Día escolar da paz
Día escolar da paz. Educar o sentido estético e espiritual
PRESENTACIÓN DA EXPERIENCIA
Hai algunhas semanas cumpríase o XXV aniversario do histórico encontro ecuménico de oración pola paz convocado en Asís (Italia) polo beato Xoán Paulo II e Bieito XVI peregrinaba á mesma cidade invitando a representantes doutras relixións e dos non crentes a participar nunha xornada de reflexión, diálogo e oración pola paz e a xustiza no mundo. E mentres isto sucedía millóns de persoas, en todos os continentes, de distintas confesións estaban e están rezando agora pola mesma causa.
O ser humano rezou desde o principio da humanidade e continúa facéndoo de moitos xeitos, diríxese a Deus a través de palabras, cantos, da arte en xeral e a través da poesía. Os poetas dirían que toda a creación se dirixe a Deus.
- Por exemplo, o poeta Rafael Santos Barba escribe:
As abellas van, zumban, rezumban, rezan e afástanse.
- O Irmán Roger de Taizé ofrecíanos un motivo para este inicio na oración:
Quen saberá espertar a un neno ou a un mozo o misterio da confianza en Deus?
Unha intuición, presentida na infancia ou na mocidade aínda que se esqueza máis tarde, pode aparecer ao longo da vida ( ... ).
Pódese preparar un recuncho, por pequeno que sexa, para a oración, cunha icona iluminada pola luz dunha vela ..
Feliz o neno que, grazas a quen lle eran próximos, se fixo sensible a unha comuñón con Deus!
Para transmitir a un neno tal confianza, non son necesarias moitas palabras.
Se, pola noite, podemos pór a nosa man sobre a súa fronte e dicirlle: Deus é amor; ou incluso: A paz de Cristo ...
Nesta proposta do noso Recuncho, con motivo do día escolar da paz e a non violencia, o 30 de xaneiro, conmemorando o aniversario da morte do Mahatma Gandhi, ímonos centra na oración en forma de poesía e ofrecemos algunhas experiencias didácticas para traballar nas aulas de Relixión con poemas para a paz.
Como meditación previa e de preparación para o profesor, suxerimos algúns textos bíblicos que poden inspirar, dar sentido e motivar o seu traballo cos alumnos:
Lc 2, 25-35 / Is 9, 5 / Mt 5, 38-41 / Lc 19, 42 / Lc 12, 49 / 1Cor 7, 15b / 1Cor 14, 33 / Feitos 7, 26 / Lc 2, 14 / Mt 5, 9 / Xn 20,21 / 1Pe 3,10-11 / 2Cor 13, 11