ORACIÓNS

 

INSTRUMENTO DE PAZ (S. Francisco)

 

Fai de min, Señor, un instrumento da túa paz.

Que onde haxa odio, poña eu amor;

onde haxa ofensa, poña perdón;

onde haxa liortas, poña unión;

onde haxa erro, poña a verdade;

onde haxa dúbida, poña confianza;

onde haxa desespero, poña esperanza;

onde haxa tebras, poña luz;

e onde haxa tristura, poña eu a ledicia.

 

Fai, en fin, Señor,

que non me esforce tanto

en ser consolado,

como en consolar;

en ser comprendido,

como en comprender;

en ser amado,

como en amar.

 

Porque dando é como se recibe,

esquecendo é como se atopa,

perdoando, somos perdoados,

e morrendo, resucitamos

 

S A L M O   D O   "A B B A"

 

Noso Pai, casa aberta ós homes,

sen portas nin ventás.

Noso Pai, corazón como unha carpa de circo

que acolle en festa, en xogo de luces e cores.

Pai, que estás nos ceos derramando estrelas

e dando vida na túa vida, ó home, á creación.

Pai, santificado sexa o teu nome e que o teu Espírito

faga que o home creado viva no amor.

 

Noso Pai, veña a todos o teu Reino,

a túa mesma grandeza acolla ó home e lle dea calor.

A túa paz, a túa misericordia, a túa tenrura e alegría

esperten na Humanidade encontro de reconciliación.

Pai, fágase a túa vontade, como se fixo ó principio.

Fágase de novo, como se fixo na Encarnación.

Fágase a túa vontade como se fixo na Cruz

e do fracaso aparente xurdiu a Resurrección.

Fágase, aquí na terra, no corazón do home,

como se fai no ceo, vivindo en comuñón.

 

Pai, dános hoxe e cada día o noso pan,

o pan acabado de amasar que quita a dor.

O pan compartido e feito anacos nas mans

que a penas ten migallas sen ningún sabor.

Dános o pan, como llo deu teu Fillo ós seus amigos

na cea do adeus, na cea da nova Alianza.

Dános o pan de vida, que o corazón non se sacia

con cousas que só tocan a pel e nunca o íntimo.

Pai, dános compartir a bola grande co irmán

e sentalo á mesa co mantel branco, no comedor.

 

Pai, perdóanos as nosas débedas, que somos pecadores

e as túas mans de Pai saben sobre de todo a perdón.

Perdóanos Ti que es Pai e comprendes o corazón de barro.

Acóllenos, como acolliches o fillo pródigo que fuxiu da casa

e ó atoparse entre os teus brazos, atopouse.

Perdóanos, Pai, como tamén nós perdoamos,

como Xesús, teu Fillo, nos perdoou na Cruz.

Dános un corazón cheo de tenrura e misericordia.

 

Noso Pai, non nos deixes caer no camiño,

non nos deixes caer no momento duro da tentación.

Dános a forza do teu Espírito Santo que nos manteña firmes,

como árbores en pé, en actitude orante e sinxela.

Non nos deixes caer nas ruínas do home vello,

non nos deixes caer no cansazo, no sopor,

na indiferenza, na apatía, na desgana,

na derrota, cando só contamos coas nosas forzas.

 

Pai, líbranos do mal. Fainos libres coma o vento.

Libres como nos fixeches no teu amor.

Líbranos da forza do pecado que levamos

acochada na nosa pel de homes en redención.

E dános a graza que un día, na Cruz, teu Fillo nos deixou

ó facernos fillos teus na súa Salvación.

 

Benaventuranzas da solidariedade

 

Felices os que seguen ao Señor pola senda do bo Samaritano.

Os que se atreven a andar tras os seus pasos.

A superar as dificultades do camiño.

A vencer os cansazos da marcha.

 

Os que ao andar van trazando sendas novas para que outros sigan, entusiasmados.

Os que, atentos cambian a súa ruta para saír ao encontro do Señor vivo no que sofre,

tan presente nestes tempos, tan próximo para algúns, para outros tan afastado.

 

Felices os que dan a vida polos demais. Os que traballan duro pola xustiza anhelada.

Os que constrúen o Reino desde lugares remotos.

Os que, anónimos e sen primeiras planas, entregan a súa vida para que outros vivan máis e mellor.

Os que co seu diario sacrificio abren pegadas de humanidade nova

nun mundo dominado polo egoísmo neoliberal do “deus mercado”.

 

Felices os que camiñan xuntos, en procura comunitaria do Reino de Vida Nova e Fraternidade Realizada.

Os que se axudan nas boas e nas malas, os que aprenden que máis poden dous xuntos que un só.

 

Felices TODOS os que pensan primeiro no irmán e que atopan a súa alegría e o gozo

e o sentido da vida en traballar polos demais e polo Reino e polo Señor vivo no medio de nós.

Esquecido, marxinado, só e abandonado nos rostros de mozos, de indíxenas,

de anciáns,  de mulleres soas, de desempregados e de tantos outros.

 

Felices TODOS os que traballan polos pobres. Desde os pobres.

Xunto aos pobres. Con corazón de pobre.

Contemplando a diario a irmá morte temperá, inxusta, dolorosa,

nos rostros dos nenos esquecidos, sen saúde, nin educación, nin xogos

(infancias roubadas por miles no meu continente sufrido desde outrora).

 

Felices os que viven solidarios deixando o asfalto limpo e amplo

para camiñar os carreiros pedregosos, poeirentos

que entran ao mundo dos que non contan nos números ou estatísticas dos ministerios .

 

Felices os que aman ao irmán concreto.

Os que non se van en palabras senón que mostran o seu amor verdadeiro

en obras de vida, de compañía e de entrega sincera.

 

Felices os que ensinan, os que intentan que todos aprendan

sen distincións de cor, pel ou diñeiro.

Felices os que comparten os seus bens, dons agasallos do Bo Deus

para vivir como irmáns e demostralo na práctica.

 

Os que non gardan con egoísmo senón que brindan e comparten.

FELICES, SEÑORES, e alzo a voz para que escoiten todos,

OS QUE VIVEN O MANDAMENTO PRIMEIRO QUE É AMOR A DEUS NO IRMÁN.

E nestes días de tanto egoísmo e indiferenza, felices os que atopan que este amor, hoxe,

se revela nun camiño: ser solidario, SER SOLIDARIO.

 

SALMO DO ENCONTRO E DA FRATERNIDADE

 

Antífona:. Aquí entre nosoutros estás Ti Señor. No teu nome estamos reunidos, no teu nome, Xesús.

 

Saltei de gozo cando me dixeron:

Imos ao encontro fraternal!

Como brilla na asemblea dos Irmáns

o rostro do Deus da Paz!

 

A nosa fraternidade está fundada

sobre esta firme promesa:

“Onde dous ou máis se reúnan no meu nome,

alí estou Eu no medio deles”.

 

Pedimos neste encontro fraternal:

autenticidade nas nosas procuras;

que chova sobre nós

a fecunda esperanza do Deus vivo.

 

El quere que compartamos

os nosos plans e proxectos.

Quere que fagamos realidade

a nosa capacidade de amar.

 

* ¡Señor! Queremos ser servidores da túa Palabra

Queremos ser servidores da túa Boa Nova.

 

Se o camiño se fai longo,

se a sede e o sol abrasan,

se o cansazo dos anos

entorpece a nosa marcha.

 

* Es Ti Señor, o vaso de auga fresca

para aliviar as nosas penas

e alentar a nosa esperanza

 

Feliz o home que conta co apoio do irmán!

Feliz o home que te segue en Comunidade!

Señor Xesús! pasaches deixando as túas pegadas

e, sen dicir por que, seguímoste.

 

Ás veces perdemos a paz e a alegría,

sentímonos desalentados baixo o peso dos anos.

Pedímosche que sexas alento nas nosas vidas

e o noso corazón volverá sentirte próximo.

 

Ti es, aínda na tebra,

a luz que nos ilumina,

a man que nos protexe,

o teito que nos acubilla.

 

Desexamos servirte estando listos para o combate,

protexidos coa coiraza da rectitude.

 

AS OPCIÓNS DE XESÚS

 

Xesús opta

            por non alardear do seu rango de Deus,

           do seu poder de facer milagres, da súa condición de Rei e Mesías,

             da súa sabedoría e santidade.

 

Xesús opta con preferencia

              polos humildes e sinxelos, polos nenos e anciáns, polos cegos e leprosos,

              polos pecadores e prostitutas, polos pobres e os medio pobres, polos que fan a paz.

 

Xesús opta sempre polo amor,

               pola alegría e a esperanza, a liberdade e a igualdade, pola oración co seu Pai, 

               por liberar aos oprimidos, por quitar carga e lume á Lei, polas flores e paxaros.

 

Xesús opta desde a súa propia liberdade interior,

               El, o home libre por excelencia, desde o fondo do corazón buscando sempre

               a vontade do Pai; desde a súa profunda compresión dos homes sen odiarse, sendo irmáns.

 

Xesús opta e queda comprometido:

               a súa carne é carne de dor; a súa nai, unha muller de pobo;o seu berce, a cova de Belén;

               os seus paxes dormen ao raso; a súa profesión, carpinteiro de Nazaré;

               os seus amigos, os pescadores; a súa casa, os camiños; o seu trono, a cruz,

               os seus signos, pan e viño; o seu reino, un pobo de luces e sombras.

 

Xesús optou e non se volve atrás

               por ti, irmán e por min; polos nosos amigos e compañeiros por quen sofren no hospital,

               polos que están no paro, polos inocentes que morren, por todos os homes.

 

CREDO DA FRATERNIDADE

 

* Cremos en Deus, creador dun mundo non rematado, que impulsa un eterno plan de construción onde todos podemos participar.

 

* Cremos que polo noso esforzo en lograr un maior desenvolvemento persoal e colectivo, colaboramos con Deus na súa creación e na construción dun mundo novo.

 

* Cremos que Deus non dividiu aos homes en ricos e pobres, escravos e amos, intelixentes e ignorantes, porque fomos creados a imaxe súa e recibimos o don de amarnos como irmáns.

 

* Cremos en Xesucristo, que viviu a situación do mundo e tomou partido ante ela. Mirándoo como exemplo, recoñecemos ata que punto a nosa intelixencia está atrofiada, a nosa imaxinación empobrecida e os nosos esforzos descoidados, pois non vivimos como El viviu e traizoamos a súa mensaxe.

 

* Cremos que o traballo e a loita contra a pobreza, a incultura, a opresión, o egoísmo e a inxustiza é o camiño da liberación verdadeira dos homes.

 

* Cremos no Espírito, que veu con Xesús ao mundo. Que move ás persoas, as cousas e os acontecementos. Cremos que a súa forza nos impulsa á acción.

 

* Cremos na Comunidade de todos os homes e na nosa responsabilidade de que podemos facer da terra un val de miseria, fame e violencia, ou a Cidade de Deus.

 

* Cremos que co noso compromiso crearemos unha terra nova onde vivamos en paz, nos amemos como irmáns e todos sexamos iguais.                                         

 

SALMO DESDE O AMOR E A VERDADE

 

Fuches bo, Señor, coa nosa terra;

fixeches de nós un pobo libre,

liberaches as nosas xentes das súas cadeas;

cubriches co teu amor os nosos pecados,

miráchesnos con bondade e misericordia;

tiveches paciencia e mansedume connosco.

¡Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

Fainos volver, Deus da nosa salvación, con paso firme

polo camiño que marca o teu amor e a túa verdade;

fainos volver, todos xuntos, como un acio unido,

ata estreitarnos con verdade e amor, como irmáns.

Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

Amósanos o teu amor, Señor, maniféstate na nosa noite;

dános a bondade que brota por milleiros dos teus ollos;

derrama sobre as nosas vidas, que se abren ao crecemento,

os dons do teu Espírito que transformen os nosos desexos.

Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

Queremos escoitar co corazón de par en par

o que ti falas, o que sae dos teus beizos,

queremos acoller a túa palabra de vida na nosa

e que a paz e o ben acompañen os nosos pasos.

Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

Ti quéresnos na túa casa como amigos verdadeiros,

e contas connosco para traballar nos campos do teu Reino;

que a túa salvación se faga presente nas nosas obras,

e a túa gloria ilumine o liso e o abrupto do carreiro.

Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

O amor e a verdade nas túas mans danse cita;

a xustiza e a paz no teu corazón abrázanse;

que da terra, da nosa terra, brote a verdade

e que a xustiza abra de par en par cada porta pechada.

Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

Sé indulxente, ten paciencia, ten aguante connosco;

somos comunidade que busca e aos poucos vai atopando;

somos peregrinos que camiñan, tantas veces, sen saber onde,

pero no fondo querémoste sempre ao noso lado.

Polo teu grande amor, pola túa verdade, dámosche grazas!

 

                                   Emilio. López Mazariegos