Viacrucis parroquial

 

 

            "Quen non é capaz de coller a súa cruz e seguirme, non é digno de min". O que queira gardar a súa vida, perderaa, e quen perda a súa vida por min, atoparaa, entón... de que che serve gañar o mundo enteiro se ó final te perdes? "Eu son o Camiño, a Verdade e a Vida".

 

            A paixón non rematou. Deus fíxose home. Xesús identifícase cos necesitados, e estes, de moi diferentes maneiras, seguen a ser crucificados tamén hoxe. Hai que elixir: do lado das víctimas ou a carón dos verdugos. Soamente se se salva o outro te salvas ti. É a proba da túa fe, porque...¿como vas dicir que segues a Cristo se o crucificas bos teus irmáns?

 

 

Primeira estación: Condenado a morte por todos

 

            Pilato díxolles outra vez: E que fago co que chamades Rei dos xudeus? A xente volveu a gritar: Crucifícao! E Pilato, querendo compracer á xente, soltoulles a Barrabás e entregoulles a Xesús, despois de azoutalo, para que o crucificasen.

            Un inocente condenado por todos... e por ninguén. Como tantos outros que sen gritos nin procesos conseguimos que sexan condenados. E a nosa responsabilidade dilúese na masa: "A culpa é da sociedade, das estructuras, do sistema"... Isto debería cambiar. Pero eu, non só non traballo por que cambie senón que me beneficio a río revolto.

            E a pregunta que nos condena sae espontánea: Señor, cando te vimos necesitado e non te socorremos?

 

 

Segunda estación: Xesús carga coa cruz

 

            Despois que se mofaron del, quitáronlle o manto de púrpura e puxéronlle os seus vestidos e levárono a crucificar.

            El, co noso peso enriba, e nós colocando cruces nos ombreiros alleos. O poder, o diñeiro e a ilustración dos de arriba descansa sobre os ombreiros impotentes, pobres e  analfabetos dos de abaixo.

            O que non ama con feitos os seus irmáns non é de Deus. E a pregunta salta outra vez: Son cristián ou ateo?

 

 

Terceira estación: Xesús cae por vez primeira

 

            Meu Deus! Meu Deus! Por que me abandonaches? Parezo un verme máis ca un home. Todos se rin de min e abanean a cabeza dicindo: Encomendouse a Deus, pois que o libre se pode!

            Ata das consecuencias da nosa inxustiza culpamos a Deus. Sempre haberá pobres e ricos!...Non podemos ser todos iguais!

            E vós, os que buscades a Deus nas nubes, endexamais veredes a súa cara. Vós, os que buscades a Deus nas nubes, non o vedes cando pasa ó voso carón.

 

 

Cuarta estación: Xesús encontra a súa Nai

 

            Xa o dixera El: "quen é a miña Nai e quen son os meus irmáns? Todo o que cumpra a vontade do meu Pai celestial, ese é meu irmán, miña irmá e miña nai.

            Nós, irmáns de Xesús...mais onde está a vontade do Pai cumprida?

            A vontade do Pai é que vivades segundo a verdade, como viviu Cristo. Estamos cheos de sentimentos fraternais ou de sentimentalismo?

            Cada día sinto medo de que morrese inutilmente, porque non vivimos como viviu El, porque traicionamos a súa mensaxe.

 

 

Quinta estación: O Cirineo axuda a Xesús

 

            Cando o levaban a crucificar botaron man dun tal Simón de Cirene, que viña das súas leiras, e cargárono coa cruz para que a levase detrás de Xesús.

            Levade uns as cargas dos outros cumprindo así as orientacións de Cristo.

            Abóndame co meu! Respondemos

            Xa antes o dixera Caín: Seica son eu o gardián de meu irmán?

 

 

Sexta estación: A Verónica limpa o rostro de Xesús

 

            As vosas faltas apartáronvos do voso Deus e os vosos pecados encubriron o seu rostro. Porque: as vosas mans son violentas, os vosos beizos menten e só pensades en facer mal sen respectar a honradez e a xustiza.

            Temos manchado o rostro de Deus. Algo peor que negalo. Témolo disfrazado evitando que o recoñezan coma o Deus dos pobres. O camiño da verdade é difamado pola nosa culpa. Os de Igrexa: sacerdotes, relixiosos e segrares, de certo que presentamos o rostro do Deus auténtico?

 

 

Sétima estación: Xesús cae por segunda vez

 

            Certamente vos digo que se o gran de trigo non cae en terra e morre queda el só, mais se morre, dá moito froito.

            Benaventurados os homes que calan e só coas súas obras nos dan a súa opinión.

            Benaventurados os homes inquedos que endexamais se venden a unha situación.

            Benaventurados os homes sinxelos alleos ó barullo da ostentación.

 

 

Oitava estación: Xesús fala ás mulleres de Xerusalén

 

            Seguían o cortexo de Xesús moitas persoas e entre elas moitas mulleres que choraban e se laiaban. Xesús volveuse e díxolles:

            Fillas de Xerusalén, non choredes por Min, senón por vós e polos vosos fillos, porque se esto fan co madeiro verde, co seco, que non han facer?

            O madeiro seco. O máis doado de partir e queimar: anciáns, enfermos crónicos, nenos, discapacitados, subnormais, alcohólicos...

            Cómpre algo máis ca lamentación e programas políticos a longo prazo.

            Á vista de tanto humano sufrimento, segundo as túas posibilidades, esfórzate non só en aliviar o sufrimento sen demora, senón en destruí-las súas causas. Comprométete non só a destruír as súas causas, senón a aliviar o sufrimento sen tardanza.

 

 

Novena estación: Xesús cae por terceira vez

 

            Son moitos os que me queren matar, pero eu sufro por Ti. Que ó verme non se desanime ningún dos que en Ti esperan, Señor.

            Que non se desanime ninguén. Se fallara por alguén, que non sexa por ti nin por min. Non ves que é grave? Non ves que é grave o que aquí se xoga? Non faltes, polo tanto, á nosa cita e pon o teu corazón sempre á porta, por se tal vez alguén acode a recollelo...(que algunha vez será, teno por certo).

            E non canses endexamais, non canses. Entréganos o pan e a túa promesa...que aínda que o insomnio por veces é moi longo, a mañá que salva sempre chega.

 

 

Décima estación: Xesús é desposuído das súas vestiduras

 

            Os soldados tomaron os seus vestidos e fixeron catro partes, unha para cada soldado, pero a túnica botárona a sortes.

            E como remate doutras rapinas, mesmo aínda cando nos decidimos a tende-la man, quitámoslle ó home o seu vestido. Quitámoslle o que o fai sentirse acollido, presentable, respectado e cómodo entre os demais.

            Paternalismos, desprezos caritativos, tenras arroutadas e boas ocorrencias.

Pero aquelas palabras seguen a resoar: O que fagades ó último dos meus irmáns a Min mo fixestes.

 

 

Décimo primeira estación: Xesús é crucificado

 

            No lugar chamado Gólgota, é dicir no lugar da caveira, déronlle a beber viño mesturado con fel e, probándoo, non quixo bebelo. E Xesús dicía:

            Perdóaos, Pai, porque non saben o que fan!

            E crucificárono a El e a outros dous, un á dereita e outro á esquerda.

            Non sabemos o que facemos crucificándoos.

            Á hora de botar as contas, quen ousará mirarlles ós ollos?... e serán eles os que terán que dar a cara por nós, e novamente serán a nosa salvación.

 

 

Décimo segunda estación: Xesús morre na cruz

 

            Contra as tres da tarde Xesús dixo:

            Todo está consumado. Pai, nas túas mans poño a miña vida.

            E dando un forte brado expirou.

            O transcendental momento da morte de Xesús case o temos convertido en cerimonia. El repetira moitas veces que lle gustaba máis a solidariedade que o culto. E nós pretendemos velo na eucaristía sen querer velo "baixo as especies" dos irmáns que sofren.

 

 

Décimo terceira estación: Xesús é baixado da cruz

 

            Á tardiña, veu Xosé de Arimatea e atreveuse a pedirlle a Pilato o corpo de Xesús, e descolgouno e púxoo nunha saba que mercara. Era venres e véspera da Pascua.

            Hai que baixar do suplicio a tantos!

            A tarefa é grande e difícil. É moita escuridade e pequerrecha a nosas luz pero tódalas chamas unidas farán o milagre.

 

 

Décimo cuarta estación: Xesús é sepultado

 

            Envolveron a Xesús nunha saba con perfumes, como é costume entre os xudeus. Había unha horta pretiño do lugar onde o crucificaron, e na horta, un sartego sen estrear. Puxeron alí a Xesús, e taparon a entrada cunha lousa.

            Sepultámolo. Amortallámolo en imaxes de madeira. Botámoslle enriba terra de complicadas teoloxías. Pero El vive. Segue a desacougarnos, séguenos recriminando e animando. Segue estando connosco e en nós. Levamos un tesouro en vasos de barro.

 

 

Décimo quinta estación: Xesús resucita ó terceiro día

 

            Despois que pasou o sábado de Pascua, foron de mañanciña ó sepulcro, pero un mozo de branca túnica díxolles:

            Xesús Nazareno, o crucificado, resucitou, non está aquí.

            E nós, a pesar das nosas maldades, cremos en Xesús resucitado, o que fixo posible o imposible: a nova creación do mundo e dos homes.

            Cremos que a morte non pode levar vida algunha que viva máis alén do egoísmo.

            Cremos que Xesús venceu e nós venceremos, e por iso, anunciamos a súa morte e proclamamos a súa Resurrección.

            Ven, Señor, Xesús!

 

 

 

 

            Noso Pai, que estás no ceo, que todos os teus fillos nos sintamos irmáns.

            Que saibamos, Señor, santificar o teu nome con feitos, non só con palabras.

     Que veña o teu reino de xustiza, amor e felicidade.

            Que aprendamos a facer a túa vontade e a amarnos na terra como Ti o fixeches.

     Dá a todos os famentos de corpo e espírito, o pan e a fe.

            E fai que esquezamos rancores para que descenda o teu perdón sobre nós.

            Non nos deixes caer na tentación de seguir sendo como somos.

     Líbranos do mal de ser egoístas e non recoñecerte en cada home que nos necesita.

 

     Amén.