03/07 San Tomé, Apóstolo

 

PRIMEIRA Ef 2, 19-22

Edificados sobre o fundamento dos apóstolos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:

19xa non sodes estranxeiros nin xente de fóra: sodes concidadáns dos crentes e membros da casa de Deus, 20edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas, sendo a pedra esquinal Cristo Xesús. 21Sobre El toda a construcción se vai erguendo ata formar un templo santo no Señor. 22E nesa construcción tamén entrades vós, para formardes unha morada de Deus, no Espírito.

 

 

SAL. RESP. Sal 116, 1. 2

R/ (Mc 16, 15) Ide a todo o mundo e predicade o Evanxeo

1Louvade o Señor tódalas xentes,

aclamádeo tódolos pobos.

2O seu amor connosco é firme,

a súa fidelidade dura sempre.

 

 

ALELUIA Xn 20, 29

Porque me viches, Tomé, criches, di o Señor;

ditosos os que non viron e creron

 

 

EVANXEO Xn 20, 24-29

¡Meu Señor e meu Deus!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

24 Tomé, un dos doce, o chamado Xemeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. 25Dicíanlle entón os outros discípulos:

-Vímo-lo Señor.

Pero el contestoulles:

-Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

26Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:

 

-Paz convosco.

27Despois díxolle a Tomé:

-Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

28Tomé respondeulle:

-¡Meu Señor e meu Deus!

29Xesús díxolle:

-¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!