Coresma

 

PREGARIA EUCARÍSTICA (Coresma)

 

S.         Pai de misericordia, Deus do perdón: Queremos erguer o noso corazón a Ti,

            para que quede descargado e limpo de todo o que é un estorbo,

            no encontro cos irmáns;

            de todo o que é unha sombra            

            perante a túa bondade e a túa misericordia.

T.         É tempo de cambiar. Axúdanos a converternos.

S.         Dámosche grazas por Xesús, o Salvador.

            Á luz da súa vida e da súa morte, a nosa vida cambia de sentido:

            sácanos do noso desalento e apatía, cambia o desencanto en esperanza,

            libéranos de pecharnos no egoísmo e anímanos a seguirte no teu camiño.

T.         Nós cremos en Xesús. El cambia a nosa vida. Achéganos aos demais.

S.         Desde esta fe e esta esperanza en Xesús axustizado e morto,

            pero convertido en Xustiza e Vida dos homes aclamámoste dicindo:

 

T.         Ao Señor, noso Deus, todo o mundo o bendí, todo mundo o proclama

            e cantándolle di: Santo, santo, santo é o Señor. Santo, santo, santo é o Señor.

            Hosanna, hosanna, bendito o que vén, o que vén no nome do Señor (bis).

 

S.         Lembramos a vida de Xesús: predicando a conversión e o perdón;

            anunciando a chegado do teu Reino; sendo a salvación dos que cren nel.

T.         Xesús é o camiño, a verdade e a vida.

S.         Lembrámolo entregando a súa vida para selar a túa amizade cos homes.

            Por iso, a véspera da súa Paixón, na derradeira cea cos seus amigos,

            tomou o pan, deuche grazas,

            partiuno e déullelo dicindo: 

                                                       Tomade e comede todos del,

                                  porque este é o meu Corpo, que será entregado por vós.

            Do mesmo modo, tomou o cáliz,

            deuche grazas, e entregóullelo dicindo:

                              Tomade e bebede todos del, porque este é o cáliz do meu Sangue,

                                                     Sangue da alianza nova e eterna,

                       que será derramado por vós e por todos os homes para o perdón dos pecados.

            Facede isto en conmemoración miña.

 

S.         Este é o sacramento da nosa fe.

T.         Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. ¡Ven, Señor Xesús!

S.         Xesús entregou a súa vida para que nacese en nós un novo modo de vivir:

abertos a unha fe que renove a nosa vida,

comprometidos a un amor por quen nos necesite;

            chamados a unha esperanza aínda non cumprida.

T.         Queremos seguir a Xesús. Queremos facer da nosa vida

            unha ofrenda agradable a Deus e útil a todos os  nosos irmáns.

S.         Que esta Eucaristía, celebración e lembranza da Vida e Morte de Xesús,  

nos axude a ser máis consecuentes coa nosa fe,

máis comprometidos coa comunidade.

            E que saibamos responder á chamada de Deus:

            á conversión e ao anuncio do Reino.

T.         Que veña o teu Espírito, que veña o teu Reino,

            que veña a túa Palabra e que more entre nós.

S.         Pedímosche, Señor, polos que desexan cambiar;

            polos que se comprometen e polos que se deciden.

            Ten misericordia de todos os que finaron...

            Que pola Morte de Xesús pasen á Resurrección da vida,

            onde xuntos te loaremos como agora:

S +T.   Por Cristo, con El e Nel, a ti Deus Pai omnipotente,

           na unidade do Espírito Santo, todo honor e toda gloria,

           por sempre eternamente. Amén.