Oitava de Pascua

 
 

 

OITAVA DE PASCUA

 

261.- LUNS

PRIMEIRA Feit 2, 14. 22-33:

A este Xesús resucitouno Deus, do que nós somos testemuñas

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

14O día de Pentecostés, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:

-Xudeus e tódolos que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas

palabras.

 

22Israelitas, escoitade: fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós

por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos

sabedes; 23a este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus,

matástelo crucificándoo por man de impíos. 24Pero Deus resucitouno, librándoo das

dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio. 25Xa David di del:

 

Eu vía decote o Señor diante miña,

xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;

26por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,

e mesmo a miña carne acougará esperanzada;

27porque non abandonara-la miña alma no sitio dos mortos

nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.

28Déchesme a coñecer camiños de vida,

encherasme de gozo coa túa presencia.

 

29Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e

enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós. 30Pero, como el era profeta e

sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había

sentar no seu trono, 31en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin

quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. 32A este Xesús

resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. 33E agora, engrandecido

pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o

que vós vedes e sentides.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11

R/ (1): Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.

Ou: Aleluia.

 

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.

2Eu dígolle ó Señor: -"Ti e-lo meu dono,

5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,

ti coidas do meu porvir.

 

7Bendigo ó Señor que me guía

e mesmo de noite me ensina no meu íntimo.

8Teño ó Señor sempre diante;

con El á dereita non caerei.

 

9Por iso o meu corazón está contento,

as miñas entrañas reloucan

e o meu corpo está seguro.

10Ti non abandonarás á morte a miña vida,

nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.

 

11Mostrarasme o camiño da vida:

a túa presencia éncheme de alegría;

a túa dereita, de gozo eterno.

 

 

ALELUIA Sal 117, 24:

Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel

 

 

EVANXEO Mt 28, 8-15:

Comunicádelle ós meus irmáns que vaian a Galilea e alí verémonos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 8As mulleres marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e

correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.

 

9Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo:

-Alegrádevos.

 

Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante el. 10Xesús díxolles:

-Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me

verán.

 

11Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren ós sumos sacerdotes

de canto acontecera. 12Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles unha boa presa

de cartos ós soldados, 13encargán-dolles:

-Vós dicide: "os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos". 14E,

se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro.

 

15Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre

os xudeus ata o día de hoxe.

 

 

 

262.- MARTES

 

PRIMEIRA Feit 2, 36-41:

Facede penitencia e que todos se bauticen no nome de Xesús

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

O día de Pentecostés dicíalles Pedro ós xudeus:

36Saiba con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a

quen vós crucificastes.

 

37O sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e ós outros

apóstolos:

-Irmáns, ¿que debemos facer?

 

38Pedro respondeulles:

-Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para

o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. 39Porque a promesa é

para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos como queira

chamar o Señor noso Deus.

 

40Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:

-Salvádevos desta xeración ruín.

 

41Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles

arredor de tres mil almas.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22

R/ (5b): A misericordia do Señor enche a terra

Ou: Aleluia

 

4A palabra do Señor é recta

e tódalas súas obras son leais:

5El quere o dereito e a xustiza,

a súa misericordia enche a terra.

 

18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,

polos que esperan na súa misericordia,

19para libra-la súa vida da morte,

para os manter no tempo da miseria.

 

20Nós agardámo-lo Señor:

El é o noso socorro, o noso escudo.

22Veña a nós, Señor, a túa misericordia,

como de ti o esperamos.

 

 

ALELUIA Sal 117, 24:

Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel

 

 

EVANXEO Xn 20, 11-18:

Vin ó Señor e isto foi o que me dixo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

11María quedara ó pé do sepulcro, na parte de fóra, chorando. Sen deixar de chorar,

abaixouse a ollar no sepulcro. 12Viu dous anxos de branco, sentados, un á cabeceira e

outro ós pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.

 

13Eles preguntáronlle:

-Muller, ¿por que choras?

 

Ela respondeulles:

-Porque colleron ó meu Señor e non sei onde o puxeron.

 

14Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era

Xesús. 15Xesús preguntoulle:

-Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas?

 

Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:

-Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

 

16Xesús díxolle:

-¡María!

 

Ela, virándose, exclamou en hebreo:

-¡Rabbuni! (que quere dicir "Mestre").

 

17Xesús díxolle:

-Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles:

"Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus".

 

18María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas

cousas.

 

 

 

263.- MÉRCORES

PRIMEIRA Feit 3, 1-10:

Douche o que teño: no nome de Xesús, érguete e anda

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

3 1Pedro e Xoán subían ó templo para a oración das tres da tarde. 2Había alí un home

tolleito de nacemento, que levaban e poñían tódolos días cabo da porta chamada

Fermosa, para que pedise esmola ós que entraban no templo. 3Vendo que Pedro e Xoán

estaban para entrar, pediulles esmola. 4Pedro -e o mesmo fixo Xoán- reparou nel e

díxolle:

-Mira ben para nós.

 

5El ollaba para eles, esperando recibir algunha cousa. 6Entón Pedro díxolle:

-Non teño prata nin ouro, pero douche o que teño: en nome de Xesús Cristo de Nazaret,

érguete e anda.

 

7Colleuno pola man dereita e levantouno. No instante afirmáronselle os pés e os

nocelos; 8dun brinco púxose en pé e camiñaba. Entrou con eles no templo, andando,

choutando e louvando a Deus. 9Todo o pobo o viu camiñar louvando a Deus, 10e,

recoñecendo que era o mesmo que se sentaba na porta Fermosa pedindo esmola, ficaron

pasmados e desconcertados polo que lle acontecera.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9

R/ (5b): Alégrese o corazón dos que buscan ó Señor

Ou: Aleluia

 

1Louvade o Señor, invocade o seu nome,

dade a coñece-las súas fazañas entre os pobos,

2Cantádelle, tocádelle,

contade as súas marabillas.

 

3Gloriádevos no seu nome santo

e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor.

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presencia.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

 

8El recorda por sempre a súa alianza,

a palabra que deu polas xeracións.

9O que pactou con Abraham

e xurou a Isaac,

 

 

 

ALELUIA Sal 117, 24:

Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel

 

 

 

EVANXEO Lc 24, 13-35:

Coñecérono na fracción do pan

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

13O primeiro día da semana dous dos discípulos de Xesús ían camiño de Emaús, unha

aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. 14Ian falando de canto pasara. 15E

resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda

eles. 16Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. 17Entón

preguntoulles:

-¿De que ides falando polo camiño?

 

Eles pararon cun semblante moi tristeiro, 18e Cleofás, un deles, respondeulle:

-¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí

durante estes días?

 

19El preguntou:

-¿De que, logo?

 

Eles contestaron:

-Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante

Deus e ante o pobo todo; 20de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o

condenaron á morte e o crucificaron. 21Nós esperabamos que el fose quen liberase a

Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. 22Claro que algunhas

mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, 23e, ó non

atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el

vive. 24E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres

dixeran; pero a el non o viron.

 

25Entón díxolles:

-¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! 26E logo ¿non

cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?

 

27E comezando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras

falaban del.

 

28O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. 29Pero eles

porfiáronlle, dicindo:

-Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.

 

Quedou con eles. 30E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e

déullelo. 31Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. 32E

dixeron:

-¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las

Escrituras?

 

33E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus

acompañantes, 34que dicían:

-É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.

 

35Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no parti-lo

pan.

 

 

 

264.- XOVES

PRIMEIRA Feit 3, 11-26:

Matastes ó autor da vida, a quen Deus resucitou

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

11Como o coxo curado non deixaba a Pedro nin a Xoán, toda a xente, fóra de si, correu

tras eles ó pórtico chamado de Salomón.

 

12Visto isto, Pedro dirixiuse ó pobo:

-Israelitas, ¿por que vos admirades disto? ¿Por que mirades así para nós, coma se

fixesemos camiñar a este home polo noso propio poder ou santidade? 13O Deus de

Abraham, de Isaac e de Xacob, o Deus de nosos pais, glorificou ó seu servo Xesús, a

quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en

liberdade. 14Pero vós rexeitáste-lo Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un

asasino, 15mentres que matastes ó dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os

mortos; disto nós somos testemuñas. 16Pola fe no seu nome, ese mesmo nome

enforteceu a este que vedes e coñecedes: esa fe que obra por el, restableceuno

completamente diante de vós.

 

17Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades; 18pero

Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: que o seu Cristo padecería.

19Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados; 20a fin

de que veñan os tempos do conforto de parte do Señor, e mande o Mesías que vos

destinou, Xesús. 21A El convén que o ceo o conteña deica o tempo da restauración de

tódalas cousas, que Deus anunciou por boca dos seus santos profetas. 22Moisés así o

dixo:

O Señor Deus fará xurdir de entre vosos irmáns un profeta coma min: escoitarédelo en

todo o que vos diga. 23E quen non escoite a este profeta, quedará excluído do pobo.

 

24E tódolos profetas que falaron, desde Samuel en adiante, anunciaron tamén estes días.

25Vós sóde-los fillos dos profetas e da Alianza que Deus fixo con nosos pais, cando lle

dixo a Abraham: "na túa descendencia serán benditas tódalas familias da terra". 26Deus,

resucitando ó seu servo, mándavolo primeiro a vós para que vos bendiga, se vos

arredades cada un das vosas ruindades.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 8, 2a e 5. 6-7. 8-9

R/ 2ab): Señor, noso Señor,

¡que grande é o teu nome en toda a terra!

Ou: Aleluia

 

2Señor, noso Señor,

¡que grande é o teu nome en toda a terra!

5¿que é o home, para que o lembres,

o fillo do home, para que del te ocupes?

 

6Por pouco non o fixeches coma os anxos,

coroáchelo de honor e dignidade;

7décheslle mando sobre as obras das túas mans,

puxéchelo todo ós seus pés:

 

8rabaños de ovellas e touros,

e mesmo as bestas do monte,

9os paxaros do ceo e os peixes do mar,

que fan carreiros polas augas.

 

 

ALELUIA Sal 117, 24:

Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel

 

 

EVANXEO Lc 24, 35-48:

Está escrito que Cristo ha padecer e ó terceiro día resucitar de entre os mortos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

35Os discípulos de Xesús contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran

no parti-lo pan.

 

36Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:

-¡A paz sexa convosco!

 

37Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. 38Pero el díxolles:

-¿Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? 39Mirade para as miñas mans

e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten

carne nin ósos, como vedes que teño eu.

 

40E dicindo isto, mostróulle-las mans e mailos pés. 41Pero eles, tolos de contento e sen

saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:

-¿Tedes por aí algo que comer?

 

42Déronlle un anaco de peixe asado. 43El colleuno e comeuno diante deles. 44Logo

díxolles:

-A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se

cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos

acerca de min.

 

45E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. 46E engadiu:

-Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, 47e

predicarase no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados a tódolos pobos,

empezando por Xerusalén. 48Vós seredes testemuñas de todo isto.

 

 

 

 

265.- VENRES

PRIMEIRA Feit 4, 1-12:

Non hai salvación en ningún outro

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

4 1Cando Pedro e mais Xoán estaban a falarlle ó pobo (despois de que fora curado o

coxo), chegaron cabo deles os sacerdotes, o xefe da garda do templo e os saduceos,

2incomodados porque ensinaban ó pobo e anunciaban a resurrección dos mortos

verificada en Xesús. 3Botaron man deles e metéronos na prisión ata o outro día, porque

xa era tarde. 4Non obstante, moitos dos que sentiron a palabra, creron; só o número dos

homes subiu a uns cinco mil.

 

5O outro día xuntáronse en Xerusalén os xefes dos sacerdotes, os anciáns e os mestres

da Lei, 6así coma o gran sacerdote Anás, e Caifás, Xoán, Alexandro e tódolos que eran

de nobreza sacerdotal. 7Trouxeron ós apóstolos diante deles e preguntáronlles:

-¿Con que poder ou en nome de quen fixestes isto?

 

8Entón Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles:

-Xefes do pobo e anciáns, 9xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e

sobre o xeito como se curou, 10sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no

nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os

mortos: por El está este home en pé e san diante de vós. 11El é a pedra que refugastes

vós, os constructores, e que se converteu en pedra esquinal. 12En ningún outro hai

salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado ós homes, no que nos

poidamos salvar.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 1-2 e 4. 22-24. 25-27a

R/ (22): A pedra que desbotaron os canteiros

converteuse en pedra angular

Ou: Aleluia

 

1Louvade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

2Que o diga a casa de Israel:

o seu amor é eterno;

4que o digan os que temen ó Señor:

o seu amor é eterno.

 

22A pedra que desbotaron os canteiros

convértese en pedra angular.

23Isto é cousa do Señor,

admirable feito á nosa vista.

24Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel.

 

25¡Ai, Señor, dáno-la salvación!

¡Ai, Señor, dános prosperidade!

26Benditos os que veñen no nome do Señor:

bendicímosvos desde a casa do Señor.

27O Señor é Deus: El dáno-la luz.

 

 

 

ALELUIA Sal 117, 24:

Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel

 

 

 

EVANXEO Xn 21, 1-14:

Vén Xesús e colle pan e dálle-lo, e tamén peixe

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

 21 1Aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi

deste xeito: 2estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de

Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus. 3Simón Pedro

díxolles:

-Vou pescar.

 

Eles contestaron:

-Imos nós contigo tamén.

 

Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. 4Xusto cando acababa

de rompe-lo día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os

discípulos de que era Xesús. 5Xesús preguntoulles:

-Rapaces, ¿tedes algo que comer?

 

Eles responderon:

-Non.

 

6Díxolles entón:

-Largade o aparello por estribor e atoparedes.

 

Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. 7Daquela, aquel

discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:

-É o Señor.

 

Entón Simón Pedro, o escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido -pois estaba espido- e

botouse ó mar. 8Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de

terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. 9Cando vararon

en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.

 

10Xesús díxolles:

-Traede peixes dos que acabades de coller.

 

11Simón Pedro subiu ó bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e

tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.

 

12Xesús díxolles:

-Vinde comer.

 

Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle __ti quen es__, sabedores de que

era o Señor. 13Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

 

14Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou ós seus discípulos resucitado de entre

os mortos.

 

 

266.- SÁBADO

PRIMEIRA Feit 4, 13-21:

Non podemos deixar de propaga-lo que vimos e oímos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

13O veren os sumos sacerdotes e senadores e escribas a ousadía con que falaban Pedro e

Xoán, sendo como eran xente do pobo e homes sen cultura; e comprendendo que eran os

que estiveran con Xesús quedaban admirados. 14E vendo onda eles o home que quedara

curado, non podían contradicilos en nada. 15Mandáronos saír para fóra do consello e

conferenciaron entre si, 16dicindo: "¿que imos facer con estes homes? Toda Xerusalén

sabe que fixeron un milagre clarísimo, e non o podemos negar. 17Pero, para que non

corra máis entre a xente, ameacémolos, e que en adiante non falen a ninguén máis nese

nome".

 

18Chamáronos e prohibíronlles que baixo ningún pretexto falasen nin ensinasen no

nome de Xesús. 19Pero Pedro e Xoán respondéronlles:

-Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes ca a El,

20porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido.

 

21Por iso, logo de os ameazaren novamente, deixáronos ir, non vendo a maneira de os

castigaren por causa do pobo, xa que todo o mundo glorificaba a Deus polo que

sucedera

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 1 e 14-15. 16ab-18. 19-21

R/ (21a): Douche as gracias, Señor, porque me escoitaches

Ou: Aleluia

 

1Louvade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

14O Señor é a miña forza, o meu cantar,

El é a miña salvación.

15Oense cantares de gozo e de victoria.

nas moradas dos xustos:

a dereita do Señor é valente,

 

16a dereita do Señor é poderosa,

a dereita do Señor é valente.

17Non hei morrer, vivirei

e cantarei os feitos do Señor.

18O Señor, certo, castígame,

mais non me entrega á morte.

 

 19Abrídeme as portas da victoria:

quero cantar e dar gracias ó Señor.

20Esta é a porta do Señor:

os xustos entran por ela.

21Douche as gracias porque me escoitas:

ti e-la miña salvación.

 

 

 

 ALELUIA Sal 117, 24:

Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel

 

 

EVANXEO Mc 16, 9-15:

Ide polo mundo enteiro a predica-lo Evanxeo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

9Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana, e aparecéuselle en primeiro

lugar a María Magdalena, da que botara sete demos. 10Ela fóillelo dicir ós compañeiros

del, que estaban chorosos e tristeiros. 11Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo e que

ela o vira, non llo creron.

 

12Despois disto, aparecéuselles, en figura diferente, a dous que ían de camiño a un

lugar. 13Estes fóronllelo contar tamén ós demais, pero nin a eles os creron.

 

14Por último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a súa

incredulidade e a dureza de corazón, por non creren a aqueles que o viran resucitado de

entre os mortos. 15E díxolles:

-Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.