II Domingo

ADVENTO CICLO A

 

 LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

Primeira Lectura          Is 11, 1-10

Xulgará os pobres con xustiza

 

Naqueles días, abrollará un xermolo no tronco Iexé

e un gromo brotará da súa raíz.

Descansará sobre el o Espírito do Señor,

espírito de sabedoría e discernimento,

espírito de consello e fortaleza,

espírito de ciencia e de temor do Señor.

Sentirá a súa compracencia no temor do Señor.

Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos,

nin sentenciará conforme as murmuracións dos seus oídos.

Xulgará o pobre conforme á xustiza,

e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación.

Castigará o violento coa vara da súa boca,

e co espírito dos seus labios matará o malvado.

Será a xustiza o cinguideiro da súa cintura

e a fidelidade o cinguideiro do seu lombo.

O lobo habitará co carneiro

e o leopardo deitarase co cabrito;

o becerro e o leonciño pacerán xuntos:

un meniño pequeno sacaraos ao pasto.

A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías;

o león, o mesmo có boi, comerá palla.

Un meniño de leite xogará no tobo da cobra,

e un neno destetado collerá a víbora coa súa man.

Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo:

o país estará cheo de coñecemento do Señor,

o mesmo que as augas enchen o mar.

Sucederá o día aquel que a raíz de Iexé estará ergueita de bandeira das nacións,os pobos procurarana, e a gloria será o seu lugar de descanso.

                                                                                                                 Palabra do Señor

 

 

SALMO RESPONSORIAL          Sal 71, 2. 7-8. 12-13. 17

 

R/. (cf. 7): Florecerá a xustiza nos seus días, e abundancia de paz para sempre.

 

Que rexa o teu pobo con xustiza,

e os teus pobres con equidade.

 

Florecerá a xustiza nos seus días,


unha prosperidade duradeira como a lúa.

Dominará de mar a mar,

desde o gran río ata o cabo da terra.

 

El librará o pobre que suplica,

o aflixido que está sen axuda.

Terá piedade do feble e do indixente,

e salvará a vida dos pobres.

 

Que o seu nome dure por sempre

e a súa sona igual có sol.

Que sexan benditos nel todos os pobos

e que o proclamen ditoso.

 

 

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS ROMANOS

Segunda Lectura              Rom 15, 4-9

Cristo salva a todos os homes

 

Irmáns:

Todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrucción: para que, entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñamos a esperanza.

Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós, conforme o exemplo de Cristo Xesús, para que, cun só corazón e unha soa boca, loedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo.

Por iso, acollédevos uns a outros -como Cristo vos acolleu-, para gloria de Deus. Pois dígovos que Cristo se fixo servidor dos xudeus en razón da fidelidade de Deus, para ratificas as promesas feitas ós patriarcas; e tamén para que os pagáns, pola súa parte, glorifiquen a Deus en razón da súa misericordia. Tal como está escrito:

Por iso loareite entre os xentís e cantarei himnos ao teu nome.

                                                                                                                 Palabra do Señor

 

 

ALELUIA     Lc 3, 4. 6

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Preparade os camiños do Señor

endereitade os seus carreiros;

todos verán a salvación de Deus.

Aleluia.

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo        Mt 3, 1-12

Facede penitencia: xa chega o Reino dos Ceos

 

 


Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando:

‑ Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.

El era de quen dixera o profeta Isaías:

Unha voz clama no deserto:

Preparade o camiño do Señor,

endereitade os seus vieiros.

Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. Ía onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do Xordán. Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.

Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:

(Raza de víboras! )Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: "Somos fillos de Abrahán", porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abrahán mesmo destas pedras. Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito hase cortar e botar ao lume.

Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min, e nin tan sequera son digno de lle levar as sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e na hucha recoller o trigo; e ha queimar a palla nun lume que nunca se apaga.

                                                                                                                                            

Palabra do Señor