Domingo VIII
DOMINGO VIII ORDINARIO
Primeira Lectura Os 2, 16b. 17b. 21-22
Casarei contigo para sempre.
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA OSEAS
Así fala o Señor:
Velaí, eu mesmo levareina ao deserto e falareille ao seu corazón,
e alí hame responder como nos días da súa mocidade, como o día en que subiu de Exipto.
Casarei contigo para sempre.
Casarei contigo a prezo de xustiza e de dereito,
de bondade e de misericordia.
Casarei contigo porque me fío de ti
e entón recoñecerás o Señor.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 8 e 10. 12-13
R.: (8a)O Señor é misericordioso e clemente.
Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o Señor,
non esquezas os seus beneficios.
El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura.
O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Non nos trata conforme aos nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.
Canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
canto un pai ama os seus fillos,
así ama o Señor os que o temen.
Segunda Lectura 2 Cor 3, 1b-6
Sodes coma unha carta de Cristo redactada por nós
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Será que, coma certos individuos, precisamos de cartas de recomendación para vós ou da vosa parte?
A nosa carta sodes vós; unha carta escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por toda a xente.
Nótasevos que sodes unha carta de Cristo, redactada por nós, e non escrita con tinta, senón co Espírito do Deus vivo; e non en táboas de pedra, senón en táboas de corazóns de carne.
Esta é a confianza que temos diante de Deus, por medio de Cristo.
Non é que de noso teñamos aptitudes para poder apuntar nada na nosa conta coma cousa propia, a nosa capacidade vénnos de Deus, que nos capacitou para sermos axentes dunha alianza nova, non de letra, senón de Espírito; que a letra mata, mentres que o Espírito dá vida.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Sant 1, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Pola súa vontade, xerounos o Pai coa palabra de verdade,
para que sexamos primicias da súa creación.
Aleluia.
Evanxeo Mc 2, 18-22
O esposo está con eles
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, un día no que os discípulos de Xoán e mais os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:
— Como é que, mentres os discípulos de Xoán e mais os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?
Xesús contestoulles:
— Pero, logo, poden os convidados á voda xaxuar mentres dura a voda? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar. Xa virá o día no que lles leven o esposo, e daquela si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes, a viño novo, pelellos novos.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo