Vixilia Pascual

 

VIXILIA PASCUAL NA NOITE SANTA

 

 

 

PRIMEIRA Xen 1, 1 - 2, 2 (máis longa)

Viu Deus todo canto fixera e era moi bo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

1 1No principio creou Deus o ceo e a terra. 2A terra era unha masa disforme e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.

 

3Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. 4Viu Deus que a luz era cousa boa e

arredouna das tebras.

 

5A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana.

 

6Quixo Deus que houbese un espacio para arreda-las augas das augas. 7E fixo un espacio, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. 8O espacio rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día.

 

9Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi. 10O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben. 11Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así foi.

12A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. 13E completouse o terceiro día.

 

14Mandou Deus que houbese luces no espacio para distingui-lo día da noite, para dar

sinal das festas, das estacións e dos anos, 15e para que, brillando no espacio, alumasen a terra. E así foi. 16Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que rexe a noite, e tamén as estrelas. 17Púxoas no espacio, para aluma-la terra, 18para rexe-lo día e a noite e para distingui-la luz das tebras. E viu que estaba ben. 19E completouse o cuarto día.

 

20Quixo Deus que as augas fosen un fervedeiro de peixes e o espacio entre o ceo e a terra un voar de paxaros. 21E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e tódalas sortes de paxaros. E parecéronlle ben. 22E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra. 23E completouse o quinto día.

 

24Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os

reptís e as feras salvaxes. E así foi.

 

25Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, reptís, e

parecéronlle ben.

 

26Despois dixo Deus: -"Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos reptís todos da terra".

 

27E creou Deus o home á súa imaxe, creou-no á imaxe de Deus, creouno varón e femia.

28E bendiciunos así: -"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos reptís todos da terra". 29E díxolles aínda:

-"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós reptís que viven na terra dóulle-la herba para a mantenza".

E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E completouse o sexto día.

 

 

 

2 1Quedaron así rematados o ceo e a terra e tódolos elementos. 2Deus concluíu no día

sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo.

 

 

 

Ou máis breve: 1, 1. 26-31a

 

1,1No principio creou Deus o ceo e a terra.

 

26Despois dixo Deus: -"Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos reptís todos da terra".

 

27E creou Deus o home á súa imaxe, creou-no á imaxe de Deus, creouno varón e femia.

28E bendiciunos así: -"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos reptís todos da terra". 29E díxolles aínda:

-"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós reptís que viven na terra dóulle-la herba para a mantenza".

E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo.

 

 

 

SALMO RESP. Sal 103, I-2a.5-6.I0 e I2. I3-I4.24 e 35c

R/ (cfr 30): Mánda-lo teu alento, e son creados

e renóva-la cara da terra.

 

 

1Alma miña, bendice ó Señor.

 

Señor, meu Deus, ti es moi grande,

 

vestido de gloria e maxestade,

 

2envolto en luz coma nun manto.

 

 

 

5Ti asentáche-la terra nos seus alicerces

 

e non abalará endexamais.

 

6Cubríchela co manto do océano

 

e as augas subían ó alto dos montes.

 

 

 

10Ti encána-las fontes polos ríos,

 

que corren entre montañas.

 

12Nas súas ribeiras habitan paxaros,

 

que cantan na ramallada.

 

 

 

13Desde a túa morada réga-las montañas,

 

do froito das túas obras fártase a terra.

 

14Ti fas xermolar herba para o gando,

 

e plantas para uso dos homes,

 

para que da terra saquen pan

 

 

 

24¡Cantas son, Señor, as túas obras,

 

todas feitas con saber!

 

A terra está chea das túas creaturas.

 

Alma miña, bendice ó Señor.

 

 

 

Ou Sal 32, 4-5. 6-7. I2-I3. 20 e 22

R/ (5b): A misericordia do Señor enche a terra

 

 

4A palabra do Señor é recta

 

e tódalas súas obras son leais:

 

5El quere o dereito e a xustiza,

 

a súa misericordia enche a terra.

 

 

 

6Pola palabra do Señor foron feitos os ceos,

 

polo alento da súa boca tódolos astros.

 

7Xuntou, coma nun fol, a auga do mar,

 

meteu en depósitos o océano.

 

 

 

12Feliz a nación que ten a Deus por Señor,

 

o pobo que El elixiu como herdade.

 

13Desde o ceo mira o Señor,

 

olla para tódolos homes;

 

 

 

20Nós agardámo-lo Señor:

 

El é o noso socorro, o noso escudo.

 

22Veña a nós, Señor, a túa misericordia,

 

como de ti o esperamos.

 

 

 

 

SEGUNDA Xen 22, 1-18 (máis longa)

Sacrificio do noso Patriarca Abraham

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 

22 1Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: -"¡Abraham!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

2Deus mandoulle: -"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".

 

3Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mailo seu

fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ó camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. 4O terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.

 

5Abraham díxolles ós criados: -"Espera-de aquí co burro. Eu e mailo rapaz chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida voltaremos onda vós". 6Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.

 

7Isaac díxolle a seu pai: -"¡Meu pai!"

 

El respondeu: -"¿Que queres, fillo?"

 

O rapaz dixo: -"Levamos lume e leña. Pero ¿onde está o año para o sacrificio?"

 

8Abraham respondeulle: -"Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous

xuntos.

 

9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. 10Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.

 

11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: -"¡Abraham! ¡Abraham!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

12O anxo dixo: -"Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei

comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".

 

13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo. 14Abraham púxolle ó lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di: -"Na montaña o Señor proverá".

 

15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16-"Xúroche por min

mesmo -palabra do Señor- que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que tes, 17bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Tódolos pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".

 

 

 

 

Ou máis breve: 1-2, 9a. 10-13. 15-18

 

22 1Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: -"¡Abraham!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

2Deus mandoulle: -"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".

 

9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar,

 

10Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.

 

11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: -"¡Abraham! ¡Abraham!"

 

El respondeu: -"Aquí estou".

 

12O anxo dixo: -"Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei

comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".

 

13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo.

 

15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16-"Xúroche por min

mesmo -palabra do Señor- que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que tes, 17bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Tódolos pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".

 

 

 

SALMO RESP. Sal 15, 5 e 8. 9-10. 11

R/ (1): Gárdame, Señor, porque esperei en ti

 

 

5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,

 

ti coidas do meu porvir.

 

8Teño ó Señor sempre diante;

 

con El á dereita non caerei.

 

 

 

9Por iso o meu corazón está contento,

 

as miñas entrañas reloucan

 

e o meu corpo está seguro.

 

10Ti non abandonarás á morte a miña vida,

 

nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.

 

 

 

11Mostrarasme o camiño da vida:

 

a túa presencia éncheme de alegría;

 

a túa dereita, de gozo eterno.

 

 

 

 

TERCEIRA Ex 14, 15 - 15, 1

Pasaron os fillos de Israel polo medio do mar seco

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

 

15O Señor díxolle a Moisés: -"¿Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas que se poñan en marcha. 16Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. 17Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. 18O mostra-la miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son Iavé".

 

19O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube. 20Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns ós outros.

 

21Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata seca-lo mar, coas augas partidas. 22Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. 23Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.

 

24Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o

campamento exipcio e cubriuno de confusión. 25Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: -"Fuxamos dos israelitas, pois Iavé loita por eles contra nós".

 

26O Señor díxolle a Moisés: -"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". 27Moisés alongou a man cara ó mar e,

contra a mañá, este volveu ó seu sitio. 28Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor

alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.

 

29Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda. 30Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios.

Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. 31Israel recoñeceu con que man

poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo

Moisés.

 

15 1Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:

 

-"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,

 

cabalo e cabaleiro alagou no mar.

 

 

 

 

SALMO RESP. Ex 15, 1-2 . 3-4. 5-6. 17- 18

R/ (1a): Cantemos ó Señor, que se cubriu de gloria

 

 

15 1Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:

 

-"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,

 

cabalo e cabaleiro alagou no mar.

 

2 O Señor é a miña forza, a razón do meu canto,

 

El é a miña salvación.

 

El é o meu Deus, e louvareino,

 

o Deus de meu pai, e enxalzareino.

 

 

 

3 O Señor é un guerreiro.

 

O seu nome é Iavé.

 

4 Alagou no mar ó faraón cos seus exércitos,

 

a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio.

 

 

 

5 Os abismos cubríronos,

 

baixaron ó fondo coma pedras.

 

6 A túa destra, Señor, distínguese pola forza,

 

a túa destra, Señor, tronza ós inimigos.

 

 

 

17Ti leváchelo e plantáchelo na túa propiedade,

 

no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada,

 

no santuario que ti fundaches coas túas mans.

 

18 O Señor reinará por sempre.

 

 

 

 

CUARTA Is 54, 5-14

Pola súa sempiterna misericordia, o teu redentor, o Señor, tivo misericordia de ti

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

 

5Velaí o teu Facedor, o teu Creador,

 

Señor Todopoderoso é o seu nome.

 

Certo que o teu Redentor é o Santo de Israel,

 

chámase Deus de toda a terra.

 

6Si, o Señor chamoute

 

coma a esposa abandonada e aflixida no espírito,

 

e coma a esposa da xuventude,

 

que de certo foi rexeitada;

 

o teu Deus díxoche:

 

7"Durante un pouco tempo abandoneite,

 

pero con inmensa compaixón recollereite.

 

8Por un arrebato de ira escondín a miña cara de ti algún tempo

 

pero con amor eterno teño compaixón de ti

 

-dixo o Señor, o teu Redentor-.

 

9Si, nos días de Noé aconteceume isto:

 

xurei que as augas de Noé non volverían cruzar sobre a terra,

 

así tamén xurei que non me enfadaría contra ti nin te ameazaría.

 

10Pois os montes moveranse e os outeiros abanearán,

 

pero o meu amor non se moverá de onda ti

 

e a miña alianza de paz non cambaleará

 

-dixo o Señor, que ten compaixón de ti-.

 

11Aflixida, azoutada polos ventos, non es compadecida.

 

Olla que eu asento con cordel de color as túas pedras

 

e ciméntote con zafiros.

 

12Asento as túas torres con rubís, e as túas portadas con pedras de cuarzo.

 

Toda a túa muralla con pedras preciosas.

 

13Tódolos teus fillos son discípulos do Señor,

 

e mestres da paz son os teus fillos,

 

14(e) estabas ben afincada na xustiza.

 

Gárdate lonxe da opresión. ¡Non teñas medo!

 

E lonxe do terror. ¡Que a ti non se arrime!

 

 

 

SALMO RESP. Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b

R/ (2a): Eu lóuvote, Señor, que me liberas

 

 

2Eu lóuvote, Señor, que me liberas

 

e non deixas que o inimigo faga riso de min.

 

4sácasme do abismo

 

e mantesme na vida,

 

lonxe dos que baixan ó sepulcro.

 

 

 

5Cantádelle ó Señor os seus amados,

 

louvade o seu santo nome.

 

6O seu asaño dura só un intre;

 

o seu favor, toda a vida.

 

Se hai pranto á tardiña,

 

ó abrente xa hai ledicia.

 

 

 

11Escoita, Señor; ten compaixón de min,

 

se ti, Señor, a miña axuda.

 

12Ti podes troca-lo loito en danza,

 

13Señor, meu Deus,

 

por sempre te hei louvar.

 

 

 

 

 

QUINTA Is 55, 1-11

Vinde a min para que teñades vida e establecerei convosco alianza sempiterna

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

 

Di o Señor:

 

55 1¡Ouh, sedentos todos, vinde por auga!

 

Os que non tedes prata, vinde,

 

comprade comida e comede,

 

vinde e comprade comida;

 

sen prata e sen diñeiro (comprade) viño e leite.

 

2Porque cambiades prata polo que non é pan

 

e o voso xornal polo que non farta.

 

Escoitádeme ben:

 

comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.

 

3Baixade o oído e vinde onda min,

 

facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,

 

pois pactarei convosco unha alianza eterna,

 

os beneficios de David que se manteñen firmes.

 

4Velaí: fareino pregoeiro das nacións,

 

príncipe e lexislador das nacións.

 

5Convocarás un pobo que non coñeces,

 

e un pobo que non te coñece correrá onda ti,

 

polo Señor, o teu Deus, e polo santo de Israel,

 

que ¡tanto te glorificou!

 

6Buscade o Señor mentres se deixa atopar,

 

invocádeo mentres está cerca.

 

7Que o malvado deixe o seu vieiro,

 

e que o home pecador (deixe) os seus plans,

 

que se volva ó Señor para que teña misericordia del,

 

que (se volva) ó noso Deus

 

que ¡tanto engrandece ó perdoar!

 

8Pois si, os meus plans non son os vosos plans,

 

nin os vosos vieiros son os meus vieiros

 

-é o Señor quen fala-.

 

9¡Canto máis altos son os ceos cá terra!

 

Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,

 

e os meus vieiros do que os vosos vieiros.

 

10Velaí: como a chuvia e a neve baixan do ceo

 

e non voltan alá sen enchoupa-la terra,

 

fecundala e facela brotar,

 

para que lle dea semente ó que sementou

 

e pan ó que come,

 

11así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:

 

non voltará a min en van,

 

senón que fará o que eu queira,

 

e conseguirá aquilo para o que a mandei.

 

 

 

 

SALMO RESP. Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

R/ (3): Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

 

 

2Velaí, Deus é a miña salvación, terei confianza, e non medo.

 

El é a miña forza, por isto louvareino.

 

Si, o Señor é a miña salvación".

 

3Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

 

 

 

4"Dádelle gracias ó Señor, invocade o seu nome.

 

Dade a coñecer entre os pobos os seus feitos,

 

facédelle a lembranza de que é grande o seu Nome.

 

 

 

5Cantádelle ó Señor. De verdade fixo cousas magníficas,

 

que serán coñecidas en toda a terra.

 

6Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:

 

Que grande é no medio de ti o Santo de Israel".

 

 

 

 

 

SEXTA Bar 3, 9-15. 32 - 4, 4

Anda para glorificación do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE BARUC

 

 

9Escoita, Israel, mandamentos de vida;

 

atende ben, para aprender a discernir.

 

10¿Que sucede, Israel? ¿Por que estás no país dos inimigos,

 

e avellentaches nun país estranxeiro?

 

11¿Por que te volviches impuro cos seus cadáveres,

 

e fuches contado cos que van ó Hades?

 

12Abandonáche-la fonte da sabedoría.

 

13Se camiñases polo vieiro de Deus,

 

habitarías en paz para sempre.

 

14Aprende onde está o discernir,

 

onde está a forza,

 

onde está a intelixencia para coñecer;

 

aprende tamén onde está a vida longa e a felicidade,

 

onde está a luz dos ollos e a paz.

 

15¿Quen atopou o seu lugar?

 

¿Quen entrou nos seus tesouros?

 

32Pero o que o sabe todo, coñécea,

 

invéntaa co seu saber.

 

O que formou a terra para a eternidade,

 

encheuna de animais de catro patas.

 

33O que lle manda á luz que veña,

 

chamouna e ela obedeceu con temor.

 

34As estrelas lampexaron lediciosas nos seus escondedoiros,

 

35El chamounas e respondéronlle:

 

"¡Aquí estamos!"

 

Lampexaron con ledicia para o seu Creador.

 

36Este é o noso Deus,

 

non hai outro a El comparable.

 

37El inventou todo o camiño da sabedoría

 

e ensinoullo a Xacob,

 

o seu servo, e a Israel, o seu benquerido.

 

38Despois disto, a sabedoría apareceu sobre a terra

 

e viviu entre os homes.

 

 

 

4 1Ela é o libro dos mandamentos de Deus,

 

a Lei que permanece para sempre.

 

Tódolos que a aprezan terán a vida,

 

e os que a deixan a un lado perecerán.

 

2Convértete, Xacob, e abrázaa;

 

camiña cara á claridade, ó encontro da súa luz.

 

3Non lle deas a outro a túa gloria;

 

nin os teus privilexios a unha nación estranxeira.

 

4Somos felices, Israel,

 

porque o que agrada a Deus déusenos a coñecer.

 

 

 

 

SALMO RESP. Sal 18, 8. 9. 10. 11

R/ (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna

 

 

8A terra estarrécese e treme,

 

os fundamentos dos montes estremecen,

 

abalan por causa da súa ira.

 

 

9Do seu nariz sobe fume,

 

da súa boca lume devorante,

 

de todo el ascuas acesas.

 

 

10Abaixa o ceo e descende

 

con mesta néboa debaixo dos seus pés.

 

 

11Voa a cabalo dun querube,

 

subindo nas ás do vento.

 

 

 

SETIMA Ez 36, 16-17a. 18-28

Derramarei sobre vós auga limpa, e dareivos un corazón novo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

 

16Veume a palabra do Señor nestes termos:

 

17-Fillo de Adam, cando a Casa de Israel habitaba na súa terra,

 

volvérona impura co seu comportamento e cos seus feitos;

 

18Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue

 

que verteron sobre a terra,

 

e polos feitos cos que a mancharon.

 

19Entón eu esparexinos por entre os pobos

 

e dispersáronse polos países;

 

xulgueinos conforme o seu comportamento

 

e conforme os seus feitos.

 

20O entraren nas nacións onde foron,

 

profanaron o meu santo Nome,

 

e dicíase deles:

 

"Estes son o pobo do Señor,

 

e tiveron que saír da terra del".

 

21Entón eu tiven consideración co meu santo Nome,

 

o que profanara a Casa de Israel

 

entre os pobos onde fora.

 

22Por isto, dille á Casa de Israel:

 

Así fala o meu Señor, Iavé:

 

-Casa de Israel, non por vós vou eu actuar,

 

senón por mor do meu santo Nome,

 

que vós profanastes entre as nacións onde fostes.

 

23Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,

 

profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.

 

Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor

 

-é o meu Señor, Iavé, quen fala-,

 

cando eu vos faga recoñece-la miña santidade na súa presencia.

 

24Pois recollereivos das nacións,

 

xuntareivos de tódolos países

 

e traereivos á vosa terra.

 

25Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;

 

de tódalas vosas impurezas e de tódalas vosas idolatrías heivos purificar.

 

26Dareivos un corazón novo

 

e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;

 

sacarei da vosa carne o corazón de pedra

 

e poreivos un corazón de carne.

 

27Porei nas vosas entrañas o meu espírito

 

e farei que camiñedes conforme os meus preceptos

 

e que gardéde-los meus mandamentos e os cumprades.

 

28Viviredes no país que lles dei a vosos pais:

 

seréde-lo meu pobo e eu serei o voso Deus.

 

 

 

 

SALMO RESP. Sal 41, 3. 5bcd; Sal 42, 3. 4

R/ (Sal 41, 2): Como ansía o cervo as fontes de auga viva,

así a miña alma ten ansias de ti, Deus

 

 

3A miña alma ten sede do Deus vivo:

 

¿cando verei o rostro de Deus?

 

 

 

5-"Eu marchaba á fronte do pobo

 

cara á casa de Deus,

 


 

entre voces de xúbilo e louvanza

 

de xentío en festa".

 

 

 

3Manda a túa luz e a túa verdade,

 

que elas me guiarán;

 

levaranme ó teu monte santo,

 

á túa mesma morada.

 

 

 

4Achegareime ó altar de Deus,

 

o Deus da miña alegría,

 

e louvareite ó son da cítola,

 

Deus, o meu Deus.

 

 

 

Ou, cando se celebra o bautismo, Is 12 como despois da lectura n. 5

 

Ou tamén Sal 50, 12-13. 14-15. 18-19

R/ (12a): Crea, Deus, en min un corazón puro,

 

 

 

12Crea, Deus, en min un corazón puro,

 

renóvame por dentro cun espírito firme.

 

13Non me botes da túa presencia

 

e non tires de min o teu santo espírito.

 

 

 

14Devólveme a alegría da túa salvación,

 

sostenme co espírito xeneroso.

 

15Ensinarei o teu camiño ós pecadores

 

e volverán a ti os descarriados.

 

 

 

18Con sacrificios ti non te compraces,

 

se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

 

19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:

 

o corazón contrito e humilde

 

ti, Deus, non o desprezas.

 

 

 

 

 

PRIMEIRA DO NOVO TESTAMENTO Rm 6, 3-11

Cristo resucitado de entre os mortos xa non morre máis

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

 

3¿Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? 4Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como

Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. 5Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.

 

6Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. 7Porque o que morre queda liberado do pecado.

 

8Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; 9e ben sabemos que

Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. 10Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. 11Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.

 

 

 

 

 

SALMO RESP. Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23

R/ Aleluia. Aleluia. Aleluia.

 

 

1Louvade o Señor porque é bo,

 

porque o seu amor é eterno.

 

2Que o diga a casa de Israel:

 

o seu amor é eterno;

 

 

 

16a dereita do Señor é poderosa,

 

a dereita do Señor é valente.

 

17Non hei morrer, vivirei

 

e cantarei os feitos do Señor.

 

 

 

22A pedra que desbotaron os canteiros

 

convértese en pedra angular.

 

23Isto é cousa do Señor,

 

admirable feito á nosa vista.

 

 

 

EVANXEO  CICLO A

Mt 28, 1-10

 

Resucitou e adiantóusevos a Galilea

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 

 

28 1Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra María foron visita-lo sepulcro. 2Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. 3Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. 4Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. 5Mais o anxo díxolles ás mulleres:

 

-Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. 6Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ve-lo sitio onde estaba. 7E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.

 

8Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.

 

9Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo:

 

-Alegrádevos.

 

Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante el. 10Xesús díxolles:

 

-Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me

verán.

 

 

 

 

 

 

 

 

<span lang="GL" style="fo</div> </div></div> </div> <div class=" cleaner"="">