Inmaculada Concepción da Virxe
INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
Solemnidade – 8 decembro
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Primeira Lectura Xen 3, 9-15. 20
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller
Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
‑ Onde estás?
El respondeulle:
‑ Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e agacheime.
Preguntoulle o Señor Deus:
‑ Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
Respondeulle Adán:
‑ A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
O Señor díxolle á muller:
‑ Que é o que fixeches?
E a muller respondeu:
‑ A serpe enganoume, e comín.
Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
‑ Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxirlle o calcañar.
O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/. (1a): Cantádelle Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.
Cantade Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.
O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Segunda Lectura Ef 1, 3-6. 11-12
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo
Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Evanxeo Lc 1, 26-38
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo
Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
‑ Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
Díxolle María anxo:
‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
O anxo respondeulle:
‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
Entón María dixo:
‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo