Nadal do Señor
MISA DO DÍA
Primeira Lectura Is 52, 7-10
Todos os pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!
Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
“Todos os ollos contemplarán a volta do Señor a Sión”.
Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
O Señor remangou o seu brazo santo aos ollos de todos ospobos,
e todos osconfíns da terra viron a salvación do noso Deus.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
R.: (3c)Os confíns todos da terra percibiron a vitoria do noso Deus.
Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.
O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza diante dos pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e tamén o salterio;
con claríns e co son das trompetas
aclamade o Señor, noso rei.
Segunda Lectura Heb 1, 1-6
Deus falounos por medio do Fillo
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Irmáns:
En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados aos nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio do seu Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realizar a purificación dos pecados, sentouse á dereita da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso ca os anxos, canto que herdou un título máis valioso ca o deles.
Porque, a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu”ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo”?
E cando introduce de novo o seu Fillo primoxénito ao mundo celeste, di: “Adóreno todos osanxos de Deus”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Resplandeceu para nós un día de santificación:
vinde todos e adorade o Señor:
porque hoxe descendeu unha inmensa luz sobre a terra.
Aleluia.
Evanxeo Xn 1, 1-18 (alongo)
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home
mandado por Deus,
o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
—aos que cren no seu nome—
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
Estes non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.
Xoán dá testemuño del,
exclamando:
Este évos de quen eu dixen:
“O que vén detrás miña,
pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min”.
E da súa abundancia
recibimos todos nós
graza e máis graza.
Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a graza e a verdade
realizáronse por Xesús Cristo.
A Deus ninguén o viu;
o Unixénito, que está no seo do Pai,
foi quen nolo revelou.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
________________________________________________________________________
Ou máis breve:1-5. 9-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
—aos que cren no seu nome—
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
Estes non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo