Domingo Pascual
PARA A MISA DO DÍA DE PASCUA
Primeira Lectura Feit 10, 34a. 37-43
Comemos e bebemos con el despois de que resucitou de entre os mortos
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou, como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán, pois Deus estaba con el.
E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus.Nós, que comemos e bebemos con el, despois de que resucitou de entre os mortos.
E mandounos que predicásemos ao pobo e que atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos.
El é de quen todos os profetas dan este testemuño, todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R.: (24)Este é o día no que o Señor actuou, alegrémonos nel e relouquemos.
Ou: Aleluia.
Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Israel,
é para sempre a súa misericordia.
A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.
A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Segunda Lectura Col 3, 1-4
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Irmáns:
Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou tamén: 1 Cor 5, 6b-8
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello fermento para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes.
Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
Fagamoslogo a festa, pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SECUENCIA
É obrigatorio dicila hoxe, os días dentro da Oitava é potestativo.
Con cánticos de festa, xubilosos,
loemos o que foi pan inmolado,
á Vítima pascual, trigo frutuoso.
Ao Año que, inocente, sen pecado,
co Pai reconciliando os pecadores,
penou polo rabaño, en amor dado.
Loitaron morte e vida, moitas dores,
en gran confrontación; o rei da vida
morreu e reina vivo entre loores.
Que viches, di, María, na amencida?
Que viches cando estabas no camiño?
A pedra do sepulcro xa corrida.
Choraba eu por Xesús con gran cariño
e foime dado en graza esplendorosa
a gloria do que vence, en aloumiño.
E vin, tamén, os anxos que gloriosas
palabras me dicían de confianza;
vestidos e sudarios vin gozosa.
Xesús resucitou, leda esperanza
para min, tamén para os seus amigos todos
que irán a Galilea en lembranza.
Que Cristo rexurdiu, el o primeiro,
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora e ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos.
ALELUIA1 Cor 5, 7b-8a
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia. Aleluia
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor.
Aleluia.
EvanxeoXn 20, 1-9
É necesario que resucite de entre os mortos
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No día primeiro da semana, María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles:
— Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.
Pedro e mais o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedroe chegou primeiro ao sepulcro.
Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ao sepulcro, viu e creu. Pois aínda non entenderan que, conforme á Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Tamén se pode proclamar o Evanxeo da Vixilia pascual.
Cando hai misa vespertina, tamén se pode proclamar Lc 24, 13-35(núm. 46)
Queda connosco, que xa se fai noite
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel día, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
— De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
— Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
— De que, logo?
Eles contestaron:
— Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron.
Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel, pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro e atoparon todo como as mulleres dixeran, pero a el non o viron.
Entón díxolles:
— Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo non cumpría que o Cristo padecese todo istoantes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ao entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
— Queda connosco porque se fai tarde e a noite bótase enriba.
Quedou con eles e, mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono, pero el desapareceu. E dixeron:
— Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo camiño interpretándonos as Escrituras?
E, levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
— É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo