Domingo V

 

DOMINGO V ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura   Xob 7, 1-4. 6-7:

Abarrotaranme as dores ata o solpor

 

LECTURA DO LIBRO DE XOB

 

            Naqueles días, falou Xob e dixo:

O home ten na terra un duro labor;

os seus días son coma os do xornaleiro.

            Coma o escravo que arela a sombra,

coma o xornaleiro que agarda o que gañou,

así herdei eu meses baldeiros

e tocáronme en sorte noites de angustia.

            Penso para min ao deitarme: Cando me hei erguer?

E desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.

            Recorda que a miña vida é vento,

e que os meus ollos non verán máis a ledicia;

non me verán os ollos de quen mira,

e cando ti me espreites xa non estarei.

            Coma unha nube se desfai e pasa,

así, o que baixa para o Xeol non volverá subir,

non volverá de novo á súa casa

e o seu lar non saberá máis del.

            Por iso mesmo non hei de pórlle eu freo á boca,

vou falar con ánimo angustiado,

voume laiar desde o amargor da alma.

 

        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 146, 1-2. 3-4. 5-6

 

R.: (Cf. 3a)Loade o Señor, que sanda os corazóns crebados.

Ou: Aleluia.

 

Loade o Señor,

pois é doce cantarlle ao noso Deus,

é delicioso celebrar a súa loanza.

O Señor reconstrúe Xerusalén,

e reúne os dispersos de Israel.

 

Sanda os corazóns crebados

e venda as súas feridas.

Conta as estrelas incontables,

e chama polo nome a cada unha.

 

O noso Señor é grande e poderoso,

para a súa sabedoría non hai medida.

O Señor ergue os humildes

e abaixa os malvados ata o chan.

 

 

 

Segunda Lectura   1 Cor 9, 16-19. 22-23

Ai de min se non evanxelizo!

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            O mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha, é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!

            Pois así, se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. Onde está, logo, o meu premio?

            En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.

            Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.

            Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe.

            Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

 

      Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Mt 8, 17

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Cristo colleu as nosas doenzas,

e cargou coas nosas enfermidades.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Mc 1, 29-39

Sandou a moitos enfermos de varias doenzas

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.

            E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.

            Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

            Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo e, cando o atoparon, dixéronlle:

            — Todos te andan a buscar.

            El respondeulles:

            — Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.

            E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.

 

         Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo