14/09 Exaltación da Santa Cruz
PRIMEIRA Núm 21, 4b-9
Os mordidos sanaban cando a miraban
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS
O pobo comezou a esmorecer polo camiño. 5E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: -¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo deste alimento tan miserable? 6O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. 7O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: -¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes! Moisés rezou polo pobo, 8e o Señor díxolle a Moisés: -"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". 9Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun pau ben alto; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.
SAL. RESP. Sal 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
R/ (cf 7c) Non esquezáde-las obras do Señor
Escoita, meu pobo, a miña instruccion
atende as miñas palabras.
2Vouche falar en parábolas,
exporche vellas adiviñas.
34Cando os castigaba, eles buscábano,
voltábanse e corrían cara a Deus,
35lembrando que Deus era a súa rocha,
o Deus Altísimo o seu redentor.
36Coa boca tratábano de enganar;
coa lingua, de lle mentir.
37Mais o seu corazón non era firme,
non eran fieis á súa alianza.
38Por piedade perdoaba El as súas culpas
e non os destruía.
Moitas veces contivo a súa ira,
non deixou acende-lo seu noxo,
SEGUNDA Flp 2, 6-11
Humillouse a sí mesmo; por iso Deus exaltouno
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES
Xesús Cristo, con ser de condición divina,
non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;
7senón que se espiu do seu rango,
asumiu a condición de escravo;
fíxose un home normal e presentouse como tal
8abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
9Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un título que está por riba de calquera título
10para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
11e para que toda lingua proclame
para gloria de Deus Pai
que Xesús Cristo é o Señor.
ALELUIA
Adorámoste, Cristo e bendicímoste:
porque, pola túa cruz, redimíche-lo mundo
EVANXEO Xn 3, 13-17
É necesario que sea exaltado o Fillo do Home
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dille Xesús a Nicodemo:
ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.
14Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo de Home, 15para que todo o que cre nel, teña vida eterna. 16Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
17Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.