III Domingo

CICLO A

 

 

LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO

Primeira Lectura     Ex 17, 3-7

Dános auga para beber (Ex 17, 2)

 

     Naqueles días, o pobo padecía a sede e murmuraba contra Moisés pola falta de auga:

     ‑ Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, aos nosos fillos e á nosa habenza?

      Moisés clamou entón cara ao Señor:

     ‑ Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme.

     O Señor respondeulle:

     ‑ Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel, leva na man a caxata coa que golpeaches o Nilo e camiña. Eu presentareime diante túa, sobre a rocha, alá no Horeb. Ti golpearás a rocha, e dela sairá auga para que o pobo beba.

     Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel.

     Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israe­litas contenderon co Señor e puxérono a proba, preguntando: "Está o Señor connosco ou non?".

 

Palabra do Señor

 

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9

 

R/. (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!

            Non endurezades os vosos corazóns.

 

Vinde, cantémoslle ao Señor,

Aclamemos a nosa Rocha salvadora;

acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,

aclamémolo con cancións.

 

Vinde, adorémolo prostrados,

axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,

pois el é o noso Deus,

e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

 

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:

non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,

coma o día de Masah, no deserto,

onde os vosos pais me tentaron:

provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.

 

 

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

Segunda Lectura     Rm 5, 1-2. 5-8

O Amor derramouse en nós polo Espírito que se nos deu

 

            Irmáns:

            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos pola esperanza de acadar a gloria de Deus.

            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.

            Pois xa cando nós estabamos aínda, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é doado que alguén morra por un home xusto (aínda que por un home bo aínda haxa alguén que estea disposto a morrer); pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda  pecadores, Cristo morreu por nós.

Palabra do Señor

 

 

VERSÍCULO     Cf. Xn 4, 42. 15

 

Señor, verdadeiramente ti es o Salvador do mundo;

dáme auga viva, para que non teña máis sede.

 

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Evanxeo     Xn 4, 5-42  (longo)

Manancial de auga que salta ata a vida eterna

 

            Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:

            ‑ Dáme de beber.

            (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

            Preguntoulle entón a muller samaritana:

            ‑ Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

            Respondeulle Xesús:

            ‑ Se coñeceses o don de Deus e quen che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

            Replicoulle a muller:

            ‑ Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?

            Xesús contestoulle:

            ‑ Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

            A muller suplicou:

            ‑ Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

            Díxolle Xesús:

            ‑ Vai chamar polo teu marido e volve aquí.

            A muller contestou:

            ‑ Non teño marido.

            Xesús díxolle:

            ‑ Falaches ben, dicindo "non teño marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.

            A muller respondeu:

            ‑ Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.

            Xesús díxolle:

            ‑ Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora ‑ e velaí ‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.

            Respondeu a muller:

            ‑ Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.

            Díxolle Xesús:

            ‑ Son eu, o que está falando contigo.

            Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"

            Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles aos veciños:

            ‑ Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?

            Eles saíron da vila e viñeron onda el.

            Mentres, os seus discípulos insistíanlle:

            ‑ Rabbí, come.

            Mais el díxolles:

            ‑ Eu teño para xantar unha comida que vós non matinades.

            Dicíanse entón os discípulos, uns aos outros:

            ‑ Traeríalle alguén de comer?

            Xesús díxolles:

            ‑ A miña comida é facer a  vontade daquel que me mandou e levar ao remate a súa obra. Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna, de xeito que se alegra tanto quen sementa coma quen sega. Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. Eu mandeivos recoller o que vós non traballastes: outros traballaron e vós recollestes o froito do seu traballo.

            Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:

            ‑ Xa non cremos polo que ti nos contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

Palabra do Señor

 

______________________________________________________________________

 

Ou máis breve: Xn 5-15. 19b-26. 39a. 40-42

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

            Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:

            ‑ Dáme de beber.

            (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

            Preguntoulle entón a muller samaritana:

            ‑ Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?

            (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

            Respondeulle Xesús:

            ‑ Se coñeceses o don de Deus e quen che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

            Replicoulle a muller:

            ‑ Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?

            Xesús contestoulle:

            ‑ Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

            A muller suplicou:

            ‑ Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

Vexo, Señor, que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.

            Xesús díxolle:

            ‑ Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora ‑ e velaí ‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.

            Respondeu a muller:

            ‑ Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.

            Díxolle Xesús:

            ‑ Son eu, o que está falando contigo.

            Moitos samaritanos daquela vila creron nel. Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:

            ‑ Xa non cremos polo que ti nos contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

Palabra do Señor