as

túas obras: ti non es frío nin quente. ¡Quen me dera que foses frío ou quente! 16Pero,

por seres morno, nin frío nin quente, voute vomitar da miña boca. 17Porque dis: Son

rico, xa teño fartura e non preciso de nada; pero ti non sabes que es unha besta, dás

mágoa, es un mendigo cego e espido.

 

18Aconsélloche que merques ouro do meu, que se acaba de aquilatar no lume, para te

poñeres rico; e que merques roupa branca, para vestires ben e para que non se vexa a

vergonza da túa nudez; e que merques colirio para unta-los teus ollos e así poderes ver.

19Que eu a quen lles quero ben, rífolles e corríxoos. ¡Ponte de xenio e convértete!

20Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e

abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo. 21O vencedor outorgareille

sentar onda min no meu trono, do mesmo xeito que tamén eu vencín e sentei cabo do

meu Pai no seu trono.

 

22Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5

R/ (Ap 3, 21): A quen venza,

concedereille sentarse comigo no meu trono

 

2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:

que ten sinceridade no corazón

3e non calumnia coa súa lingua;

o que non lle fai mal ó veciño

 

e non difama ó seu próximo;

4o que estima desprezable ó malvado

e apreza ós que temen ó Señor;

 

 5o que non presta con usura o seu diñeiro

e non se deixa subornar contra o inocente.

Quen así se comporte,

endexamais non perecerá.

 

 

 

AELUIA 1 Xn 4, 10:

Deus amounos,

e mandou o seu Fillo como propiciación polos nosos pecados

 

 

 

EVANXEO Lc 19, 1-10:

Veu o Fillo do home para buscar e salvar canto perecera

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

19 1Chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. 2Había alí un home chamado

Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. 3Intentaba ver quen era Xesús; pero

impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. 4Entón botou a correr e subiu a unha

figueira para velo, porque ía pasar por alí. 5O pasar Xesús por aquel lugar, levantou a

vista e díxolle:

-Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.

 

6El, baixando de contado, acolleuno moi contento. 7Pero vendo aquilo, a xente

empezou a murmurar:

-Entrou a se hospedar na casa dun pecador.

 

8Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor:

-Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén,

devolvereille catro veces máis.

 

9Entón Xesús dixo:

-Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. 10Porque o

Fillo do Home vén buscar e salva-lo que estaba perdido.

 

 

 

499.- MÉRCORES

 

ANO 1

PRIMEIRA 2 Mac 7, 1. 20-31:

O creador do mundo havos reestitui-lo espírito e a vida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS

 

7 1Daquela meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen

con trallas e vergas para facer que comesen carne de porco, cousa prohibida pola Lei.

 

20Pero o caso máis admirable e digno de lembranza foi o da nai. Nun só día viu morrer

ós sete fillos seus, e sufriuno toda valente, poñendo a esperanza no Señor; 21chea de

nobres sentimentos íalles dando azos a cada un deles na súa propia fala, e con forza de

home e tenrura de muller 22dicíalles:

-"Eu non sei como aparecestes no meu seo, pois eu non vos dei nin o alento nin a vida,

nin artellei os vosos membros. 23Foi o creador do mundo, o modelador do home e o

principio de tódalas cousas. El havos devolver misericordiosamente o alento e a vida a

vós que agora vos sacrificades pola súa Lei".

 

24Antíoco coidaba que a muller o estaba desprezando e que aquelas palabras eran

aldraxes; con todo aínda intentou convence-lo máis pequeno, que era o que quedaba,

prometéndolle, con xuramento e todo, que, se abandonaba as súas tradicións, o había

facer rico e feliz, que sería o seu amigo, e que lle daría un bo cargo.

 

25Vendo que o picariño non lle facía caso ningún, o rei chamou á nai e pediulle que

aconsellase ó fillo para proveito del. 26Tanto teimou o rei que á fin a nai aceptou

convence-lo seu fillo. 27Inclinouse cara ó rapaz e, moqueándose do cruel tirano, díxolle

na súa fala:

-"Meu filliño, ten piedade de min que te levei nove meses no meu seo, que che dei de

mamar tres anos, que che dei mantenza e crianza ata hoxe. 28Pídoche, filliño, que mires

para o ceo e para a terra; olla canto hai neles, e recoñece que Deus fixo todo isto da

nada, e esa é tamén a orixe do home. 29Non lle teñas medo a ese verdugo; ponte á altura

de teus irmáns e acolle a morte, para que no día da misericordia te atope a carón deles".

 

30Aínda estaba a nai falando e dixo o rapaz:

-"¿Que agardas, ho? Eu non acepto o decreto do rei, soamente obedezo os mandamentos

da Lei dada por Deus ós nosos maiores por medio de Moisés. 31Ti, que tanto mal nos

estás facendo ós hebreos, non te has librar das mans de Deus.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 16, 1. 5-6. 8b e 15

R/ (15b): Ó despertar, saciareime de verte, Señor

 

Oe, Señor, a causa xusta,

atende ó meu clamor;

escoita a miña pregaria

de labios sen engano.

 

5guío polas túas pisadas os meus pasos,

por iso os meus pés non tremelean.

6Eu chámote, Deus; ti respóndeme;

volve a min o teu oído, escoita a miña voz.

 

Escóndeme á sombra das túas ás.

15Mais eu verei con felicidade a túa presencia,

ó despertar, saciareime de verte.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ap 4, 1-11:

Santo Señor Deus Omnipotente, que era e que é e que virá

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

 

Eu, Xoán, mirei e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz, que oíra coma unha

trompeta, falando comigo, dicíame: "Sube aquí que che vou amosa-lo que ten que

acontecer despois disto".

 

2Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono. 3A

fasquía do que estaba sentado era coma a pedra de xaspe e de sardónica e cunha aureola

arredor do trono, semellante ó aspecto da esmeralda. 4Arredor do trono vin vintecatro

tronos e, sentados nos tronos, vintecatro anciáns, vestidos de roupas brancas e coroas de

ouro nas súas cabezas.

 

 5Do trono saían lóstregos, berros e trebóns. Sete fachos de lume ardían diante do trono,

que son os sete espíritos de Deus. 6Había diante do trono coma un mar lampexante,

semellante ó cristal.

 

E diante do trono e arredor do trono, catro animais, cheos de ollos por diante e por

detrás. 7O primeiro animal, igual ca un león; o segundo, semellante a un xato; o

terceiro, tiña a cara coma de home; e o cuarto, semellante a unha aguia voando. 8E cada

un destes catro animais tiña seis ás, cheas de ollos en todo o arredor e por fóra. Non

tiñan acougo nin de día nin de noite, proclamando:

 

"Santo, Santo, Santo,

Señor Deus, que todo o sostén,

o que era, o que é e o que está a vir".

 

9E cada vez que lle daban gloria, honra e gracias a quen está sentado no trono, que vive

polos séculos dos séculos, 10os vintecatro anciáns axeonllábanse ante o que está sentado

no trono e adoraban o que vive polos séculos dos séculos e botaban diante do trono as

súas coroas, dicindo ó mesmo tempo:

 

11"Merecente es, noso Señor e Deus,

de recibir gloria, honra e poder,

porque ti es quen o creaches todo:

pola túa vontade existe e foi creado".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 150, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (Ap 4, 8b): Santo, santo, santo, Señor Deus omnipotente

 

1Aleluia.

Louvade o Señor no santuario,

louvádeo no seu augusto firmamento.

2Louvádeo polas obras poderosas,

louvádeo pola súa inmensa grandeza.

 

3Louvádeo con sons de trompeta,

louvádeo con harpa e con cítara,

4louvádeo con pandeiro e con danza,

louvádeo con trompas e frauta,

 

5louvádeo con címbalos resoantes,

louvádeo con címbalos xubilosos.

6Todo ser que respira louve o Señor.

Aleluia.

 

 

 

ALELUIA Cf.Xn 15, 16:

Eu elixinvos do mundo para que vaiades e aportedes froito,

e o voso froito permaneza, di o Señor

 

 

 

EVANXEO Lc 19, 11-28:

¿Por que non deixáchelos cartos nun banco?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

11Xesús dixo unha parábola, por estar cerca de Xerusalén e por pensa-la xente que o

Reino de Deus ía aparecer de contado. 12Dixo:

-Un home nobre marchou a un país distante, a que o coroasen rei, e volver despois.

13Chamou logo por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas, e encargoulles:

"Negociade ata que volva". 14Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras el

unha embaixada, dicindo: "Non queremos que este sexa o noso rei".

 

15Cando volveu, xa coroado coma rei, mandou chamar polos criados aqueles, ós que

lles dera as onzas, para saber canto gañara cada un.

 

16Presentouse o primeiro, dicindo: "Señor, a túa onza produciu outras dez". 17El

contestoulle: "Ben, criado cumpridor: xa que fuches fiel en cousa pequena, serás rexedor

de dez cidades".

 

18Chegou o segundo dicindo: "A túa onza, Señor, produciu outras cinco", 19Con-

testou-lle tamén a este: "Ti tamén serás rexedor de cinco cidades".

 

20E chegou outro, dicindo: "Señor, aquí te-la túa onza; tíñaa gardada nun paniño,

21pois sabía que eras home esixente, que cólle--lo que non pos e seitúra-lo que non

sementas". 22El contestoulle: "As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti

sabías que son home esixente, que collo o que non poño, e seituro o que non semento.

23Pois logo ¿por que non deixaches nun banco os meus cartos? Así, ó chegar, eu podía

recolle-los intereses".

 

24E díxolles ós presentes: "¡Quitádelle a onza e dádella ó que ten dez!". 25Eles

replicaron: "¡Señor, se ese xa ten dez onzas!"

 

El seguiu: 26"Asegúrovos que a todo o que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o

que ten se lle ha de quitar. 27E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei,

traédeos aquí, e degoládeos na miña presencia".

 

28E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén.

 

 

 

500.- XOVES

 

ANO 1

PRIMEIRA 1 Mac 2, 15-29:

Andaremos segundo a alianza dos nosos pais

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS MACABEOS

 

15Chegaron a Modín os enviados do rei para facer apostatar pola forza mediante a

ofrenda do incenso; 16moitos israelitas fixeron o que lles mandaban, mentres Matatías e

os seus fillos quedaron a un lado.

 

17E os enviados do rei dixéronlle:

-"Ti es un personaxe de sona e grande nesta cidade, amparado por moitos fillos e

parentes; 18así que achégate ti, o primeiro, e fai o que o rei mandou, como xa o fan

tódalas nacións, os mesmos xudeus e os que quedaron en Xerusalén. Ti e mailos teus

fillos seredes amigos do rei e hásevos dar ouro e prata e moitos regalos".

 

19Matatías respondeulle en voz alta:

-"Anque tódalas nacións do Imperio abandonen a relixión de seus pais e obedezan ó rei,

20eu e mailos meus fillos e parentes viviremos segundo a alianza de nosos pais.

21¡Deus nos libre de abandona-la Lei e os nosos costumes! 22Non faremos caso ás

ordes do rei, non nos apartaremos da nosa relixión nin á dereita nin á esquerda".

 

23Aínda non acabara de falar, cando saíu un xudeu alí ó medio de todos para ofrecer

incenso sobre a ara de Modín, segundo o que mandara o rei.

 

24O velo, a Matatías deulle tanto noxo que ata tremía de carraxe, e levado dunha

arroutada santa foi correndo e cortoulle a cabeza a aquel home enriba do altar. 25E no

mesmo acto matou ó enviado do rei que obrigaba a sacrificar, e desfixo o altar. 26Así

mostrou o seu celo pola Lei, como fixera Pinhás con Zimrí, o fillo de Xalum. 27Logo

empezou a berrar Matatías na cidade, e dicía:

-"¡Todo o que sinta celo pola Lei e queira mante-la alianza, que me siga!" 28E botouse ó

monte cos seus fillos, deixando na cidade todo canto tiña.

 

29Por aquel tempo moitos que querían vivir segundo dereito e xustiza, baixaban ó

deserto

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 1 -2 . 5-6. 14-15

R/ (23b): Ó que vai por bo camiño,

dareille a salvación de Deus

 

 Fala o Señor, o Deus dos deuses,

convoca a terra desde oriente a occidente.

2Desde a fermosa Sión Deus resplandece,

 

5-"Congregade ante min os meus fieis,

que cun sacrificio fixeron comigo alianza".

6Os ceos anunciarán a súa xustiza,

pois é Deus mesmo quen xulga.

 

 14Ofrécelle a Deus a louvanza

e cumpre os teus votos ó Altísimo.

15Invócame no tempo do apuro:

eu salvareite e ti darasme gloria".

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ap 5, 1-10:

Foi sacrificado o Añor e redimiunos a todos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

 

Eu, Xoán vin na dereita do que estaba sentado no trono un libro escrito por fóra e por

dentro, pechado con sete selos. 2E vin un anxo forte, que clamaba con gran voz: "¿Quen

pode abri-lo libro e desenlea-los seus selos?"

 

3E ninguén no ceo nin na terra nin debaixo da terra, daba aberto o libro nin lido nel. 4E

eu choraba moito, porque non se atopaba ninguén digno de abri-lo libro nin de ler nel.

 

5Pero díxome entón un dos anciáns: "Non chores, ei-lo león da raza de Xudá e retoño da

raíz de David: venceu, e deste xeito pode abri-lo libro e os seus sete selos".

 

6E vin no medio do trono e dos catro animais e diante dos anciáns, un Año en pé, coma

se estivese degolado, con sete cornos e sete ollos, que son os sete espíritos de Deus,

mandados a toda a terra. 7O Año achegouse ó trono e recibiu o libro da man dereita de

quen está sentado no trono. 8Cando o colleu, os catro animais e os vintecatro anciáns

axeonlláronse diante do Año, con cadansúa cítara e con frascos de ouro cheos de

perfumes, que son as oracións do pobo santo. 9E cantaban un canto novo:

 

"Ti es merecente de recibi-lo libro,

e de abri-los selos,

porque te degolaron e adquiriches para Deus co teu sangue

xentes de toda raza, lingua, pobo e nación.

10E fixeches deles un reino de sacerdotes para o noso Deus e reinarán na terra".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b

R/ (Ap 5, 10): Fixéchesnos reino e sacerdotes para o noso Deus

Ou: Aleluia.

 

Cantádelle ó Señor un cántico novo,

louvádeo na asemblea dos xustos.

2Alégrese Israel co seu facedor

e os fillos de Sión relouquen co seu rei.

 

3Festexen coa danza o seu nome,

cántenlle con pandeiros e harpas,

4porque o Señor ama o seu pobo

e coroa os humildes coa victoria.

 

5Exulten os xustos no triunfo

e canten xubilosos nos seus postos,

6coa louvanza de Deus nas gargantas

será un honor para os seus amigos.

Aleluia.

 

 

 

ALELUIA Cf. Sal 94, 8ab:

Hoxe non endurezádelos vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 

 

EVANXEO Lc 19, 41-44:

¡Se coñeceras o que pode construi-la paz para ti!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

41Ó enxergar Xesús a cidade de Xerusalén, chorou sobre ela 42dicindo:

-¡Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o

dan visto. 43E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras;

asediarante, e apretarante por todas partes. 44Esnaquizarante contra o chan a ti e mailos

teus fillos. Non che deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecére-la oportunidade de

cando te visitaron.

 

 

 

501.- VENRES

 

ANO 1

PRIMEIRA 1 Mac 4, 36-37. 52-59:

Celebraron a dedicación do altar e ofreceron sacrificios con alegría

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS MACABEOS

 

36Xudas e seus irmáns dixeron:

-"Agora que xa derrotámo-los nosos inimigos, imos purificar e consagra-lo templo".

 

37Xuntouse todo o exército e subiron ó monte Sión.

 

52O día vintecinco do mes noveno, o mes de Kisleu, do ano cento corenta e oito,

erguéronse moi cediño 53para ofrece-lo sacrificio que manda a Lei no altar dos

holocaustos que acababan de construír. 54Xustamente no mesmo día e mes en que os

pagáns o profanaran volvérono consagrar eles cantando himnos ó son da cítara, das

harpas e dos pandeiros. 55Todo o pobo se abateu contra o chan adorando e dándolle

gracias a Deus polo triunfo que lles dera. 56Celebraron a consagración durante oito días

ofrecendo con ledicia holocaustos e sacrificios de paz e de louvanza.

 

57Enfeitaron a fachada do templo con coroas de ouro e con escudos, e reconstruíron as

portadas e os cuartos e puxéronlles portas. 58Moita festa fixo o pobo por poder arredar

de si a aldraxe dos pagáns.

 

59Por último, Xudas e seus irmáns e toda a asemblea de Israel mandaron que tódolos

anos se festexase con moita ledicia o recordo da nova consagración do altar durante oito

días a partir do día vintecinco do mes de Kisleu.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL 1 Cro 29, 10. 11abc. 11d-12a. 12bcd

R/ (13b): Louvamos, Señor, o teu egrexio nome

 

10David bendiciu ó Señor, con toda a asemblea, dicindo:

-"Bendito ti, ¡ouh Iavé, Deus de Israel!, noso pai de século en século.

 

11Túa é, Señor, a maxestade, o poder, a gloria e a victoria; túa a honra, e teu todo canto

hai na terra e nos ceos.

 

 Teu, ¡ouh Iavé!, é o reino; ti levántaste soberanamente sobre todo. 12Túas son as

riquezas e a gloria, ti e-lo dono de todo.

 

 Na túa man está a forza e o poderío. É a túa man quen todo o engrandece.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ap 10, 8-11:

Tomei o libriño e engulino

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

 

Eu, Xoán, escoitei unha voz desde o ceo que me dicía:

"Vai e colle o libriño aberto, que ten na man o anxo que está afincado no mar e na

terra". 9Fun onda o anxo dicirlle que me dese o pequeno libro e el respondeume:

"Cólleo e engúleo todo: hache amargar no ventre pero na boca hache ser doce coma o

mel". 10Eu collín o libriño da man do anxo e engulipeino de vez e fíxoseme na boca

doce coma o mel, pero de que o comín enchéuseme de amargor o ventre. 11E

dixéronme: "Cómpre que volvas profetizar para moitos pobos, xentes, linguas e reis".

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 14. 24. 72. 103. 111. 131

R/ (103a): ¡Qué doce é ó meu padal a túa palabra!

 

14Na túa revelación teño máis gozo

ca en tódalas riquezas.

 

24Os teus preceptos son a miña delicia

eles son os meus conselleiros.

 

 72A túa vontade é para min mellor

ca milleiros de ouro e prata.

 

103¡Que doce é ó meu padal a túa palabra!

Máis doce có mel na miña boca.

 

 111A túa revelación é a miña herdanza duradeira,

o gozo do meu corazón.

 

 131Eu abro a boca e collo alento,

arelando as túas normas.

 

 

 

ALELUIA Xn 10, 27:

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e elas séguenme

 

 

 

EVANXEO Lc 19, 45-48:

Convertéste-la casa de Deus en cova de bandidos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

45Xesús entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros, 46dicíndolles:

-Está escrito: a miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de

bandidos.

 

47Ensinaba tódolos días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e

mailos notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el. 48Pero non o atopaban,

porque todo o pobo estaba moi atento ó que el dicía.

 

 

 

 502.- SÁBADO

 

ANO 1

PRIMEIRA 1 Mac 6, 1-13:

Polos males que causei a Xerusalén, esmorezo de inmensa tristura

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS MACABEOS

 

6 1Cando o rei Antíoco percorría as provincias do norte, oíu dicir que en Persia había

unha cidade chamada Elimaida, de moita sona pola súa riqueza en prata e ouro; 2tiña un

templo riquísimo onde se gardaban armaduras de ouro, coirazas e armas que alí deixara

Alexandro, o de Filipo, rei de Macedonia, o primeiro rei dos gregos. 3Antíoco chegou

alá e quíxose apoderar da cidade para saqueala; pero non puido, porque os da cidade, ó

coñece-las súas intencións, fixéronlle fronte coas armas. 4Entón tivo que fuxir e

volverse para Babilonia con moita tristura.

 

5En Persia chegoulle un mensaxeiro coa nova de que as forzas enviadas contra Xudá

foran derrotadas, 6e de que Lisias, que partira para alá cun grande exército, fuxira diante

dos xudeus; estes aumentaran o seu poder coas armas e os espolios collidos ós exércitos

vencidos, 7destruíran o altar sacrílego que mandara colocar enriba do altar de Xerusalén,

e rodearan cunha muralla tan alta coma antes o santuario e a cidade de Betsur.

 

8O escoitar tales novas, o rei quedou aterrado e moi impresionado, ata o punto de ter

que encamar pola tristeza, porque non lle saíran as cousas como el quería. 9Así pasou

moitos días cada vez máis morriñento. Vendo que xa morría, 10chamou a tódolos seus

achegados para lles dicir:

-"Foxe o sono dos meus ollos e síntome premido polas preocupacións, 11ó ve-la

aflicción e a inquedanza na que me atopo neste instante, eu, sempre tan feliz e querido

cando era poderoso. 12Pero agora recordo as inxustizas que cometín en Xerusalén, os

obxectos de ouro e prata que alí roubei, a xente de Xudea que mandei matar sen razón

ningunha. 13Recoñezo que por iso me veñen estas desgracias. Velaí que vou morrer de

tristura en terra estranxeira".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 9, 2-3. 4 e 6. 16b e 19

R/ (cf 16a): Reloucarei pola túa salvación, Señor

 

2Douche gracias, Señor, de todo corazón,

proclamo as túas marabillas.

3Alégrome, relouco contigo

e canto o teu nome, Altísimo.

 

4Os meus inimigos retroceden,

caen e perecen ante ti,

6Ti reprénde-las xentes, destrúe-los malvados

e borras para sempre os seus nomes.

 

na rede que tenderon quedará preso o seu pé.

19mais o pobre non será esquecido eternamente,

non finará para sempre a esperanza do humilde.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Ap 11, 4-12:

Estes dous profetas aniquilaron ós que habitaban a terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

 

Díxoseme a min, Xoán: estas son as dúas testemuñas; estas son as dúas oliveiras e os

dous candelabros, que están ergueitos diante do Señor do mundo. 5E se alguén lles

quere facer mal, sairá das súas bocas lume que devorará os seus inimigos; se alguén lles

quixer facer mal, cómpre que morra deste xeito.

 

6Eles teñen poder para pecha-lo ceo, de xeito que non chova durante os días do seu

profetizar. Teñen poder de converte-la auga en sangue e de castiga-la terra con calquera

tipo de praga cantas veces queiran. 7Pero, cando acaben o seu testemuño, a fera que

sobe do abismo loitará contra eles, venceraos e mataraos.

 

8E os seus cadáveres quedarán na praza da gran cidade, que se chama en linguaxe

simbólica Sodoma e Exipto, onde tamén foi crucificado o seu Señor. 9Xentes de

diferentes pobos, tribos, linguas e nacións ollarán para os seus cadáveres durante tres

días e medio e non deixarán poñe-los cadáveres no sartego. 10Os habitantes da terra

alegraranse e brincarán de alegría e mandaranse regalos uns ós outros, porque aqueles

dous profetas atormentaran os habitantes da terra".

 

11Despois destes tres días e medio, un espírito vivificador mandado por Deus entrou

neles e puxéronse en pé. Os que miraban para eles entroulles un gran medo. 12E oíron

un forte berro que desde o ceo lles dicía: "¡Subide aquí!". E subiron ó ceo nunha nube, á

vista dos seus inimigos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 143, 1. 2 9-10

R/ (1a): Bendito é o Señor, a miña rocha

 

Bendito o Señor, a miña rocha,

o que entrena as miñas mans para a loita,

os meus dedos para a contenda.

 

2El é para min defensa e fortaleza,

refuxio, escudo e agarimo,

o que somete para min os pobos.

 

9Eu cantareiche, Deus, un cantar novo,

tocarei para ti a harpa de dez cordas.

10Ti que dá-la victoria ós reis,

que libráche-lo teu servo David da crúa espada,

 

 

ALELUIA Cf. 2 Tim 1, 10

O noso Salvador Xesús Cristo destruiu a morte,

e iluminou a vida por medio do evanxeo

 

 

 

EVANXEO Lc 20, 27-40:

Deus non é Deus de mortos senón de vivos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

27Chegaron algúns saduceos -eses que negan que haxa resurrección- e preguntáronlle a

Xesús:

28-Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos,

que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia". 29Pois dunha vez había

sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. 30Despois casou con ela o segundo;

31e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar

fillos. 32O cabo, morreu tamén a muller. 33Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai se--la

muller, se estivo casada cos sete?

 

34Xesús contestoulles:

-Neste mundo os homes e mailas mulleres casan entre eles. 35Pero os que sexan dignos

da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, 36pois

non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

 

37E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no

episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. 38E

Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.

 

39E nisto algúns dos letrados dixéronlle:

-Ben falado, Mestre.

 

40Pois xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.