Santísima Trindade

DOMINGO DA SANTÍSIMA TRINDADE - CICLO C

 

 

Primeira Lectura     Prov 8, 22-31

Antes de que se fixera a terra xa fora concibida a Sabedoría

 

LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS

 

            Isto di a Sabedoría de Deus:

            ‑ O Señor posuíume ao encetar a súa tarefa,

antes das súas primeiras actividades;

desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada,

antes das orixes da terra.

            Aínda non había océanos abismais, cando fun xerada,

nin había mananciais de auga;

antes de que fosen afincadas as montañas,

denantes dos outeiros fun dada a luz;

aínda non fixera a terra e as campías

nin os terróns primeiros do mundo.

            Cando afirmaba o ceo, alí estaba eu;

cando gravaba o cerco arredor do abismo,

cando aseguraba as nubes no alto

e daba enerxía ás fontes subterráneas,

cando lle impuxo os lindes ao mar

de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato,

cando fixaba os alicerces da terra,

alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un aprendiz:

eu era o seu pracer día tras día:

            Entretíñame diante del continuamente,

recreábame no orbe da terra.

            A miña delicia é estar cos fillos dos homes.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 8, 4-5. 6-7. 8-9

 

R/.  (2a):  Señor, noso Señor, que grande é o teu nome en toda a terra!

 

Cando contemplo o ceo, feitura da túa man,

a lúa e as estrelas que nel dispuxeches,

que é o home, para que te lembres del,

o fillo do home, para que o veñas visitar?

 

Fixéchelo pouco menos ca un anxo,

coroáchelo de honor e dignidade;

décheslle mando sobre as obras das túas mans,

todo o sometiches baixo os seus pés.

 

Rabaños de ovellas e touros,

e mesmo os animais en liberdade,

os paxaros do ceo e os peixes do mar,

que fan carreiros polas augas.

 

 

Segunda Lectura     Rm 5, 1-5

Chegamos a Deus por medio de Cristo no amor derramado polo Espírito

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

 

            Irmáns:

            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos coa esperanza de acadar a gloria de Deus.

            E non só isto, senón que nos alegramos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia, a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza.

            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

ALELUIA     Cf. Ap 1, 8

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,

ó Deus que é, e que era, e que virá.

Aleluia.

 

 

Evanxeo     Xn 16, 12-15

Todo o que ten o Pai é meu; o Espírito recibe do meu e darávolo a coñecer

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            - Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar.

            El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso vos dixen que recibirá do meu e volo interpretará.

            Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.

 

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo