Semana V

 
 

SEMANA 5ª DA PASCUA

 

285.- LUNS

PRIMEIRA Feit 14, 5-18:

Anunciámosvos que vos convertades das vaidades ó Deus vivo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

5Visto que se organizou en Iconio unha manifestación de pagáns e xudeus, cos seus

xefes á fronte, para maltrataren e apedraren a Paulo e mais a Bernabé, 6eles, que se

decataron, fóronse refuxiando nas cidades de Licaonia: na de Listra, na de Derbe e nos

arredores; 7e alí anunciaban a Boa Nova.

 

8Xacía en Listra, tolleito dos pés, un home que era coxo de nacemento e que nunca

puidera andar. 9Estaba escoitando a Paulo, que falaba. Paulo, mirando para el e vendo

que tiña fe para se curar, 10díxolle en voz alta:

-¡Érguete, e tente dereito sobre os teus pés!

 

El deu un brinco e botou a andar. 11A xente, ó ve-lo que fixera Paulo, berraba en idioma

licaonio: "Os deuses baixaron a nós en forma humana". 12E chamaban Zeus a Bernabé e

a Paulo Hermes, porque era o que lles falaba.

 

13Entón o sacerdote do templo de Zeus, que estaba á entrada da cidade, levando ás

portas touros e grilandas, de acordo coa xente, pretendía ofrecerlles un sacrificio. 14Os

apóstolos Paulo e Bernabé, en canto se decataron, racharon os seus vestidos e correron

cara á xente, 15berrando:

-¿Que facedes? Nós non somos máis ca homes coma vós, e o que vos predicamos é que

deixedes eses falsos ídolos e vos convertades ó Deus vivo que fixo o ceo, a terra, o mar

e todo o que hai neles. 16Nas xeracións pasadas permitiu a tódalas nacións seguiren os

seus propios camiños; 17pero nin por iso deixou de dar testemuño de si coa súa regalía,

dándovos desde o ceo chuvias e estacións fructíferas, enchendo de mantenza e de alegría

os vosos corazóns.

 

18E con todas estas palabras, traballiño lles custou impedir que lles ofrecesen un

sacrificio.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 113 B, 1-2. 3-4. 15-16

R/ (1): Non a nós, Señor, senón ó teu nome dálle a gloria

Ou: Aleluia

 

 1Non a nós, Señor, non a nós,

senón ó teu nome dálle a gloria,

polo teu amor e a túa fidelidade.

2¿Por que han dici-las xentes?:

-"¿Onde está o seu Deus?"

 

 3O noso Deus está no ceo

e fai todo canto se propón.

4Os seus ídolos son prata e ouro,

feitura das mans dos homes.

 

 15Benditos sexades do Señor,

que fixo o ceo e maila terra.

16O ceo perténcelle ó Señor,

e a terra déullela ós homes.

 

 

 

ALELUIA Xn 14, 26:

O Espírito Santo ensinaravos todo;

havos suxerir todo canto vos dixen

 

 

 

EVANXEO Xn 14, 21-26:

O Paráclito que vos mandará o Pai havos ensinar todo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

21Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado

por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.

 

22Xudas, o outro, non o Iscariote, preguntoulle:

-¿Que pasou, para que ti vaias manifestarte a nós e non ó mundo?

 

23Xesús respondeulle:

-Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e

faremos vida con el. 24O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que

escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou.

 

25Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; 26pero o Paráclito, o Espírito Santo

que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto

eu vos dixen.

 

 

 

 286.- MARTES

 

PRIMEIRA Feit 14, 19-28:

Contaron á Igrexa todo canto Deus fixera con eles

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

 19Chegaron de Antioquía e de Iconio uns xudeus que convenceron á xente. Apedraron a

Paulo e arrastrárono fóra da cidade, coidando que estaba morto. 20Mais, cando o

rodearon os discípulos, ergueuse e entrou na cidade. Para o outro día marchou con

Bernabé cara a Derbe.

 

21Logo de anunciaren a Boa Nova naquela cidade e de faceren bastantes discípulos,

volveron para Listra, Iconio e Antioquía, 22enfortecendo o espírito dos discípulos e

animándoos a persevararen na fe, porque -dicíanlles- temos de pasar por moitos

traballos, para entrarmos no Reino de Deus. 23E despois de designarlles presbíteros en

cada Igrexa, oraban, xexuaban e encomendábanos ó Señor, en quen creran.

 

24Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia 25e, logo de anunciaren a palabra en

Perxe, baixaron cara a Atalía. 26De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran

confiados á gracia de Deus para a misión que viñan de cumprir. 27Chegando, reuniron a

Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira ós pagáns a porta

da fe. 28Botaron alí moito tempo cos discípulos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 10-11. 12-13ab. 21

R/ (cf 12a): Que os teus amigos, Señor,

anuncien a gloria do teu Reino

Ou: Aleluia

 

10Lóuvente, Señor, as túas obras,

bendígante os teus amigos.

11Pregoen a gloria do teu reino,

proclamen as túas fazañas.

 

12Ensinen ós homes a túa forza

e a maxestade gloriosa do teu reino.

13O teu reino é reino eterno,

o teu goberno dura por xeracións.

 

21A miña boca pregoará as louvanzas do Señor

e tódolos seres vivos bendicirán o seu nome santo

polos séculos dos séculos.

 

 

 

ALELUIA Cf. Lc 24, 46. 26:

Era preciso que Cristo padecera e resucitara de entre os mortos;

para entrar así na súa gloria

 

EVANXEO Xn 14, 27-31a:

Dóuvo-la miña paz

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

27Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz: eu non vola dou coma o mundo a dá. Non vos

angustiedes, nin teñades medo. 28Oístes que vos dixen "voume e logo volvo onda vós".

Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.

 

29Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. 30Xa non

falarei moito convosco, pois está a vi-lo príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada;

31mais é para que saiba o mundo que eu amo ó Pai, e que, coma o Pai me mandou, así

fago.

 

 

 

287.- MÉRCORES

PRIMEIRA Feit 15, 1-6:

Acordaron que subisen a Xerusalén a trata-la cuestión cos apóstolos e presbíteros

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

15 1Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban ós irmáns: "se non vos circuncidades

conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar". 2Como se orixinou un

desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que

Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a trata-la cuestión cos apóstolos e os

responsables. 3Así que a Igrexa déulle-lo preciso para a viaxe e eles atravesaron Fenicia

e Samaría relatando como se convertían os pagáns e alegrando así a tódolos irmáns.

 

4O chegaren a Xerusalén, recibiunos a Igrexa, os apóstolos e os responsables e eles

contaron todo o que Deus levaba feito con eles. 5Pero erguéronse algúns da secta dos

fariseos, que creran, e dicían:

-Cómpre circuncidalos e mandarlles cumpri-la Lei de Moisés.

 

6Entón os apóstolos e os responsables xuntáronse para examinaren a cuestión.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

R/ (cf 1): Imos alegres para a casa do Señor

Ou: Aleluia

 

Alegreime, cando me dixeron:

imos para a casa do Señor.

2Xa están os nosos pés

ás túas portas, Xerusalén,

 

3Xerusalén, cidade ben feita,

de compacta harmonía.

4Alá soben as tribos, as tribos do Señor,

conforme o costume de Israel,

para festexa-lo nome do Señor.

 

5Alí están os tribunais da xustiza,

a sede da casa de David.

 

 

ALELUIA Xn 15, 4a. 5b:

Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;

quen permanece en min, da froito abundante

 

 

EVANXEO Xn 15, 1-8:

Quen permanece en min e eu nel, ese da froito abundante

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

15 1Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. 2O sarmento que en min non leva

froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda. 3Vós xa

estades limpos, pola palabra que vos teño falado. 4Permanecede en min e eu en vós.

 

Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós

tampouco, se non permanecedes en min. 5Eu son a vide; vós os sarmentos. Quen

permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer

nada. 6Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan;

apáñanos, bótanos no lume e arden. 7Se permanecedes en min e as miñas palabras

permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. 8Nisto é glorificado meu

Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

 

 

 

 

 

288.- XOVES

PRIMEIRA Feit 15, 7-21:

Xulgo que non hai que inquitar ós xentís que se converten a Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

7Despois de moito discutiren, ergueuse Pedro e díxolles ós apóstolos e presbíteros:

-Irmáns, ben sabedes que desde os primeiros días me escolleu Deus de entre vós, para

que os pagáns oísen pola miña boca a palabra da Boa Nova e cresen. 8E Deus, que

coñece os corazóns, testemuñou en favor deles, dándolle-lo Espírito Santo coma a nós.

9Non fixo ningunha discriminación entre eles e nós, pois purificou o seu corazón pola

fe. 10¿Por que, logo, tentades a Deus, querendo cangar no pescozo dos discípulos un

xugo que nin nosos pais nin nós fomos quen de aturar? 11Non; nós cremos que nos

salvamos pola gracia do Señor Xesús e que eles se salvan igualiño ca nós.

 

12Toda a asemblea ficou en silencio e escoitaban como Bernabé e Paulo contaban

tódolos sinais e prodixios realizados por Deus entre os pagáns por medio deles.

 

13Cando calaron, falou Santiago dicindo:

-Irmáns, escoitádeme:

 

14Simeón contou como desde o principio Deus procurou entre os pagáns un pobo para

si, 15e con isto cadran as palabras dos Profetas, conforme está escrito:

16Logo disto hei volver

e reconstruirei a tenda caída de David,

reedificarei as súas ruínas

e poñereina en pé,

17para que o resto dos homes busquen o Señor,

así como tódalas nacións que xa invocan o meu nome:

dío o Señor, 18que deu a coñecer estas cousas desde tempos antigos.

 

19Por iso coido que non se debe importunar ós que de entre os pagáns se converten a

Deus; 20chega con escribirlles que se absteñan das contaminacións dos ídolos, das

unións deshonestas, das carnes afogadas e do sangue; 21pois Moisés ten desde tempos

antigos predicadores en cada cidade e tódolos sábados o lemos nas sinagogas.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2a. 2b-3. 10

R/ (cf 3): Anunciade ante tódolos pobos

as marabillas do Señor

Ou: Aleluia

 

1Cantádelle ó Señor un cántico novo,

cántalle ó Señor, terra enteira;

2cantade ó Señor e bendicide o seu nome,

 

pregoade tódolos días a súa salvación;

3cantade entre as xentes a súa gloria;

ante tódolos pobos, as súas marabillas.

 

10Dicide entre as xentes:

-"O Señor reina,

asenta o mundo, e non se move,

goberna os pobos rectamente".

 

 

 

ALELUIA Xn 10, 27:

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor,

e eu coñézoas e elas séguenme

 

 

EVANXEO Xn 15, 9-11

Permanecede no meu amor, para que a vosa alegría sexa plena

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

9Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. 10Se gardáde-los

meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, coma eu gardei os mandamentos de

meu Pai, e permanezo no seu amor. 11Dí-xenvos estas cousas, para que a miña alegría

estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.

 

 

 

289.- VENRES

PRIMEIRA Feit 15, 22-31:

Pareceulle ó Espírito Santo e a nós non impoñervos máis carga que a necesaria

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

22Os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de

entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado

Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. 23E por medio deles

mandaron esta carta:

"Os irmáns apóstolos e responsables saúdan ós irmáns de orixe pagá, que están en

Antioquía, Siria e Cilicia. 24Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen

non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras;

25decidi-mos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos

Bernabé e Saulo, 26que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo;

27mandámos-vos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas.

28Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás

precisas: 29absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da

unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde".

 

30Déronlle-lo encargo e baixaron a Antioquía, onde reuniron a xente e entregaron a

carta; 31ó que a leron, alegráronse con aquel consolo.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 56, 8-9. 10-12

R/ (10a): Heite louvar, Señor, diante dos pobos

Ou: Aleluia

 

8O meu corazón, Deus, está firme,

o meu corazón está firme:

quero cantar e tocar salmos.

9Espertade, miñas entrañas,

espertade, harpa e cítola:

quero espertar coa aurora.

 

10Heite louvar, Señor, diante dos pobos,

cantareiche entre as nacións.

11O teu amor alcanza ata o ceo,

a túa fidelidade, ata as nubes.

12Érguete, Deus, por riba do ceo,

enche a terra da túa gloria.

 

 

 

ALELUIA Xn 15, 15b:

A vós chameivos amigos, di o Señor,

porque todo canto oín a meu Pai,

dévolo a coñecer

 

 

EVANXEO Xn 15, 12-17:

Mándovos isto, que vos amedes uns a outros

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

 Dilles Xesús ós seus discípulos:

12Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei.

13Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. 14Vós sodes

amigos meus, se facedes canto eu vos mando. 15Xa non vos chamo servos, que o servo

non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu

Pai déivolo a coñecer. 16Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós;

e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que

todo o que lle pidades ó Pai no meu nome, volo conceda. 17Mándovos isto: que vos

amedes uns a outros.

 

 

 

290.- SÁBADO

PRIMEIRA Feit 16, 1-10:

Pasando a Macedonia axúdanos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

16 1Paulo chegou a Derbe e Listra. Había alí un discípulo, chamado Timoteo, fillo

dunha xudía crente e de pai grego, 2do que falaban ben os irmáns de Listra e de Iconio.

3Paulo quixo que fose con el e circuncidouno por mor dos xudeus daquela bisbarra, pois

todos sabían que o pai era grego.

 

4Polas cidades que pasaban transmitíanlle--las decisións tomadas polos apóstolos e

responsables en Xerusalén, para que as cumprisen. 5Deste xeito as Igrexas quedaban

confirmadas na fe e medraban en número cada día. 6Impedidos polo Espírito Santo de

predica-la mensaxe en Asia, atravesaron Frixia e a rexión de Galacia; 7chegados de

fronte a Misia, tentaron de entrar en Bitinia; pero o Espírito de Xesús non llelo permitiu;

8así que, atravesando Misia, baixaron a Tróade.

 

9Durante a noite, Paulo tivo unha visión: estaba alí de pé un macedonio, suplicándolle:

"¡Pasa a Macedonia e axúdanos!"

 

10Logo desta visión procuramos partir de contado para Macedonia, sabedores de que

Deus nos chamaba a lles anuncia-la Boa Nova.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 99, 2. 3. 5

R/ (2a): Servide ó Señor con alegría

Ou: Aleluia

 

2servide o Señor con alegría,

achegádevos con cántigas á súa presencia.

 

3Sabede que o Señor é Deus,

que El nos fixo e que del somos,

o seu pobo, o seu rabaño.

 

 5porque o Señor é bo.

O seu amor dura por sempre;

por xeracións a súa fidelidade.

 

 

ALELUIA Col 3, 1:

Se conrresucitastes con Cristo,

buscade as cousas de arriba,

onde Cristo está sentado á dereita de Deus

 

 

EVANXEO Xn 15, 18-21:

Non sodes do mundo, pero eu elixinvos do mundo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

 Dilles Xesús ós seus discípulos:

18Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes do que a vós. 19Se

fosedes do mundo, o mundo amaríavos coma cousa propia; pero, como eu vos escollín

do mundo, por iso o mundo aborrécevos. 20Lembrádevos da palabra que vos dixen: non

hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se

gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa.

 

21Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou.