Semana II

 
 

SEMANA 2ª DA PASCUA

 

267.- LUNS

PRIMEIRA Feit 4, 23-31:

Estando en oración, quedaron cheos do Espírito Santo e anunciaban afoutos a palabra de Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

23Unha vez libres, Pedro e Xoán foron onda os seus e contáronlles todo canto lles

dixeran os xefes dos sacerdotes e os anciáns. 24Cando tal sentiron, todos á vez elevaron

a voz cara a Deus e dixeron:

 

-Señor, ti fixéche-lo ceo, a terra, o mar e canto neles hai. 25Ti dixeches, polo Espírito

Santo, por boca do noso pai David, o teu servo:

¿Por que se levantan as nacións

e os pobos cavilan parvadas?

26Aviñéronse os reis da terra

e os xefes aliáronse

contra o Señor e contra o seu Cristo.

 

27Porque a verdade é que nesta cidade se xuntaron contra o teu santo servo Xesús, a

quen ti unxiches, Herodes e Poncio Pilato, cos pagáns e co pobo de Israel, 28para

faceren o que a túa man e a túa sabedoría tiñan disposto que sucedese. 29E agora, Señor,

olla para as súas ameazas e concédelles ós teus servidores proclamar con toda ousadía a

túa palabra. 30Estende a túa man para que se fagan curacións, sinais e prodixios polo

nome do teu santo servo Xesús.

 

31Cando remataron de rezar, abalou o sitio onde estaban reunidos; todos quedaron

cheos do Espírito Santo e anunciaban afoutos a palabra de Deus.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 2, 1-3. 4-6. 7-9

R/ (cf 12d): Ditosos tódolos que confían en ti, Señor

Ou: Aleluia

 

1¿Por que barullan as nacións

e os pobos planean en balde?

2Os reis da terra levántanse,

os príncipes conspiran entre si

contra o Señor e o seu mesías:

 

3-"Rompámo-las súas sogas,

botemos de nós as súas cadeas".

 

4O que mora no ceo sorrí,

o Señor búrlase deles.

5Logo fálalles con ira

e estarréceos con asaño.

6-"Eu son quen puxo o meu rei

sobre Sión, o meu monte santo".

 

7Pregoarei o decreto do Señor;

foi El quen me dixo: -"Ti es meu fillo,

eu mesmo che dei hoxe a vida.

8Pídeme, e dareiche por herdade as nacións;

por posesión, os termos da terra.

9Poderás rexelos con cetro de ferro,

rompelos, coma ola de barro".

 

 

 

ALELUIA Col 3, 1

Se conresucitastes con Cristo,

buscade as realidades de arriba

onde Cristo está sentado á dereita de Deus

 

 

EVANXEO Xn 3, 1-8:

Se alguén non nace da auga e do Espírito, non pode entrar no reino de Deus

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

3 1Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus. 2Este

veu onda el pola noite e díxolle:

-Rabbí: sabemos que viñeches de Deus coma mestre, pois ninguén pode facer estes

signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.

 

3Respondeulle Xesús:

-Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ve-lo Reino de

Deus.

 

4Replicoulle Nicodemo:

-¿Como pode un home nacer, sendo vello? ¿Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer?

 

5Respondeulle Xesús:

-Con toda verdade cho aseguro: como un non renaza pola auga e o Espírito, non pode

entrar no Reino de Deus. 6O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é

espírito. 7Non che estrañe que eu che dixese "é necesario que vós nazades de novo". 8O

vento sopra onde quere e ti séntelo zoar pero non sabes de onde vén nin para onde vai.

Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.

 

 

268.- MARTES

PRIMEIRA Feit 4, 32-37:

Un corazón e unha vida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

32A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba

coma seu o que posuía, senón que tó-dalas cousas eran comúns. 33Os apóstolos, con

gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben

considerados. 34Non había entre eles ningún necesitado, porque tódolos que tiñan bens

ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos ós pés dos apóstolos, 35que

repartían a cadaquén segundo precisaba.

 

36Así, Xosé, chamado polos apóstolos Bernabé (que quere dicir fillo da consolación),

levita, natural de Chipre, 37tiña un campo, vendeuno, levou os cartos e depositounos ós

pés dos apóstolos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 92, 1ab. 1c-2. 5

R/ (1a): Reina o Señor, vestido de maxestade

Ou: Aleluia

 

1Reina o Señor, vestido de maxestade,

o Señor está vestido, cinguido de poder,

e o mundo non abanea, está firme.

2O teu asento está afincado desde sempre,

ti estás aí desde a eternidade.

 

5A revelación do Señor é verdadeira,

a santidade é o ornato da túa casa,

polos séculos, Señor.

 

 

ALELUIA Xn 3, 15:

É preciso que o Fillo do Home sea exaltado,

para que teña vida eterna quen cre nel

 

 

EVANXEO Xn 3, 7b-15:

Ninguén sube ó ceo senón quen descendeu do ceo, o Fillo do home

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dille Xesús a Nicodemo:

"É necesario que vós nazades de novo". 8O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar pero

non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.

 

9Replicoulle Nicodemo:

-¿Como se pode facer isto?

 

10Respondeulle Xesús:

-¿Ti es mestre de Israel e non o sabes? 11Con toda verdade cho aseguro: falamos do que

coñecemos e testemuñámo-lo que vimos, pero vós non aceptáde-lo noso testemuño.

12Se dicíndovos cousas terreas, non credes, ¿como iades crer dicíndovos cousas

celestiais? 13E ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.

 

14Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home,

15para que todo o que cre nel, teña vida eterna.

 

 

 

269.-MÉRCORES

PRIMEIRA Feit 5, 17-26:

Velaí, ós que metestes no cárcere, están no templo ensinando ó pobo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

17O gran sacerdote e tódolos seus, que formaban a secta dos saduceos, enchéronse de

rabia; 18botaron man dos apóstolos e metéronos na prisión pública. 19Mais de noite, o

anxo do Señor abriu as portas da prisión pública, fíxoos saír e díxolles:

20-Ide, presentádevos no templo, e faládelle ó pobo toda a mensaxe desa Vida.

 

21Sentindo isto, entraron no templo ó amencer e ensinaban.

 

Mentres, chegou o xefe dos sacerdotes cos seus, reuniron o Sanedrín e todo o Senado

israelita e mandáronos ir buscar á prisión, para facelos comparecer. 22Mais, chegados os

gardas á prisión, non os encontraron; volveron e anunciáronllelo.

 

23-Certamente o cárcere atopámolo pechado con toda seguranza, e as sentinelas

montando garda diante das portas; pero, cando abrimos, non encontramos a ninguén

dentro.

 

24O que sentiron estas palabras, tanto o oficial da garda do templo coma os xefes dos

sacerdotes, cavilaban perplexos como sucedera aquilo. 25Nisto chegou un que lles dixo:

-Os homes que encarcerastes están no templo e ensinando ó pobo.

 

26Entón foi o xefe da garda cos seus axudantes e trouxéronos; pero sen violencia,

porque tiñan medo de que a xente lles tirase pedras.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

R/ (7a): O Señor escoita ó pobre que o chama

Ou: Aleluia

 

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa louvanza;

3gloríome no Señor,

e os humildes alégranse, ó escoitalo.

 

 4Exaltade comigo ó Señor,

louvemos xuntos o seu nome.

 

5Eu busco ó Señor, e El responde,

líbrame de tódolos temores.

 

6Ollade para El e refulxide,

non poñades caras murchas.

7O Señor escoita ó pobre que o chama

e líbrao de tódolos apretos.

 

8O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis

e dálles seguridade.

9Gustade e vede que bo é o Señor:

feliz quen a El se acolle.

 

 

 

ALELUIA Xn 3, 16:

Tanto amou Deus ó mundo,

que lle entregou o seu Fillo Unixénito;

todo aquel que cre nel ten vida eterna

 

 

 

EVANXEO Xn 3, 16-21:

Mandou Deus ó seu Fillo para que o mundo se salve por medio del

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

16De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o

que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

 

17Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el

se salve o mundo. 18O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado,

porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. 19Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a

luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns.

20Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as

súas obras. 21Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as

súas obras porque están feitas como Deus quere.

 

 

 

 270.-XOVES

PRIMEIRA Feit 5, 27-33:

Nós somos testemuñas destas palabras, e o Espírito Santo tamén

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

 27En chegando, os ministros presentaron ós apóstolos ó Sanedrín. O xefe dos sacerdotes

interrogounos:

28-Expresamente vos mandamos que non ensinasedes nese nome, e vós enchestes

Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.

29Pedro e os apóstolos responderon:

-Cómpre obedecer a Deus antes cós homes. 30O Deus de nosos pais resucitou a Xesús,

a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; 31pois a este enxalzouno Deus coa súa

dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón

dos pecados. 32E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que

Deus dá ós que o obedecen.

 

33O sentiren isto, rabiaban de carraxe e queríanos matar.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2 e 9. 17- 18. 19-20

R/ (7a): O Señor escoita ó pobre que o chama

Ou: Aleluia

 

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa louvanza;

9Gustade e vede que bo é o Señor:

feliz quen a El se acolle.

 

17mais o Señor mira con enfado ós malvados,

para borrar da terra a súa memoria.

18Claman aqueles, e o Señor escoita,

líbraos de tódalas angustias.

 

19O Señor está preto do aflixido,

salva ó asoballado.

20Moitos son os males dos xustos,

pero de todos os libra o Señor.

 

 

ALELUIA Xn 20, 29:

Ti cres, Tomé, porque me viches, di o Señor;

ditosos os que non viron e creron

 

 

EVANXEO Xn 3, 31-36:

O Pai ama ó Fillo e puxo todo nas súas mans

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

31Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence e da terra

fala. O que vén do ceo, está por riba de todos; 32do que viu e oíu, disto dá testemuño;

pero ninguén acepta o seu testemuño. 33Quen acepta o seu testemuño, confirma que

Deus é verdadeiro. 34Porque aquel a quen Deus mandou, fala as palabras de Deus, que

non dá o Espírito cunha medida limitada.

 

35O Pai ama o Fillo e púxolle tódalas cousas nas súas mans. 36Quen cre no Fillo, ten

vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa

enriba del.

 

 

271.- VENRES

PRIMEIRA Feit 5, 34-42:

Iban todos contentos porque foran considerados dignos de padecer polo Nome

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

34Erguéndose no consello un fariseo que se chamaba Gamaliel, mestre da Lei, aprezado

por todo o pobo, ordenou que, por un pouco, levasen para fóra ós apóstolos. 35Dixo:

-Israelitas: ¡coidadiño co que ides facer con eses homes! 36Porque nestes últimos

tempos ergueuse Teudas, dicindo ser alguén, e xuntóuselle un número duns catrocentos

homes: pero, en canto o mataron a el, tódolos que o seguiron disolvéronse e non quedou

nada. 37Despois del nos días do empadroamento, alzouse Xudas o Galileo, que

arrastrou xente tras el; tamén el morreu e tódolos que o seguían se dispersaron. 38E

agora dígovos: desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou

esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma; 39pero, se é de Deus, non a

poderedes desfacer. ¡Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus!

 

E cadraron de acordo. 40Entón chamaron polos apóstolos, e, despois de os azoutar,

ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir. 41Eles saíron de

diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do Nome; 42e cada

día, no templo e nas casas non paraban de ensinar e de anuncia-la Boa Nova de que

Xesús é o Mesías.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 26, 1 . 4. 13-14

R/ (cf 4ab): Unha cousa pídolle ó Señor: habitar na casa do Señor

Ou: Aleluia

 

O Señor é a miña luz e salvación,

¿a quen hei de temer?

O Señor é o meu castelo,

¿ante quen hei de tremer?

 

4Unha cousa pídolle ó Señor,

unha cousa procuro:

habitar na casa do Señor,

tódolos días da vida,

para gozar da dozura do Señor,

visitando o seu templo.

 

 13Eu espero gozar dos bens do Señor

na terra da vida.

14Espera no Señor;

ten corazón forte e valente

e espera no Señor.

 

 

ALELUIA Mt 4, 4b:

O home non vive só de pan,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus

 

 

EVANXEO Xn 6, 1-15:

Distribuílles ós que estaban sentados canto querían

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Xesús foi á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). 2Seguíao unha chea de

xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. 3Subiu Xesús ó monte e sentou alí

cos seus discípulos. 4Estaba a chega-la Pascua, a festa dos xudeus. 5Levantou a vista

Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Felipe:

-¿Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? 6(Isto dicíao para tantealo, que el

ben sabía xa o que ía facer).

 

7Respondeulle Felipe:

-Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.

 

8Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:

9-Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, ¿que

é iso para tantos?

 

10Xesús ordenou:

-Facede senta-la xente.

 

Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. 11Entón colleu

Xesús os pans e, dando gracias, repartiu ós sentados canto quixeron e o mesmo os

peixes. 12Cando se fartaron, díxolles ós seus discípulos:

-Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.

 

13Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de

cebada, que lles sobraran ós que comeron. 14O veren aqueles homes o sinal que fixera,

dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ó mundo".

 

15Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclama-lo rei, retirouse só

outra vez ó monte.

 

 

 

 272.- SÁBADO

PRIMEIRA Feit 6, 1-7:

Elixiron sete varóns cheos do Espírito Santo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

6 1Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un

descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala

grega no servicio diario. 2Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:

-Non está ben que deixémo-la palabra de Deus para nos dedicarmos ó servicio das

mesas. 3Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de

Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. 4Nosoutros continuaremos

dedicados a oración e ó servicio da palabra.

 

5A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito

Santo, a Felipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía;

6presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlle-las mans.

 

7A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e

unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 1-2. 4-5. 18-19

R/ (22): Veña sobre nós, Señor, a túa misericordia

como de ti o esperamos

Ou: Aleluia

 

 

1Alegrádevos, xustos, no Señor:

ós rectos acáelle-la louvanza.

2Festexade ó Señor con cítolas,

tocade con harpa de dez cordas.

 

4A palabra do Señor é recta

e tódalas súas obras son leais:

5El quere o dereito e a xustiza,

a súa misericordia enche a terra.

 

 18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,

polos que esperan na súa misericordia,

19para libra-la súa vida da morte,

para os manter no tempo da miseria.

 

 

ALELUIA

Resucitou Cristo que creo tódalas cousas,

e compadeceuse do xénero humano

 

 

EVANXEO Xn 6, 16-21:

Ven a Xesús que vén andando sobre o mar

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

16Como xa caera a tarde, baixaron os discípulos de Xesús ó mar, 17e, montando nun

bote, dirixíanse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non

chegara onda eles. 18O mar empezouse a picar, porque ventaba rexo. 19Despois de

levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme

se ía achegando ó bote, empezaron a coller medo. 20Pero el díxolles:

-Son eu, non teñades medo.

 

21Entón queríano facer subir ó bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio

onde ían.