Domingo VII

 
 

PRIMEIRA Feit 1, 12-14

Perseveraban unánimes na oración

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Despois de que Xesús subiu ó ceo, os apóstolos volveron para Xerusalén desde o chamado Monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado. 13Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Felipe, Tomé, Bartolomeo, Mateo, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. 14E todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns.

 

 

SALMO RESP. Sal 2, 1. 4. 7-8a

R/ (13): Vexo os bens do Señor na terra dos vivos

 

O Señor é a miña luz e salvación,

¿a quen hei de temer?

O Señor é o meu castelo,

¿ante quen hei de tremer?

 

4Unha cousa pídolle ó Señor,

unha cousa procuro:

habitar na casa do Señor,

tódolos días da vida,

para gozar da dozura do Señor,

visitando o seu templo.

 

7Escoita, Señor, a voz que chama,

ten piedade e respóndeme.

8Por ti dime o corazón:

-"Buscade a miña presencia".

 

 

 

SEGUNDA 1 Pe 4, 13-16

Ditosos os que sodes maltratados polo nome de Cristo

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SANPEDRO APÓSTOLO

 

Benqueridos irmáns e irmás:

 

Alegrádevos, conforme ides tendo parte nos sufrimentos de Cristo, para que deste xeito cando se manifeste a súa gloria poidades tamén alegrarvos xubilosos. 14Se se burlan de vós por serdes cristiáns, felicitádevos, porque o Espírito da gloria, isto é, o Espíritu de Deus, permanece sobre vós. 15Que ninguén de vós siga sufrindo por ser asasino ou ladrón ou mala persoa ou un entremetido; 16pero, se sofre por ser cristián, que non teña vergonza, máis ben que louve a Deus polo título que ten.

 

 

 

ALELUIA Cf Xn 14, 18:

 

Non vos deixarei orfos, di o Señor:

voume e voltarei onda vós e alegrarase o voso corazón

 

 

 

 

 

EVANXEO Xn 17, 1-11a

Pai, glorifica ó teu Fillo

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

17 1Erguendo os ollos ó ceo, dixo Xesús:

 

-Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo, de xeito que o fillo te glorifique a ti; 2conforme

lle deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a tódolos que ti lle deches. 3(E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo). 4Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer. 5E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira.

 

6Eu manifesteite ós homes que me escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra. 7Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, 8pois entreguéille-las palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti, e creron que ti me mandaches. 9Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polos que me deches, pois perténcenche; 10todo o meu é teu; e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. 11Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós.