03/05 S. Felipe e Santiago Alfeo
Festa
PRIMEIRA 1 Cor 15, 1-8
O Señor aparecéuselle a Santiago e despois a tódolos apóstolos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
15 1Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes 2e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).
3Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; 4que o sepultaron, que ó terceiro día resucitou conforme ás Escrituras 5e que se apareceu a Cefas e despois ós Doce. 6Máis tarde apareceuse dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. 7Despois apareceuse a Santiago e logo a tódolos apóstolos. 8En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora.
SAL. RESP. Sal 18, 2-3. 4-5
R/ (5a) Por toda a terra vai o seu anuncio
Ou: Aleluia
20s ceos proclaman a gloria de Deus,
o firmamento pregoa as obras das súas mans.
3Un dia pásalle ó outro a mensaxe,
unha noite transmítelle á outra a noticia.
4Sen que falen nin conten,
sen que se sinta a súa voz,
5por toda a terra vai o seu anuncio,
ata os confíns do mundo a súa palabra.
ALELUIA Xn 14, 6b.9c
Eu son o camiño, a verdade e a vida,
di o Señor;
Felipe, quen me ve a min ve ó Pai.
EVANXEO Xn 14, 6-14
Levo tanto tempo convosco, ¿e ainda non me coñeces?
PROCLAMACION DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dille Xesús a Tomé:
-Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. 7Se me coñecesedes, coñeceriades tamén a meu Pai; anque xa desde agora o coñecedes e o tendes visto.
8Felipe díxolle:
-Señor, móstrano-lo Pai e abóndanos.
9Xesús replicoulle:
-Pero, Felipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. ¿Como dis entón ''móstrano-lo Pai''? 10¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. 11Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. 12Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; 13e o que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. 14Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.