Inmaculado Corazón de María

 

LECTURAS DO INMACULADO CORAZÓN DE MARÍA

 

PRIMEIRA Isaías 61, 9-11

Exultarei de ledicia no Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE ISAÍAS

 

9Será recoñecida entre os pobos a descendencia deles

e os seus xermolos no medio das       nacións.

Todos os que os vexan recoñeceranos,

pois eles son a descendencia que o Señor bendiciu.

10Exultarei ledo polo Señor,

e a miña alma brincará de xúbilo polo meu Deus,

xa que me fixo vestir roupas da salvación

e envolveume co manto da xustiza,

coma o noivo que veste solemnemente o turbante,

e coma a noiva que se adorna coas súas xoias.

11Pois, como a terra fai saír os seus gromos,

e como un horto fai brotar as súas sementeiras,

así o Señor Iavé fará brotar a xustiza,

e a loanza ante todos os pobos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL  1Samuel 2, 1.4-8

R/ (1b): O meu corazón alégrase no Señor

 

1Ana dixo daquela esta oración:

‑"O meu corazón alégrase no Señor,

érgome forte no meu Deus;

a miña boca rise dos meus inimigos,

porque celebro a túa salvación.

 

4Os arcos dos fortes sofren quebra,

os febles énchense de valor;

5os fartos contrátanse polo pan,

mentres que os famentos descansan;

a que antes era estéril,

dá á luz sete veces;

a que antes se enchía de fillos,

agora vese baldeira.

6O Señor dá a morte e a vida,

afunde no abismo e saca de alí.

7O Señor enriquece e desposúe,

humilla e tamén engrandece.

8El ergue da lama ó humilde

e tira ó pobre da esterqueira,

para o sentar entre os príncipes

coma herdeiro dun trono de gloria;

pois do Señor son os alicerces da terra

e sobre eles asentou o universo.

 

 

ALELUIA E VERSO ANTES DO EVANXEO

Lc 2, 19

 

Ditosa a Virxe María que conservaba a Palabra de Deus

meditándoa no seu corazón

 

 

EVANXEO Lc 2, 41-51

Conservaba estas cousas no seu corazón

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

41Polas festas da Pascua seus pais ían todos os anos a Xerusalén. 42E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. 43Pasados aqueles días, cando eles volvían o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. 44Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. 45Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. 46E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. 47Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. 48O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:

‑¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.

49El respondeu:

‑¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?

50Pero eles non entenderon a resposta. 51Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.