Semana 1
SEMANA 1ª DA CORESMA
224.- LUNS
PRIMEIRA Lev 19, 1-2. 11-18
Xulga xustamente ó teu próximo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO LEVÍTICO
19 1Díxolle o Señor a Moisés:
2-"Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles: Sede santos, porque santo son eu, o
Señor, o voso Deus.
11Non roubaredes, nin negaréde-lo prestado, e que ninguén engane ó seu próximo.
12Non xuraredes en falso no meu nome, sería aldraxa-lo nome do teu Deus. Eu son o
Señor. 13Non oprimirás, nin expoliara-lo teu próximo, nin reterás contigo o xornal do
teu obreiro durante a noite ata a mañá. 14Non maldira-lo xordo, nin lle porás atrancos ó
cego: temera-lo teu Deus. Eu son o Señor. 15Non serás inxusto cando xulgues: non
favorecera-lo feble nin honrara-lo poderoso. Xulgarás con xustiza ó teu próximo. 16Non
espallarás calumnias entre os teus conveciños, nin quedarás indiferente cando lle batan ó
teu próximo. Eu son o Señor. 17Non terás odio de corazón ó teu irmán; e reprenderás
con decisión o teu próximo, para non cargar co seu pecado. 18Non te vingarás nin lles
terás xenreira ós teus conveciños: amara-lo teu próximo coma a ti mesmo. Eu son o
Señor.
SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8. 9. 10. 15
R/ (Xn 6, 63): As túas palabras, Señor, son espírito e vida
8A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ó inxenuo;
9os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos;
10o temor do Señor é puro:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
15Dígnate acepta-la palabra
da miña boca,
e o sentir do meu corazón,
Señor, a miña rocha e o meu redentor.
VERSIÑO 2 Cor 6, 2b:
Agora é tempo oportuno,
agora é día de salvación
EVANXEO Mt 25, 31-46:
Canto fixestes por un destes meus irmáns máis humildes, a min mo fixestes
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
31Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu
trono glorioso. 32Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros,
como xebra o pastor as ovellas das cabras. 33E poñerá as ovellas á súa dereita e as
cabras á súa esquerda. 34Entón dirá o Rei ós da súa dereita:
"Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herencia do Reino preparado para vós desde a
creación do mundo. 35Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de
beber; fun forasteiro e acolléstesme; 36estiven espido e vestístesme; enfermo e
visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".
37Entón preguntaranlle os xustos:
"Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de
beber? 38¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? 39¿Cando
te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"
40O rei contestaralles:
"Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo
comigo".
41E diralles logo ós da súa esquerda:
"Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os
seus anxos. 42Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes
de beber; 43fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes;
enfermo e na cadea e non me visitastes".
44Eles replicaranlle:
"Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea
e non che acudimos?"
45El responderalles:
"Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo
facer a min.
46Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna".
225.- MARTES
PRIMEIRA Is 55, 10-11
A miña palabra fará todo canto quixen
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Di o Señor:
Como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non voltan alá sen enchoupa-la terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ó que sementou
e pan ó que come,
11así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non voltará a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 4-5. 6-7. 16-17. 18-19
R/ (18b): Libra ós xustos de tódalas súas angustias
4Exaltade comigo ó Señor,
louvemos xuntos o seu nome.
5Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de tódolos temores.
6Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
7O Señor escoita ó pobre que o chama
e líbrao de tódolos apretos.
16Os ollos do Señor están cara ós xustos,
os seus oídos cara ó seu clamor;
17mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
18Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias.
19O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.
VERSIÑO Mt 4, 4b:
Non só de pan vive o home,
senón de toda palabra que procede da boca do Señor
EVANXEO Mt 6, 7- 15
Vós rezade así
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
7Cando vos poñades a rezar non sexades lareteiros coma os pagáns. Botan de conta que
os van escoitar polo moito falar. 8Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o
que precisades xa antes de que llo pidades. 9Vós, rezade así:
Noso Pai que estás no ceo,
santificado sexa o teu nome;
10veña o teu Reino,
fágase a túa vontade
así na terra coma no ceo.
11Dános hoxe o noso pan de cada día.
12E perdoa as nosas débedas
como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores.
13E non nos sometas á tentación,
mais líbranos do Malo.
14Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial
perdoará as vosas; 15pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco non
perdoará as vosas ofensas.
226.- MÉRCORES
PRIMEIRA Xon 3, 1-10:
Arredáronse os ninivitas do seu camiño malo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA DA PROFECÍA DE XONÁS
3 1Veulle a palabra do Señor a Xonás:
2-Érguete, vai a Nínive, a grande cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
3Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha
cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
4Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:
-Dentro de corenta días Nínive será destruída.
5Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xexún. Vestíronse de saco desde
o máis grande ó máis pequeno.
6A mensaxe chegou tamén ó rei de Nínive, que se ergueu do seu trono, quitou os seus
vestidos rexios, cubriuse de saco, sentouse no po, 7e fixo proclamar e impoñer en
Nínive coma decreto do rei e dos seus grandes:
Homes e animais, vacas e ovellas non proben nada, non pazan nin beban auga;
8cúbranse de saco homes e animais, e clamen con forza a Deus. Convértase cada un do
seu mal camiño e da violencia que se lle apegou ás mans. 9¿Quen sabe? Quizais Deus
cambie de parecer, se compadeza, apague o incendio da súa ira e así non perezamos.
10Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal
que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.
SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 12- 13. 18- 19
R/ (19b): Un corazón contrito e humilde
ti, Deus, non o desprezas.
3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,
pola túa misericordia, borra o meu pecado;
4lávame ben da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
12Crea, Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro cun espírito firme.
13Non me botes da túa presencia
e non tires de min o teu santo espírito.
18Con sacrificios ti non te compraces,
se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:
19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:
o corazón contrito e humilde
ti, Deus, non o desprezas.
VERSIÑO Xl 2, 12- 13:
Agora pois, di o Señor,
convertédevos a min de todo corazón,
porque son benigno e misericordioso
EVANXEO Lc 11, 29-32:
Non se lle dará a esta xeración un signo máis ca o signo de Xonás profeta
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
29A xente xuntábase arredor del e Xesús púxose a dicirlles:
-Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de
Xonás. 30Pois coma Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do Home
para esta xeración.31A reina do Sur enfrontarase no Xuízo con estes homes, e fará que
os condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoita-la sabedoría de
Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. 32Os habitantes de Nínive enfrontaranse
no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse cando
escoitaron a predicación de Xonás; e aquí está quen é máis ca Xonás.
227.- XOVES
PRIMEIRA Est 4, 17 n. p-r. aa-bb. gg-hh:
Non teño quen me defenda fora de ti, Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE ESTER
A raíña Ester refuxiouse onda o Señor, apreixada pola agonía de morte e suplicoulle
dicindo:
17nDesde o meu nacemento xa na tribo dos meus devanceiros oín que ti, Señor,
escolliches a Israel de entre tódolos pobos, ós nosos pais de entre tódolos seus
antepasados, para que fosen a túa herdade por sempre, e cumprícheslle todo canto lle
prometeras.
17p Para abrir, en troques, as bocas dos xentís e louvaren os seus deuses e admirar
eternamente a un rei de carne.
17qNon lles deixes, Señor, o teu cetro ós que non son nada; que non festexen a nosa
caída; volve contra eles o seu destino, e, xa que se ergueron eles primeiro contra nós, fai
que sirvan de escarmento.
17rAcórdate, Señor, e faite coñecer no momento da nosa tristura e faime valente, rei dos
deuses e Señor de toda autoridade. 17sPon nos meus beizos verbas feiticeiras,
SALMO RESPONSORIAL Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 7c-8
R/ (3a): Cando te chame, Señor, escóitame
Douche as gracias, Señor, de todo corazón,
cántoche diante dos anxos;
2póstrome cara ó teu templo
e bendigo o teu nome,
polo teu amor e a túa fidelidade.
Mesmo máis grande cá túa sona
fixéche-la túa promesa.
3Cando te chamo, ti respóndesme
e acrecénta-las miñas forzas.
7A túa dereita libérame:
8o Señor leva ata o final a miña causa.
O teu amor, Señor, é eterno;
non abandóne-las obras das túas mans.
VERSIÑO Sal 50, 12a e 14a:
Crea en min, Deus, un corazón limpo;
e devólveme a alegría da túa salvación
EVANXEO Mt 7, 7-12
Quen pide, recibe
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
7Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. 8Pois quen pide,
recibe; quen busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.
9¿Ou é que hai alguén entre vós que, se o seu fillo lle pide pan, lle dá unha pedra?
10¿Ou se lle pide un peixe dálle unha cobra? 11Pois se vós, que sodes ruíns, ben
sabedes darlles cousas boas ós vosos fillos, ¿canto máis voso Pai celestial llelas dará ós
que llas pidan? 12Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a
vós, porque esta é a Lei e mailos Profetas.
228.- VENRES
PRIMEIRA Ez 18, 21-28:
¿É acaso a miña vontade que morra o malvado e non que se converta e viva?
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Dí o Señor, Deus:
21Se o malvado se converte de tódolos pecados que cometeu,
e garda tódolos meus preceptos
e practica o dereito e a xustiza,
vivirá de certo, non morrerá;
22Tódalas maldades que cometeu non se lle terán en conta:
por mor da xustiza que practicou, vivirá.
23¿É acaso verdade que sinto eu pracer coa morte do malvado,
-é o meu Señor, Iavé, quen fala-
e non en que se converta do seu camiño
e que viva?
24Cando o xusto se aparta da xustiza
e comete a maldade,
e se comporta e vive segundo tódalas abominacións que comete o malvado,
tódalas obras boas que fixo non se terán en conta:
polas infidelidades que cometeu
e polos pecados que fixo,
por eles morrerá.
25E vós respondedes: "Non é xusto o proceder do Señor".
Escoitade, Casa de Israel:
-¿Non é xusto o meu xeito de comportarme?
¿Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?
26Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza
e comete iniquidades e morre debido a elas,
morre debido ás iniquidades que el cometeu.
27Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu
e practica o dereito e a xustiza,
entón el consegue a vida.
28Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,
vivirá de certo, non morrerá.
SALMO RESPONSORIAL Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4e-6. 7-8
R/ (3): Se levas conta dos pecados,
¿quen, Señor, se terá en pé?
Desde os abismos chámote, Señor;
2escoita, Señor, a miña voz.
Ten atentos os oídos
ó clamor da miña súplica.
3Se ti levas conta dos pecados,
¿quen, Señor, se terá en pé?
4Mais en ti está o perdón,
para te faceres respectar.
5Eu espero no Señor, a miña alma espera;
eu confío na súa palabra.
6A miña alma vólvese ó Señor,
máis do que os vixías á aurora.
Se os vixías esperan a aurora,
7que Israel espere ó Señor,
pois no Señor está o amor
e a redención cumprida.
8El é quen redime a Israel
de tódolos pecados.
VERSIÑO Ez 18, 31:
Alonxade de vós tódalas vosas maldades, di o Señor,
e procurádevos un corazón novo e un espírito novo
EVANXEO Mt 5, 20-26:
Vai primeiro reconciliarte con teu irmán
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
Se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos
Ceos.
21Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo
ante o tribunal. 22Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante
o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do
inferno.
23Se ó presentáre-la túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas
contra ti, 24pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu
irmán, e logo volve a presenta-la túa ofrenda.
25Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que
te entregue ó xuíz, o xuíz ó garda, e te boten na cadea. 26Ten por seguro que non sairás
de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
229.- SÁBADO
PRIMEIRA Dt 26, 16-19:
Para que sexas o pobo santo do Señor, o teu Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Dille Moisés ó pobo:
16Hoxe o Señor, o teu Deus, mándache pór en obra estes preceptos e decretos. Gárdaos
e ponos en obra con todo o teu corazón e con toda a túa ilusión. 17Ti hoxe fixécheslle
dicir ó Señor que El sería o teu Deus e que ti camiñarías polos seus vieiros, que
gardaría-los seus preceptos, os seus mandamentos e os seus decretos e que escoitaría-la
súa voz. 18E hoxe o Señor fíxoche dicir a ti que sería-lo pobo da súa persoal propiedade
-tal como cho prometera- e que garda-ría-los seus mandamentos, e que El te convertería
en gloria, en renome e en esplendor no máis grande de tódolos pobos que El creou e que
sería-lo pobo consagrado ó Señor, o teu Deus -tal como cho dixo-".
SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 1-2. 4-5. 7-8
R/ (1b): Ditosos os que andan coa lei do Señor.
1Ditosos os de conducta intachable,
os que andan coa lei do Señor.
2Ditosos os que observan os seus mandatos
e o buscan de todo corazón;
4Ti déche-los teus preceptos
para que se cumpran con esmero.
5Que a miña conducta sexa firme
en garda-los teus decretos.
7Louvareite con recto corazón,
ó aprende-las túas xustas decisións.
8Quero cumpri-los teus mandatos,
endexamais non me abandones.
VERSIÑO 2 Cor 6, 2b:
Agora é o tempo oportuno,
agora é o día da salvación
EVANXEO Mt 5, 43-48:
Sede perfectos coma o voso Pai celestial
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ó seus discípulos:
43Tedes oído que se vos dixo: Amara-lo teu próximo e aborrecera-lo teu inimigo.
44Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. 45Así
seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e
chover sobre xustos e inxustos. 46Porque, se amáde-los que vos aman, ¿que recompensa
ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? 47E se saudades soamente a
vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? 48Daquela sede
bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.