25/02 A Anunciación

 

Solemnidade

PRIMEIRA Is 7, 10-14; 8, 10

Velaí que unha virxe cancebirá

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

10O Señor faloulle a Acaz nestes termos:

11-Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas.

12Respondeu Acaz:

-Non o pido, pois non quero poñer a proba ó Señor.

13Entón dixo Isaías:

-Escoitade vós, casa de David: ¿Non vos é pouco dominar ós homes, que aínda queredes dominar ó meu Deus? 14Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome "Deus-connosco".

10Trazade un plan e será esnaquizado;

falade o asunto e non se manterá;

pois connosco está Deus

 

 

SAL. RESP. Sal 39, 7-8a. 8b-9. 10. 11

R/ (8a e 9a) Aquí veño, Señor, face-la túa vontade

7Ti non queres sacrificios e ofrendas

-sobre iso abríchesme o oído-,

non pides holocaustos nin víctimas expiatorias.

8Entón digo: "Aquí veño

co libro escrito para min".

9Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero;

a túa lei está no fondo de min mesmo.

10Proclamo a túa salvación na asemblea,

non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.

11Non escondo no peito a túa xustiza,

anuncio a túa fidelidade e o teu auxilio.

Non encubro o teu amor e a túa verdade

diante da gran asemblea.

 

 

SEGUNDA Heb 10, 4-10

No principio do libro está escrito de min,

para que faga, Deus, a túa vontade

LECTURA DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

4A verdade é que resulta imposible que o sangue de touros e de cabras quite os pecados. 5Por iso, cando Cristo entra no mundo, di:

''Sacrificios e ofrendas non os quixeches,

pero formáchesme un corpo;

6holocausto e sacrificio de expiación

non che gustaron;

7entón dixen:

olla que xa cheguei, meu Deus,

para face-la túa vontade

 

-como se di de min nun capítulo do libro''-.

8Di no comezo: ''Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os quixeches nin che gustaron''

(todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); 9e di despois: ''Olla que xa cheguei para face-la túa vontade''.

Deixa sen validez o primeiro para darlle soamente validez ó segundo. 10Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.

 

 

ALELUIA E VERSIÑO ANTES DO EVANXEO Xn 1, 14ab

R/ (Aleluia).

V/ O Verbo fíxose carne

e habitou entre nós

e nós vímo-la súa gloria

(R/: Aleluia)

 

 

EVANXEO Lc 1, 26-38

Velaí concebirás no teu ventre e parirás un fillo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, 27onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

28Entrando onde estaba ela, díxolle:

-Alégrate, chea de gracia, o Señor está contigo.

29Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significa-lo saúdo aquel. 30O anxo continuou:

-Non teñas medo, María, porque ti atopaches gracia ante Deus; 31e, fíxate, vas concebir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. 32Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; 33reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

34María respondeulle ó anxo:

-¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?

35O anxo replicoulle:

-O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. 36Aí te-la túa curmá Isabel, que concebiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, 37que para Deus non hai imposibles.

38María contestou:

-Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.