Domingo XII

 

12º  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

 

 

Primeira Lectura      Zac 12, 10-11; 13, 1

Mirarán a quen crucificaron (Xn 19, 37)

 

LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS

 

            Así fala Señor:

            Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ao meu Poderoso, a quen traspasaron.

            Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito.

            No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido.

            No día aquel haberá unha fonte de auga corrente para a casa de David e para os habitantes de Xerusalén, por mor do pecado e da inmundicia.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 62, 2abcd. 2e-4. 5-6. 8-9

 

R/.  (2b):  De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.

 

Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,

de ti ten sede a miña alma,

por ti devece o meu corpo,

coma terra reseca, sedenta, sen auga.

 

Miro cara a ti no santuario,

para ver o teu poder e a túa gloria.

A túa misericordia é preciosa máis cá vida,

lóante os meus labios.

 

Toda a miña vida hei bendicirte

levantando no teu nome as miñas mans.

Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,

han loarte xubilosos os meus labios.

 

Ti es o meu auxilio,

á sombra das túas ás estou contento.

A miña alma está unida a ti,

abrigoume a túa destra.

 

 

Segunda Lectura     Gal 3, 26-29

Os que fostes bautizados, revestístesvos de Cristo

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS

 

            Irmáns:

            Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque aos que vos bautizaron en Cristo, revestíronvos de Cristo.

            E acabouse todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, pois sodes coma un só en Cristo Xesús.

            Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a “descendencia” de Abrahán, herdeiros conforme a promesa.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

ALELUIA    Xn 10, 27

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e elas séguenme.

Aleluia.

 

 

Evanxeo    Lc 9, 18-24

Ti es o Unxido de Deus. É necesario que o Fillo do Home padeza moito

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

            Unha vez que estaba Xesús en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:

            ‑ Quen di a xente que son eu?

            Eles responderon:

            ‑ Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.

            Insistiu:

            ‑ E vós quen dicides que son eu?

            Respondeu Simón Pedro:

            ‑ O Mesías de Deus.

            Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. E engadiu:

            ‑ Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ao terceiro día resucite.

            Despois dirixiuse a todos:

-          Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo.

 

 

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo