Deus salva

 

S.- Dámosche grazas, Pai santo, Deus Xusto e misericordioso, porque a esperanza que en ti pon os pobres non foi nin será defraudada.

T.- Ti es a forza dos débiles, es o Deus liberador, o Deus que salva. Cando o teu pobo estaba escravizado enviaches a Moisés para liberalo no teu nome; ti dobregaches o orgullo dos faraóns, e fuches diante do pobo peregrino ata a terra prometida.


S.- Dámosche grazas polo teu Fillo e irmán noso, Xesucristo, que puxo a súa vida ao servizo dos cansos e angustiados. Nel cumpríronse as túas promesas; el abriu os ollos ao cego e os oídos ao xordo, proclamou a liberación dos cativos e oprimidos neste tempo de graza do Señor.

T.- El é o signo visible do teu Reino. Ao pasar deste mundo a ti, a través dunha morte inxusta, venceu á mesma morte no seu dominio e conseguiu a liberación total.

 
S.- Por todo iso, unimos as nosas voces ao pobo que ti amas para cantarche o himno da túa gloria:

Santo, santo ...


T.- Señor, noso Deus, Pai dos pobres, dos reducidos ao silencio, dos que non poden oír palabras de esperanza, dos que camiñan buscando a luz e nunca chegan aos primeiros postos; envía o teu Espírito no medio de nós, o Espírito que conduciu a Xesús.

S.-  Que El transforme a pobreza dos nosos dons en pan de vida e viño de salvación, para que celebremos a Pascua do Señor. O cal, a noite en que ía ser entregado, tomou pan e deu grazas, partiuno e déullelo ós seus discípulos, mentres dicía :

            TOMADE E COMEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O MEU CORPO QUE SE VAI ENTREGAR POS VÓS.

            De igual modo, ó final da cea, tomou o cáliz, deu grazas e pasóullelo ós seus discípulos, mentres dicía : TOMADE E BEBEDE TODOS DEL, POIS ISTO É O CÁLIZ DO MEU SANGUE, O SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA, QUE SE VAI VERTER POR VÓS E POR TÓDOLOS HOMES, PARA O PERDÓN DOS PECADOS.  FACEDE ISTO EN MEMORIA DE MIN.

 
S.-  Este é o sacramento da nosa fe.

T.- Anunciamos a túa morte proclamamos a túa resurrección. Ven Señor Xesús


S.-  Ao recordar a morte de Xesús e a súa resurrección liberadoras, anunciamos ao mundo a esperanza segura na salvación do noso Deus. Acepta, Pai, co corpo entregado e o sangue derramado de Xesús, o noso desexo de superar o mal, e a nosa solidariedade cos necesitados de pan, de liberdade e de palabra.


T.- Lémbrate de todos os cristiáns en dificultade. Lémbrate dos nosos irmáns, as persoas que están nos cárceres ou no desterro, dos marxinados polo medo ou pola ignorancia e de todos os pobres e enfermos.

S.-  Dá forza aos débiles e confianza aos desesperados. Lémbrate dos que xa morreron ofrecendo a súa vida por un mundo máis humano e máis xusto; admite a todos os defuntos no teu reino de amor.

T.- Dá á túa Igrexa luz e fortaleza para non dobregarse ante os fortes e levar a túa salvación aos humildes; que saiba presentar ás persoas a verdadeira imaxe do teu Fillo, Xesucristo.


S.- Por Cristo con El e Nel a ti Deus Pai omnipotente, na unidade do Espírito Santo, todo honra e toda gloria por sempre, eternamente.

T.- Amén .