V Domingo
Primeira Lectura Is 58, 7-10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
A túa luz irromperá coma a mañá
Isto di o Señor:
Reparte o teu pan co famento
e acolle na túa casa os pobres sen pobo.
Cando vexas o espido, vísteo
e non te escondas da túa propia carne.
Entón resplandecerá a túa luz coma a alba
e a carne nova da túa ferida brotará logo.
Si, a túa xustiza camiñará diante de ti
e a gloria do Señor pechará a marcha.
Entón clamarás ao Señor e responderache,
pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".
Se apartas do medio de ti o xugo,
o sinalar co dedo e a palabra mala,
se lle quitas ao famento a gana que ti sentes,
e fartas a gorxa aflixida,
entón a túa luz brillará na escuridade
e a túa tebra será coma o mediodía.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 111, 4-5. 6-7. 8a e 9
R/. (4a): O xusto brilla na tebra coma unha luz.
Ou: Aleluia.
Brilla na tebra coma luz para os homes rectos,
o que é misericordioso, compasivo e xusto.
Venturoso aquel que se apiada e presta,
e goberna os seus bens con xustiza;
O home xusto endexamais abalará,
gardarase memoria del para sempre.
Non terá medo de malas noticias,
ten firme o corazón e confía no Señor.
O seu corazón está seguro e nada teme.
Repartiu con xenerosidade entre os pobres:
a súa xustiza permanece para sempre,
erguerá con honor a súa fronte.
Segunda Lectura 1 Cor 2, 1-5
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Anuncieivos o misterio de Cristo crucificado
Irmáns:
En canto a min, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus.
Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado.
E eu presenteime diante vosa con sensación de impotencia e tremendo de medo; e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 8, 12
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue terá a luz da vida.
Aleluia.
Evanxeo Mt 5, 13-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vós sodes a luz do mundo
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte.
Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa.
Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo