2ª LECTURA

 

2ª LECTURA (recomendadas a elixir):

 

Rom 8, 31-35. 37-39 / Rom 12, 1-2. 9-18. (forma breve: 1-2. 9-13) / Cor 12, 31-13,8 

/ Col 3, 12-17 / Efesios 5, 2a. 25-32. / Pedro, 3, 1-9.

 

 

Rm 8, 31b-35. 37-39

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

Quen nos pode arredar do amor de Cristo?

 

 Irmáns:

 

Se Deus está connosco, quen contra nós? Aquel que non aforrou seu propio fillo senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?

Quen acusará aos escolleitos de Deus?: Non é Deus o perdoador? Quen os vai condenar?: Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?

Quen nos pode arredar do amor de Cristo?: a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?

Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.

Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.

        

Palabra do Señor                                                   R/. Grazas a Deus            

 

 

 

Rm 12, 1-2. 9-18 (máis longa)

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

Ofrecede os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus

 

  Irmáns:

 

Rógovos pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual.

E non vos axustedes ao mundo presente: máis ben transformádevos pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.

Que o voso amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ao ben: sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua; no traballo non teñades preguiza; no espírito, afervoados; para o Señor, coma escravos.

Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración; solidarios nas necesidades dos crentes e practicando a hospitalidade.

Bendicide os que vos perseguen, bendicide, e non maldigades.

Alegrádevos cos que están alegres, chorade cos que choran.

Tédevos na mesma estima uns a outros: non vos deades aires de grandeza, máis ben acomodádevos aos humildes. Non vos teñades por moi sabidos.

Non volvades a ninguén mal por mal: que todo o mundo vexa que procurades o ben.

No posible, en canto de vós dependa, mantede a paz con todos os homes.

 

                Palabra do Señor                                R/. Grazas a Deus              

 

 

Ou máis breve       Rm 12, 1-2. 9-13

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS             

 

Irmáns:

 

Rógovos pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual.

E non vos axustedes ao mundo presente: máis ben transformádevos pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.

Que o voso amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ao ben: sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua; no traballo non teñades preguiza; no espírito, afervoados; para o Señor, coma escravos.

Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración; solidarizándovos coas necesidades dos santos e practicando a hospitalidade.

 

                Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus   

 

 

 

1 Cor 12, 31 - 13, 8a

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

Se non tiver amor, non sería de proveito ningún

 

Irmáns:

 

Cobizade os carismas mellores. Pero, ademais aínda vos vou mostrar o camiño por excelencia:

Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.

Por moito que eu falase inspirado e comprendese todos os misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.

Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.

O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade.

Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.

O amor non pasa endexamais.

        

Palabra do Señor                                               R/. Grazas a Deus              

 

 

 

Col 3, 12-17

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES

Por riba de todo, cinguídevos co amor que é o lazo da perfección

 

Irmáns:

 

Vós, como elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia.

Aturádevos uns aos outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; como o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós.

E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva á perfección.

Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron como membros dun mesmo corpo.

Sede tamén agradecidos. Que a Palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades.

Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.

E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.

 

Palabra do Señor                                               R/. Grazas a Deus              

 

 

 

Ef 5, 2a. 25-32

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

Gran misterio é este; e eu refíroo a Cristo e á Igrexa

 

Irmáns:

 

Camiñade no amor, igual ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós.

Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin enruga nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada.

Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e quenta, como fai Cristo coa Igrexa, porque somos membros do seu corpo.

"Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser".

Gran misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.

           

Palabra do Señor                                               R/. Grazas a Deus              

 

 

 

1 Pe 3, 1-9

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO

Andade todos de acordo e cos mesmos sentimentos, querédevos coma irmáns

 

 

Benqueridos irmáns:

 

Que as mulleres se sometan aos seus homes; deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar polo bo xeito de vida por respecto ao Señor.

Que os vosos adornos non sexan os exteriores dunha trenza no pelo nin rodearvos de xoias de ouro ou vestirvos con variedade de vestidos; senón que sexa a personalidade escondida dentro, no corazón, co adorno indeformable dun espírito agarimoso e sereno; isto si que é algo precioso aos ollos de Deus.

Así tamén se adornaban noutrora as santas mulleres que esperaban en Deus, someténdose aos seus homes. Así obedeceu Sara a Abrahán, chamándolle "o meu dono". Vós, se facedes o ben e non vos amedrentades por ningunha alarma, é porque xa vos fixestes fillas de Sara.

No tocante aos homes, convivide coas vosas mulleres con comprensión, mostrándolles o debido respecto, tal como se lle debe a un ser máis feble e como a herdeiras convosco do don gratuíto da vida; así seredes capaces de rezar sen estorbos.

En fin, andade todos de acordo e cos mesmos sentimentos, querédevos coma irmáns, tede un corazón compasivo e un xeito humilde.

Non vos volvades mal por mal, nin insulto por insulto; ao contrario, devolvede bendicións, porque para isto vos chamaron: para serdes herdeiros dunha bendición.

 

           Palabra do Señor                                       R/. Grazas a Deus