Domingo IV
DOMINGO IV ORDINARIO
Primeira Lectura Deut 18, 15-20
Farei xurdir un profeta e poñerei as miñas palabras na súa boca
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Díxolle Moisés ao pobo:
- O Señor, o teu Deus, fará xurdir, no medio de ti, de entre os teus irmáns, un profeta coma min.
Facédelle caso, tal como llo pediches ao Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer.
E entón o Señor díxome:
- Fixeron ben en dicir isto. Farei xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas.
Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R.: (8)Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
Non endurezades os vosos corazóns.
Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.
Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz;
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron;
provocáronme, por máis que viron os meus feitos.
Segunda Lectura 1 Cor 7, 32-35
A virxe considera o que corresponde a Deus para ser santa
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar.
Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller, e así está dividido.
A muller non casada, o mesmo que a doncela ceibe, preocúpase das cousas do Señor, procurando ser santa de corpo e alma.
Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ao seu home.
Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ao contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ao Señor.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Mt 4, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
O pobo asentado nas tebras viu unha inmensa luz
e para os asentados na rexión e na sombra da morte amenceu a luz.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 21-28
Ensinábaos coma quen ten autoridade
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, viñeron a Cafarnaún e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
— Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti, ti es o Santo de Deus.
Xesús mandoulle:
— Cala, e bótate fóra dese home.
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados e discutían entre si, dicindo:
— Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos e eles obedéceno.
E a súa sona espallouse decontado por toda a rexión de Galilea.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo