Descanso eterno

 

† Bendito sexas, noso Deus, Pai de Xesús e Pai noso.

T:  Dámosche grazas porque nos chamaches, porque es a resposta á nosa inqueda busca.

Non podemos ocultar o noso medo ao baleiro, a esa noite sen fondo e ao sono sen retorno.

Pero ti agárdasnos ao final do camiño.

 Ti espertarasnos do sono da morte no amencer sen noite da túa gloria.

Ti es o descanso para o que traballou, o repouso tras as angueiras desta vida. Ti es a liberdade para o pobo oprimido, a fonte refrescante para o que camiñou sedento de xustiza.

T:  Ti que resucitaches a Xesús, porque non entra nos teus plans a destrución do xusto, encherás os pobres do gozo do teu rostro.

 Renovando a nosa esperanza en ti, cantámosche aquí na terra o himno de loanza que soa desde sempre na túa presenza.

Santo, santo, santo es Ti, Señor, Deus do universo.

Enches o ceo e mais a terra coa túa gloria. Hosanna no ceo.

Bendito o que vén no nome do Señor. Hosanna no ceo.

 

T:  Santo es realmente, Señor; aínda que nos recomendaches a tarefa de dominar o mundo co traballo e a fatiga, ofreces ao remate un descanso pleno no colo inmenso do teu amor. O amor non acaba nunca.

 Por iso Xesús, que amara ata o extremo, puido entregar o seu Espírito nas túas mans coma un froito maduro ao remate da súa vida.

T:  E a nós, que seguimos peregrinando, deunos o seu corpo e o seu sangue para sustento no noso camiñar.

 A noite antes de ser entregado á morte, sentado á mesa cos seus discípulos, tomou o pan, deu grazas, partiuno e déullelo aos seus discípulos, mentres dicía: Tomade e comede todos del, pois isto é o meu Corpo que se vai entregar por vós.

            De igual modo, ó final da cea, tomou tamén este cáliz glorioso nas súas santas e venerables mans, deuche grazas de novo, rezou a bendición, e pasóullelo ós seus discípulos, mentres dicía:

            Tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu Sangue, o Sangue da nova e eterna alianza, que se vai verter por vós e por todos os homes para o perdóns dos pecados. Facede isto en memoria de min.  Velaquí o misterio da nosa fe.

 

T.- Anunciámola túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven, Señor Xesús.

 

:  Así pois, nós agora, ao renovar o memorial da súa paixón e morte, recordámolo á dereita do Pai, ata que volva na paz da súa gloria.  Envía Pai, desde o teu seo agarimoso, o Espírito de Xesús para que santifique a nosa celebración, para que santifique a túa Igrexa no amor e nos prepare ao encontro do teu Fillo.

 

T:  Aos que aínda peregrinamos na terra dános forza nas loitas da vida para que sexamos fieis ás nosas obrigas e experimentemos o gozo da obra ben feita.

† Dá pan aos famentos, fogar aos emigrantes, saúde aos enfermos, apoio aos cansos. Aos nosos irmáns defuntos: ... e a todos os que os precederon dálles o descanso eterno na terra esperada, mansión do refrixerio, da luz e da paz.

T:  Para que en unión de María e dos santos poidamos adorarte e gozar eternamente da túa compaña, noso Deus Pai todopoderoso.

 

† T:  E darche todo honor e toda gloria, por Cristo, con El e nel, na unidade do Espírito Santo por sempre eternamente. AMÉN.