Luns Santo
PRIMEIRA LECTURA
Lectura del libro de Isaías 42, 1-7
Non berrará, non levantará a súa voz polas rúas
1Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
Teño posto sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
2Non berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
3Canivela fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
Con fidelidade proclamará a xustiza,
4non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
5Así fala, Deus, o Señor,
o que crea o ceo e o estende, o que sustenta a terra e os seus produtos,
o que lle dá alento ó pobo que hai sobre ela, e espírito ós que camiñan por ela:
6Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
7para que lles abras os ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos,
da prisión ós que viven na escuridade.
SALMO 26, 1. 2. 3. 13-14
R. O Señor é a miña luz e a miña salvación.
O Señor é a miña luz e salvación,
¿a quen hei de temer?
O Señor é o meu castelo,
¿ante quen hei de tremer?
2Cando os malfeitores me atacan
para devorar a miña vida,
son eles, os meus inimigos e opresores,
os que esvaran e caen.
3Mesmo se un exército acampase contra min,
o meu corazón nin temería;
aínda que rompese o combate contra min,
tamén entón confiaría.
13Eu espero gozar dos bens do Señor
na terra da vida.
14Espera no Señor;
ten corazón forte e valente
e espera no Señor.
VERSÍCULO ANTES DO EVANXEO
¡Salve, noso Rei!
Só Ti te compadeciches dos nosos erros.
EVANXEO
Lectura do santo evanxeo segundo san Xoán 12,1-11
Déixaa; que garde isto para o día do meu enterro
1Seis días antes da Pascua, foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 2Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
3Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume.
4Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había de entregar, dixo:
5‑¿Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron ós pobres?
6Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.
7Pero Xesús replicou:
‑Déixaa estar: que garde isto para o día do meu enterro; 8pois ós pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.
9Unha chea de xente de entre os xudeus soubo entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 10Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, 11pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.