02/11 Día de Defuntos
FIEIS DEFUNTOS
Conmemoración
Primeira Lectura Lam 3, 17-26
O Señor é bo para os que en El esperan
LECTURA DO LIBRO DAS LAMENTACIÓNS
Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,
e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".
Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.
Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.
Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:
as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco desapareceron as súas misericordias,
pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.
O Señor é o quiñón da miña herdanza ‑di o meu corazón‑, por isto teño esperanza nel.
Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.
É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.
SALMO RESPONSORIAL Sal 129, 1-8
R/. (cf 6): Se ti levas contas dos pecados, ¿quen, señor, se terá en pé?
Desde os abismos chámote, Señor;
escoita, Señor, a miña voz.
Ten atentos os oídos
ó clamor da miña súplica.
Se ti levas conta dos pecados,
¿quen, Señor, se terá en pé?
Mais en ti está o perdón,
para te faceres respectar.
Eu espero no Señor, a miña alma espera;
eu confío na súa palabra.
A miña alma vólvese ó Señor,
máis do que os vixías á aurora.
Se os vixías esperan a aurora,
que Israel espere ó Señor,
pois no Señor está o amor
e a redención cumprida.
El é quen redime a Israel
de tódolos pecados.
Segunda Lectura Rom 6,3-9
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. Porque o que morre queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
Evanxeo Xn 14,1-6
Eu son o camiño, a verdade e a vida
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, voltarei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño.
Dille Tomé:
‑Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos sabe-lo camiño?
Xesús respondeulle:
‑Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo