SEMANA 2ª DO ADVENTO
181.- LUNS
PRIMEIRA Is 35, 1-10
Deus en persoa virá e salvaravos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
35 1¡Que se alegren o deserto e maila terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
¡Que, coma a lis, 2floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.
Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.
3Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.
4Dicídelles ós de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
5Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
6Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do mudo cantará xubilosa.
Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:
7a terra reseca convértese nunha lagoa,
e a terra sedenta en manantiais de auga.
No campo onde os chacais se tumban,
a herba converterase en canivelas e xuncos.
8Alí haberá unha calzada, unha verea,
e á calzada chamaráselle Vía Sacra.
Nada impuro pasará por ela:
o mesmo Señor camiñará con eles,
e os homes non se desviarán.
9Non haberá alí león, e ningún animal salvaxe subirá,
ningún se atopará.
Por alí camiñarán os redimidos,
10e os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.
SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/ (Is 35, 4d): Velaí vén o noso Deus e salvaranos
9Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
10A salvación está xa preto dos que o temen,
a súa gloria habitará na nosa terra.
11O amor e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e maila paz.
12Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.
13O mesmo Señor dará os bens,
a nosa terra dará os froitos.
14A xustiza irá dediante del,
guiará os seus pés no camiño.
ALELUIA:
Velaí vén o Rei, Señor da terra,
e arrincará o xugo do noso cautiverio
EVANXEO Lc 5, 17-26
Hoxe vimos marabillas
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
17Un día que estaba Xesús ensinando, había sentados algúns fariseos e letrados que
chegaran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. E, co poder do
Señor, el facía curacións.
18Nisto uns homes trouxeron nunha padiola a un tolleito, mirando como metelo dentro
para poñelo diante del. 19Pero, non atopando por onde o meteren, debido á moita xente
que había, subiron ó tellado e baixárono co leito por entre as tellas, ata deixalo no
medio, diante de Xesús. 20Vendo a fe que tiñan, dixo:
-Home, quédanche perdoados os teus pecados.
21Os letrados e mailos fariseos empezaron a razoar:
-¿Pero quen é este, que así blasfema? ¿Quen pode perdoa-los pecados, senón
unicamente Deus?
22Decatándose Xesús do que pensaban, díxolles:
-¿Que cavilades nos vosos adentros? 23¿Que é máis fácil dicir: "perdoados quedan os
teus pecados", ou dicir: "érguete e anda". 24Pois, para que vexades que o Fillo do Ho-
me ten poder na terra para perdoar pecados -díxolle ó tolleito-: érguete, colle a padiola e
vaite para a casa.
25E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu a padiola e foise para a súa casa,
louvando a Deus. 26Todos ficaron pasmados, e cheos de temor louvaban a Deus,
dicindo:
-¡Hoxe si que vimos cousas nunca vistas!
182.- MARTES
PRIMEIRA Is 40, 1-11
Deus é consolación para o seu pobo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
40 1Consolade, consolade o meu pobo: -dío o voso Deus.
2Faládelle ó corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto
que a súa milicia está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada.
Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por tódolos seus pecados.
3Unha voz clama:
"No deserto preparádelle o camiño ó Señor.
Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus.
4Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado;
que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.
5Pois vaise revela-la gloria do Señor, e toda carne verá o Unico.
Falou a boca do Señor".
6Unha voz di: "Clama". El responde: "¡Que vou clamar!".
"Toda a carne é herba; e toda a fidelidade da carne, flor do campo.
7Seca a herba, murcha a flor, cando o alento do Señor sopra nela.
(Si, o pobo é a herba).
8Seca a herba, murcha a flor, pero a palabra do noso Deus mantense firme para sempre".
9Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión,
levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén,
levántaa, non teñas medo.
Dilles ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".
10Velaí o meu Señor Iavé que chega con poder; si, o seu brazo domina.
Velaí a súa paga con el,
o seu xornal diante del.
11Igual ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo,
leva ós añiños no seo e protexe os que aínda maman.
SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2. 3 e 10ac. 11-12. 13
R/ (cf Is 40, 9-10): Velaí vén o noso Deus con forza
1Cantádelle ó Señor un cántico novo,
cántalle ó Señor, terra enteira;
2cantade ó Señor e bendicide o seu nome,
pregoade tódolos días a súa salvación;
3cantade entre as xentes a súa gloria;
ante tódolos pobos, as súas marabillas.
10Dicide entre as xentes:
-"O Señor reina,
goberna os pobos rectamente".
11Alégrese o ceo, exulte a terra,
brúe o mar e canto o enche;
12rían os campos e o que hai neles,
rebrinquen as árbores do bosque,
13diante do Señor que vén,
que vén para rexe-la terra.
El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.
ALELUIA:
Está cerca o día do Señor,
velaí vén a salvarnos
EVANXEO Mt 18, 12-14:
Deus non quere a perdición dos humildes
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
12A ver: ¿que vos parece? Se un home ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as
outras noventa e nove no monte, para ir busca-la descarreirada?
13E se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que
non se perderon. 14Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai celestial é que non se perda
ningún destes pequenos.
183.- MÉRCORES
PRIMEIRA Is 40, 25-31
O Deus omnipotente dalle forza ó caído
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
25¿Con quen me asemellaredes, a quen serei comparable? -di o Santo-.
26Levantade os vosos ollos ó alto, ollade: ¿Quen fixo esas cousas?
O que fai saír con orde o exército celeste, e a todo el o chama polo nome, coa
enormidade do seu poder, coa súa vigorosa forza, e non falta ningún.
27¿Xacob, por que dis? ¿Israel, por que afirmas?:
"O meu comportamento está escondido para o Señor, ó meu Deus esqueceulle a
sentencia ó meu favor".
28Pero ti, ¿non o sabes? ¿Non o tes oído?:
O Señor é Deus da Eternidade, El creou os extremos do mundo
e non está canso nin fatigado, a súa intelixencia é insondable.
29El dálle forza ó cansado, ó que non ten enerxía multiplícalle o vigor.
30Os mozos cansan e fatigan, os atletas escolleitos tropezan e caen;
31pero ós que teñen esperanza no Señor renóvanselle-las forzas, soben con ás de aguia:
corren, e non se fatigan; camiñan, e non cansan.
SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2 .3-4. 8 e 10
R/ (1a): Alma miña, bendice ó Señor
Alma miña, bendice ó Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
2Alma miña, bendice ó Señor,
non esquéza-los seus beneficios.
3El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
4rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;
8O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercedes.
10Non nos trata conforme ós nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.
ALELUIA:
Velaí vén o Señor para salva-lo seu pobo;
ditosos os que están preparados para sairlle ó encontro
EVANXEO Mt 11, 28-30:
Achegádevos a min tódolos que traballades
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Contestou Xesús:
28Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei.
29Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e
atoparedes acougo para as vosas almas; 30porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga
leviá.
184.- XOVES
PRIMEIRA Is 41, 13-20
Eu son o teu redentor, o Santo de Israel
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
13Eu, o Señor, son o teu Deus, que te collo da man dereita.
Eu son quen che digo: non teñas medo. Eu son quen te axuda.
14Non teñas medo, verme de Xacob, bechiño de Israel,
Eu son quen te axuda -é o Señor quen fala-; si, o que te redime, o santo de Israel.
15Eu convértote en carro de trilla, novo, con dentes:
trillara-los montes e volveralos po, convertera-los outeiros en coaño.
16Esparexeralos, botándoos ó vento, e o vendaval espallaraos.
Entón ti brincarás de ledicia por mor do Señor, alegraraste polo Santo de Israel.
17Os pobres e os necesitados buscan auga e non a hai, a súa lingua seca coa sede.
Eu, o Señor, respondereilles; eu, o Santo de Israel, non os abandonarei.
18Abrirei regueiros nas gándaras peladas; e no medio dos barrancos, manantiais,
converterei o deserto nun pozo de auga, e a terra seca en fontes.
19Porei no deserto cedros, acacias, buxos e oliveiras,
porei xuntos na estepa amieiros, olmos e cipreses,
20para que todos vexades e saibades,
para que vos apliquedes e vos decatedes
de que a man do Señor fixo isto e o Santo de Israel o creou.
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 1 e 9. 10-11. 12-13ab
R/ (8): O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en amor.
1Himno de louvanza, de David.
Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir por sempre o teu nome.
9O Señor é bo para todos,
garimoso con tódalas súas obras.
10Lóuvente, Señor, as túas obras,
bendígante os teus amigos.
11Pregoen a gloria do teu reino,
proclamen as túas fazañas.
12Ensinen ós homes a túa forza
e a maxestade gloriosa do teu reino.
13O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por xeracións.
ALELUIA Cf Is 45, 8:
Abrídevos, ceos, e que as nubes choivan ó xusto;
ábrase a terra e xermine ó Salvador
EVANXEO Mt 11, 11-15
Non naceu ninguén máis grande ca Xoán Bautista
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dille Xesús á xente:
11Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda
que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.
12Desde o tempo de Xoán Batista ata agora o Reino dos Ceos está a ser violentado, e os
violentos arrepáñano. 13Pois ata Xoán profetizaron tódolos Profetas e maila Lei. 14El é
Elías, o que tiña que vir; así que aceptádeo, se queredes. 15Quen teña oídos, que escoite.
185.- VENRES
PRIMEIRA Is 48, 17-19
¡Oxalá atenderas ós meus mandamentos!
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
17Así fala o Señor, o teu Redentor, o Santo de Israel:
Eu son o Señor, o teu Deus, o que te ensina para que saques proveito, quen te fai
camiñar polo camiño por onde debes ir.
18Oxalá tiveses feito caso dos meus preceptos:
entón a túa prosperidade sería coma un río, e o teu triunfo coma as ondas do mar, 19a
túa descendencia sería coma a area, e o froito das túas entrañas como os grans da area.
Non se acabaría nin desaparecería o teu nome da miña presencia.
SALMO RESPONSORIAL Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6
R/ (cf Xn 8, 12): Quen te segue, Señor, terá a luz da vida
1Benaventurado aquel
que non se guía polo consello dos malvados,
nin se detén no camiño dos pecadores,
nin senta na xunta dos burlóns,
2senón que ten o seu contento na vontade do Señor
e nela remoe día e noite.
3É coma árbore plantada onda os regueiros:
dá froito ó seu tempo,
as súas follas non murchan,
e todo o que fai acaba ben.
4Non son así os malvados,
serán coaño que leva o vento.
6Pois do camiño dos xustos coida o Señor,
mentres vai á perdición o camiño dos malvados.
ALELUIA:
Velaí vén o Señor, saídelle ó encontro;
el é o príncipe da paz
EVANXEO Mt 11, 16-19
Nin escoitan a Xoán nin ó Fillo do home
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dille Xesús á xente:
16¿Con quen compararía eu esta xeración? Aseméllase a eses rapaces que, sentados no
rueiro, rifan entre si 17dicindo:
Tocámo-la frauta, e non bailastes;
fixémo-lo pranto, e non chorastes.
18Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: "ten o demo no corpo";
19apareceu o Fillo do Home, que come e bebe, e din: "que larpeiro, que bebedor e que
amigo de recadadores e pecadores". Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas
obras.
186.- SÁBADO
PRIMEIRA Sir 48, 1-4. 9-11:
Elías virá de novo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
48 1Xurdiu Elías profeta semellante ó lume,
con verbas que foron coma un forno aceso.
2Este quitóulle-lo sustento do pan
e no seu celo decimounos;
3coa palabra de Deus pechou os ceos
e fixo descender lume por tres veces.
4¡Que terrible fuches, Elías!
¡Gloria a quen te semelle!
9ti fuches arrincado no alto por un trebón
entre escuadróns de lume, ata o ceo;
10ti estás reservado -segundo a Escritura- para o instante xusto
de proclama-la carraxe antes de que chegue o día do Señor,
para reconcilia-los pais cos fillos
e restaura-las tribos de Israel.
11¡Feliz quen te poida ver antes de morrer!
Con todo, máis feliz aínda ti, que vives.
SALMO RESPONSORIAL Sal 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
R/ (4): Restáuranos, Deus;
móstrate e seremos salvos.
2Escoita, pastor de Israel,
ti que sentas sobre os querubíns,
3esperta o teu poder e ven salvarnos.
15Dá a volta, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e ve.
Atende esta vide,
16este sarmento que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.
18Que a túa man protexa ó teu elixido,
o home que ti fortaleciches.
19Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo, e invocarémo-lo teu nome.
ALELUIA Lc 3, 4. 6:
Preparade o camiño ó Señor, endereitade ós seus carreiros;
toda carne verá a salvación de Deus
EVANXEO Mt 17, 10-13:
Elías xa veu e non o coñeceron
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
10Baixando do monte, preguntáronlle os discípulos a Xesús:
-¿Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?
11El respondeu:
-Si, Elías tiña que vir e volver poñer todo en orde e restablecelo todo. 12Pero eu
asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, e fixeron con el o que quixeron; do
mesmo xeito tamén o Fillo do Home padecerá nas súas mans.
13Entón comprenderon os discípulos que o dixera referíndose a Xoán Bautista.