22/02 Cátedra de San Pedro
PRIMEIRA 1 Pe 5, 1-4
Copresbítero e testemuña da pasión de Cristo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO
5 1Ós responsables das vosas comunidades, exhórtoos eu, responsable coma eles, que fun testemuña dos padecementos de Cristo e que terei parte convosco na gloria que está para se manifestar:
2coidade o rabaño de Deus, que está á vosa garda; mirade por el, non por pura obriga senón, como Deus quere, de boa gana; nin por baixos intereses de lucro senón porque vos agrada; 3nin dándovolas de señores dos que se vos encomendaron senón facéndovos exemplo para o rabaño. 4Así, cando apareza o supremo Pastor, recibiréde-la coroa da gloria, que nunca murcha.
SAL. RESP. Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/: (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
1O Señor é o meu pastor: nada me falta.
2Os pastos verdecentes lévame a repousar,
lévame a beber ás augas tranquilas:
3El repón as miñas forzas.
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
4Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.
5Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
6A túa bondade e o teu amor vanme seguindo
tódolos días da vida.
Eu habitarei na casa do Señor
ó longo dos meus días.
ALELUIA
(V/ Aleluia)
V/ Ti es Pedro, e sobre esta pedra
vou edifica-la miña Igrexa,
e as portas do inferno non prevalecerán
en contra dela.
(R/: Aleluia)
EVANXEO Mt 16, 13-19
Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
13Cando chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles ós seus discípulos:
-¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
14Eles responderon:
-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
15Insistiu:
-E vós, ¿quen dicides que son?
16Respondeu Simón Pedro:
-Ti e-lo Mesías, o Fillo de Deus vivo.
17E Xesús contestoulle:
-Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. 18E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra, e
sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
Na Misa votiva de San Pedro dinse as anteriores lecturas