02/02 Presentación do Señor

 

PRIMEIRA Mal 3, 1-4

Virá ó seu templo o Dominador, a quen buscades

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MALAQUÍAS

Dí o Señor Deus:

3 1Velaí: eu envío ó meu mensaxeiro,

para que limpe o camiño diante de min.

Nun momento entrará no seu santuario

o Señor a quen vós estades buscando,

o mensaxeiro da Alianza, a quen vos lle tendes amor:

vede que chega -fala o Señor dos Exércitos-.

2¿Quen aguantará o día da súa chegada?

¿Quen se manterá de pé cando El apareza?

Si, El será coma o lume do fundidor,

coma a lixivia dos que lavan.

3Sentarase coma o fundidor que refina a prata,

refinará ós fillos de Leví e purificaraos;

coma a prata e coma o ouro, así serán para o Señor os que presenten a ofrenda con xustiza.

4Entón seralle agradable ó Señor a ofrenda de Xudá e Xerusalén,coma nos días remotos, coma nos anos antigos.

 

 

SAL. RESP.Sal 23, 7. 8. 9. 10 (R/: 10b)

V/ O Señor dos exércitos,

El é o rei da gloria.

7Erguede, portas, os linteis,

alzádevos, antigos portais,

para que entre o rei da gloria.

8¿Quen é ese rei da gloria?

O Señor, forte e valente,

o Señor, valente nas batallas.

9Erguede, portas, os linteis,

alzádevos, antigos portais,

para que entre o rei da gloria.

10¿Quen é ese rei da gloria?

O Señor dos exércitos,

El é o rei da gloria.

 

 

SEGUNDA Heb 2, 14-18

Debeu asemellarse en todo ós irmáns

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

14Xa que os fillos participan todos na mesma carne e do mesmo sangue, tamén El participou igualmente da carne e do sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas ó que retiña o poder da morte, isto é, Satán; 15e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude.

16Porque está claro que a quen lles vén botar unha man, non é ós anxos, senón ós fillos de Abraham. 17Por iso tiña que asemellarse ós seus irmáns en todo, para deste xeito poder ser sumo sacerdote, que se doia de nós e de quen un se poida fiar nas cousas que se refiren a Deus e así poida expia-los pecados do seu pobo; 18porque El xa pasou a proba de sufrimento, pode axudar ós que agora se atopan na proba.

 

 

ALELUIA Lc 2, 32

R/. Aleluia.

V/. Luz de revelación para os xentís

e gloria do teu pobo Israel.

R/. Aleluia

 

 

EVANXEO Lc 2, 22-40 (máis longo) ou 22-32 (máis breve)

Viron os meus ollos a túa salvación

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

22 Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno Xesús a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor 23(pois así está escrito na Lei do Señor: "Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor"), 24e tamén para faceren unha ofrenda , conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".

25Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, 26tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.

27Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:

29Agora podes, Señor, segundo a túa promesa

despedir en paz ó teu servo,

30porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,

31o que preparaches para tódolos pobos:

32luz de revelación para os xentís

e gloria do teu pobo Israel.

33O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. 34Bendíxoos Simeón e díxolle a María, a nai:

-Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; 35e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.

36Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribu de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, 37e logo como viúva ata os oitenta

 

e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xexún e oracións. 38Presen-tándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a tódolos que esperaban a redención de Xerusalén.

39Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de Nazaret. 40O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con el.

 

Ou máis breve:

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

22Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno Xesús a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor 23(pois así está escrito na Lei do Señor: "Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor"), 24e tamén para faceren unha ofrenda , conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".

25Vivía no tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, 26tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.

27Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:

29Agora podes, Señor, segundo a túa promesa

despedir en paz ó teu servo,

30porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,

31o que preparaches para tódolos pobos:

32luz de revelación para os xentís

e gloria do teu pobo Israel.