Ciclo B
VENRES DO SEGUNDO DOMINGO DESPOIS DE PENTECOSTE
SOLEMNIDADE DO SACRATÍSIMO CORAZÓN DE XESÚS
Primeira Lectura Os 11, 1. 3-4. 8c-9
O meu corazón revólvese contra min
LECTURA DO LIBRO DE OSEAS
Así fala o Señor:
Cando Israel era escravo, eu ameino,
e de Exipto chamei os seus fillos.
Pero eu ensináralle a Efraím a camiñar,
tíñao collido nos meus brazos,
e non quería saber que eu era o seu médico.
Coas cordas das miñas mans acollinos, con brazos de amor,
e fun para eles coma quen lles levanta o xugo do pescozo,
ligueinos a min e dáballes de comer.
O meu corazón revólvese contra min,
ao mesmo tempo que a miña compaixón se conmove.
Non provocarei o incendio da miña ira,
non volverei destruír a Efraím,
pois son Deus, e non un home,
o Santo no medio de ti, non te volverei destruír.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
R.: (3)Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.
Deus é a miña salvación,
procederei confiadamente e non terei medo.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
el é a miña salvación.
Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.
Dádelle grazas ao Señor e invocade o seu nome.
Pregoade entre os pobos os seus feitos,
proclamade que o seu nome é grande.
Cantádelle ao Señor,
que fixo cousas magníficas,
anunciádeas en toda a terra.
Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión.
Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.
Segunda Lectura Ef 3, 8-12. 14-19
Comprender o amor de Cristo que supera todo coñecemento
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Irmáns:
A min, o máis cativo de todos os crentes, concedéuseme o honor de anunciarlles aos xentís a inimaxinable riqueza de Cristo e amosarlles a todos a realización do misterio escondido desde sempre en Deus, o creador de todas as cousas.
Así, por medio da Igrexa, dáselles a coñecer nos ceos a principados e potestades a riquezade formas da sabedoría de Deus, contidas no designio eterno que realizou en Cristo Xesús, noso Señor. Grazas a El e pola fe nel temos acceso libre e confiado onda Deus.
Por esta razón axeónllome perante o Pai, de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na terra, para que vos conceda—segundo a riqueza da súa gloria—, que se robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns enraizados e baseados no amor, de xeito que poidades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o profundo que é o amor de Cristo, que supera todo coñecemento; e así quededes cheos para avanzar cara á plenitude de Deus.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Mt 11, 29ab
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Cargade co meu xugo, di o Señor,
e aprendede de min que son bo e humilde de corazón.
Aleluia.
Ou: 1 Xn 4, 10b
Aleluia, aleluia.
Deus amounos e mandou o seu Fillo
para que expiase os nosos pecados.
Aleluia.
Evanxeo Xn 19, 31-37
Do seu corazón aberto saíu sangue e auga
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado—pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados lle traspasou o costado cunha lanza e, no instante, saíu sangue e auga.
Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún”. E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron”.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo