Domingo VII
DOMINGO VII ORDINARIO
Primeira Lectura Is 43, 18-19. 21-22. 24b-25
Por min borro as túas iniquidades
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Así fala o Señor:
Non vos lembrades das cousas pasadas? Non comprendedes as cousas antigas?
Mirade, eu estou facendo algo novo; xa agroma, non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa,
ao pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.
Pero ti, Xacob, non me invocaches, senón que te cansaches de min, Israel.
Cos teus pecados obrigáchesme a actuar e cansáchesme coas túas iniquidades.
Eu, eu mesmo, pola miña bondade, son quen limpa as túas rebeldías, e dos teus pecados non me lembro.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 40, 2-3. 4-5. 13-14
R.: (5b)Sándame, Señor, que teño pecado contra ti.
Feliz o que se ocupa do coitado;
no día da calamidade, ha libralo o Señor.
O Señor ha gardalo, conservaralle a vida,
farao feliz sobre a terra
e non o entregará ao capricho do inimigo.
Ha socorrelo o Señor no leito da dor,
aliviarao na súa enfermidade.
Eu digo: “Señor, ten compaixón de min,
sándame, que teño pecado contra ti”.
Se eu estou san, é que ti me sostés
e me mantés sempre na túa presenza.
Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,
desde agora e para sempre. Amén. Amén.
Segunda Lectura 2 Cor 1, 18-22
Cristo Xesús non foi si e non, nel non houbo máis ca si.
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Ben sabe Deus que, na palabra que vos diriximos, non hai si e non, porque o Fillo de Deus, Cristo Xesús, que vos anunciamos Silván, Timoteo e mais eu, non foi si e non. Nel non houbo máis ca si, todas as promesas de Deus encontraron nel o si. Velaí o porqué de respondermos “amén”por el cando damos gloria a Deus.
O que nos mantén firmes—a min e a vós— na adhesión a Cristo é Deus, que nos unxiu para si, que tamén nos marcou co seu selo e infundiu nos nosos corazóns a garantía do seu Espírito.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres
e predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.
Evanxeo Mc 2, 1-12
O Fillo do Home ten poder na terra para perdoar os pecados
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naqueles días, entrou de novo Xesús en Cafarnaún, e sóubose que estaba na casa, e xuntáronse tantos que nin diante da porta había xa sitio. El expoñíalles a palabra. Entón veñen traéndolle un home tolleito, que levaban entre catro. Pero ao non poder poñelo diante del pola moita xente que había, levantaron o teito do sitio onde el estaba e, despois de facer un furado, baixaron o catre no que estaba tendido o tolleito.
Vendo Xesús a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
— Fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
Pero alí sentados estaban algúns letrados, que matinaban para os seus adentros:
— Que está a dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
E ao momento, decatándose Xesús no seu espírito do que eles estaban cavilando, díxolles:
— Por que razoades así nos vosos adentros? Que é máis fácil,dicirlle ao tolleito: “Quedan perdoados os teus pecados” ou dicir: “Érguete, colle o teu catre e bota a andar? Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados—dille ao tolleito—: “Dígocho a ti: Érguete, colle o teu catre, e vai para a túa casa”.
El ergueuse e, removendo deseguida o catre, marchou á vista de todos, de tal xeito que todos quedaron asombrados e glorificaban a Deus, dicindo:
- Nunca tal cousa vimos.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo