21/09 San Mateo, Apóstolo e Evanxelista

 

PRIMEIRA Ef 4, 1-7. 11-13

Fixo a algúns apóstolos, a outros evanxelistas

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:

Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que recibistes, 2con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, 3esforzándovos por mante--la unidade do espírito no vínculo da paz. 4Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación. 5Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, 6e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.

7A cada un de nós déuseno-la gracia segundo a medida do don de Cristo.

11E a uns fíxonos apóstolos; a outros, profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo; e a outros, pastores e mestres, 12para fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación co corpo de Cristo, 13ata que todos académo-la unidade na fe e no coñecemento do Fillo de Deus, a madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo.

 

 

SAL. RESP. Sal 18, 2-3 . 4-5

R/ (5a) O seu anuncio extendeuse a toda a terra

 

20s ceos proclaman a gloria de Deus,

o firmamento pregoa as obras das súas mans.

3Un dia pásalle ó outro a mensaxe,

unha noite transmítelle á outra a noticia.

4Sen que falen nin conten,

sen que se sinta a súa voz,

5por toda a terra vai o seu anuncio,

ata os confíns do mundo a súa palabra.

 

 

ALELUIA

A ti, Deus, lovámoste; a ti, Señor, te proclamamos.

A ti, Señor, lóvate o glorioso coro dos apóstolos

 

 

EVANXEO Mt 9, 9-13

Sígueme. E erguéndose, seguiuno

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

9O pasar Xesús, viu un home sentado ó mostrador da contribución, chamado Mateo, e díxolle:

-Sígueme.

El ergueuse e seguiuno.

10E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e mailos seus discípulos. 11Cando tal viron os fariseos, dixéronlle ós discípulos del:

-¿Como é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?

12El oíunos e dixo:

-Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. 13Ide, pois, aprende-lo que significa aquilo de "Misericordia quero e non sacrificios". Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.