Mércores Santo
PRIMEIRA LECTURA
Lectura del libro de Isaías 50, 4-9a
Non retirei o meu rostro cando me aldraxaban
4O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
5O Señor Iavé abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
6Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
7Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
8O que defende a miña causa está cerca.
¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?
Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.
9O Señor Iavé axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?
SALMO 68, 8-10. 21-22. 31. 33-34
R. ¡Señor, meu Deus,
polo teu grande amor, respóndeme!
8Por ti aturo eu afrontas
e cóbreme a cara a vergonza.
9Volvinme estraño para meus irmáns,
alleo ós fillos da miña nai.
10Consómeme o celo da túa casa
e as aldraxes dos que te aldraxan
caen enriba de min.
21A afronta québrame o corazón, e desfalezo,
agardo compaixón, e non a hai;
quen me console, e non o atopo.
22Na comida bótanme fel
e para a sede danme vinagre.
31Loarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de grazas.
33Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscades o Señor,
34pois o Señor escoita ós humildes,
non despreza ós seus na cadea.
VERSÍCULO ANTES DO EVANXEO
Salve, noso Rei,
só Ti te compadeciches dos nosos erros.
Ou ben:
Salve, noso Rei, obediente ao Pai;
fuches levado á crucifixión,
como un año manso á matanza.
EVANXEO
Lectura do santo evanxeo segundo san Mateo 26, 14-25
O Fillo do home vaise, como está escrito del,
pero, ¡ai, de aquel por quen será entregado!
14Entón foi un dos Doce, chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e 15díxolles:
‑¿Canto me dades se volo entrego?
Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. 16E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.
17No primeiro día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
‑¿Onde queres que che preparemos a cea pascual?
18El respondeu:
‑Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa".
19Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.
20Chegado o solpor, púxose á mesa cos Doce. 21E mentres ceaban díxolles:
‑Asegúrovos que un de vós me vai entregar.
22Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:
‑¿Non serei eu, Señor?
23El respondeu:
‑Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame.
24O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ¡ai daquel que entrega ó Fillo do Home! Máis lle valía non nacer.
25Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:
‑¿Non serei eu, Mestre?
Respondeulle:
‑Ti o dixeches.