14/05 S.Matías Apóstolo

 

Festa

PRIMEIRA Feit 1, 15-17. 20-26

Caiu a sorte sobre Matías e foi contado cos once apóstolos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Pedro, erguéndose no medio dos irmáns (había alí un grupo de xente de case cento vinte persoas), dilles:

-16Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús; 17el, que foi un de nós e recibira parte neste servicio.

20Porque está escrito no libro do Salmos: ''que fiquen a campo os seus bens e que non haxa quen os habite''; e tamén ''que outro reciba o seu cargo''. 21E, pois, cómpre que dos homes que nos acompañaron todo o tempo que o Señor Xesús estivo connosco, 22comezando desde o bautismo de Xoán ata o día en que foi levado de entre nós, un deles sexa connosco testemuña da súa resurrección.

23E presentaron dous: Xosé, o chamado Barsabás e por sobrenome o Xusto, e mais Matías.

24Daquela oraron así: ''Ti, Señor, que coñéce-los corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches 25para ocupar neste servicio do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía''.

26Sortearon e correspondeulle a Matías, que formou grupo cos Once apóstolos.

 

 

SAL. RESP. Sal 112, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8

R/ (cf 8) Deulle asento o Señor cos nobres do seu pobo

Ou: Aleluia

Louvade, servidores do Señor,

louvade o nome do Señor.

2Bendito sexa o nome do Señor,

agora e por sempre.

3Desde o nacente ó poñente

louvado sexa o nome do Señor.

 

4Excelso sobre as xentes é o Señor,

sobre o ceo a sua gloria.

5¿Quen coma o Señor, noso Deus,

que habita nas alturas

6e que baixa para coidar

do ceo e mais da terra?

7El ergue do po os indixentes,

levanta os pobres do esterco,

8para lles dar asento cos nobres,

cos nobres do seu pobo.

 

 

ALELUIA Cf Xn 15, 16

Eu elixinvos do medio do mundo,

para que vaiades e levedes froito

e o voso froito dure, di o Señor

 

 

EVANXEO Xn 15, 9-17

Non me elixistes vós a min, senón que vos elixín eu a vós

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Dilles Xesús ós seus discípulos:

9Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. 10Se gardáde-los meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. 11Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.

12Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. 13Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. 14Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. 15Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. 16Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ó Pai no meu nome, volo conceda. 17Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.