Domingo II
Primeira Lectura Bar 5, 1-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA BARUC
Deus vai mostrar o teu esplendor
Xerusalén, quita o vestido da túa dor e da túa desgraza ,
e viste para sempre o esplendor da gloria que vén de Deus.
Envólvete no manto glorioso da xustiza que vén de Deus:
pon na túa cabeza o diadema da gloria do Eterno.
Deus vai mostrar o teu esplendor a toda cidade baixo o ceo,
pois Deus fará que o teu nome sexa para sempre "paz da Xustiza e Gloria da Piedade diante de Deus".
Ponte de pé, Xerusalén, ponte de pé no alto,
e mira cara ao nacente,
olla os teus fillos reunidos pola palabra do Santo,
alegres pola lembranza do Señor
desde o poñente ata o nacente.
Saíron de onda ti,
levados a pé polos inimigos,
pero Deus devólvechos en andas de gloria,
coma un trono de realeza.
Pois mandou o Señor que se rebaixasen
os montes altos e os vellos outeiros
e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas,
para que Israel camiñe con paso seguro,
guiado pola gloria de Deus;
e por orde de Deus as árbores do bosque e as plantas recendentes
déronlle sombra a Israel.
Si, Deus conducirá a Israel con alegría á luz da súa gloria,
coa misericordia e a xustiza que están con El.
Palabra do Señor R/ Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/. (3): O Señor fai connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.
Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.
Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.
Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.
Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.
Segunda Lectura Flp 1, 4-6. 8-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Sede sinceros e permanecede sen pecado para o día de Cristo
Irmáns:
Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. Eu confío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ao día de Cristo Xesús.
(Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! E na miña oración pido que o voso amor reborde de coñecemento e de sensibilidade para todo: así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen tacha ao día de Cristo Xesús, e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e loanza de Deus.
Palabra do Señor R/ Grazas a Deus
ALELUIA Lc 3, 4. 6
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Preparade os camiños do Señor
endereitade os seus carreiros;
todos verán a salvación de Deus.
Aleluia.
Evanxeo Lc 3, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Todos verán a salvación de Deus
No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto.
Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
Unha voz chama no deserto:
Preparade os camiños do Señor,
reparade os seus vieiros.
Toda barranqueira se cubrirá
todo monte e outeiro se rebaixará,
os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar.
E todos verán a salvación de Deus.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo