Semana VII

 
 

SEMANA 7ª DA PASCUA

 

297.- LUNS

PRIMEIRA Feit 19, 1-8:

¿Acollésteste-lo Espírito Santo con fe?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

19 1En tanto Apolo estaba en Corinto, Paulo, logo de atravesa-lo 2interior do país,

chegou a Éfeso. Encontrou alí a algúns discípulos, e preguntoulles:

-¿Recibíste-lo Espírito Santo, cando abrazáste-la fe?

 

Eles respondéronlle:

-Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo.

 

3Díxolles:

-E logo, ¿que bautismo recibistes?

 

Eles responderon:

-O bautismo de Xoán.

 

4Entón díxolles Paulo:

-Xoán bautizaba cun bautismo de conversión, dicíndolle ó pobo que cresen no que viña

despois del, é dicir, en Xesús.

 

5Despois de sentiren isto, bautizáronse no nome do Señor Xesús; 6e logo que Paulo lles

impuxo as mans, veu sobre eles o Espírito Santo e comezaron a falar en linguas estrañas

e a profetizar. 7En total eran uns doce homes.

 

8Foi Paulo para a sinagoga e durante tres meses falou abertamente, discutindo e

convencendo no tocante ó Reino de Deus. 9Pero, como algúns estaban endurecidos

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 67, 2-3. 4-5ac. 6-7ab

R/ (33a): Pobos da terra, cantádelle a Deus

Ou: Aleluia

 

2Érguese Deus e dispérsanse os seus inimigos,

foxen da súa presencia os adversarios.

3Disípanse coma fume que esvaece,

coma cera que co lume derrete.

Así perecen diante de Deus os malvados,

 

4pero os xustos alégranse, exultan na súa presencia,

reloucan de contento.

5Louvade o Señor, cantade o seu nome,

Chámase Señor: exultade diante del.

 

6Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador:

Deus na súa morada santa.

7Deus dálles fogar ós solitarios,

libra os presos e enriquéceos.

 

 

ALELUIA Col 3, 1:

Se conresucitastes con Cristo,

buscade as realidades de arriba,

onde Cristo está sentado á dereita de Deus

 

 

EVANXEO Xn 16, 29-33:

Tede confianza, Eu vencín o mundo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

29Dixéronlle os discípulos a Xesús:

-Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. 30Agora sabemos que o sabes todo, e non

precisas que ninguén che pregunte: por iso cremos que saíches de Deus.

 

31Xesús respondeulles:

-¿Agora credes? 32Mirade, vai chega-la hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada

un pola súa banda, e a min deixarédesme só. Anque eu non estou só, pois está comigo o

Pai.

 

33Díxenvos estas cousas para que teñades paz gracias a min. No mundo haberedes ter

apretos; pero tede ánimo: eu vencín o mundo.

 

 

 

298.- MARTES

PRIMEIRA Feit 20, 17-27:

Remata a miña vida e o meu ministerio, que recibín do Señor Xesús

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

17Desde Mileto, Paulo mandou chamar polos responsables da Igrexa de Éfeso. 18Cando

chegaron cabo del, díxolles:

-Ben sabedes como me portei convosco desde o primeiro día que cheguei a Asia,

19servindo ó Señor con toda humildade no medio das bágoas e probas que me viñeron

das maquinacións dos xudeus; 20non tiven reparo en instruírvos e predicarvos,

publicamente e polas casas, todo o que vos fose de proveito, 21insistindo solemnemente

a xudeus e gregos que se convertesen a Deus pola fe no noso Señor Xesús.

 

22E agora vouvos a Xerusalén, obrigado polo Espírito, sen sabe-lo que me espera; 23só

sei que o Espírito Santo me avisa de cidade en cidade que me agardan cadeas e

tribulacións. 24Pero non estimo en nada a miña vida, con tal que poida remata-la miña

carreira e o servicio que me encomendou o Señor Xesús: dar testemuño da Boa Nova

da gracia de Deus.

 

25Sei que ninguén de vós, entre os que pasei predicando o Reino, me volverá ver. 26Por

iso, asegúrovos hoxe que non me sinto responsable da perdición de ninguén, 27porque

non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 67, 10-11. 20-21

R/ (33a): Pobos da terra, cantádelle a Deus

Ou: Aleluia

 

10Vertiches, Deus, chuvia xenerosa,

fortalecíche-la herdade extenuada.

11O teu rabaño aposentou no lugar

que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres.

 

20Bendito sexa o Señor, cada día:

Deus, o noso salvador, coida de nós,

21Deus é para nós un Deus que salva,

no Señor Deus temos escape da morte.

 

 

 

ALELUIA Xn 14, 16:

Pedireille ó Pai e mandaravos outro Defensor,

para que permaneza convosco para sempre

 

 

 

EVANXEO Xn 17, 1-11a:

Pai, glorifica ó teu Fillo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

17 1Erguendo Xesús os ollos ó ceo, dixo:

-Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo, de xeito que o fillo te glorifique a ti;

2conforme lle deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a tódolos que ti

lle deches. 3(E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro,

e a quen mandaches, Xesús Cristo). 4Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me

deches a facer. 5E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de

que o mundo existira.

 

6Eu manifesteite ós homes que me escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e

gardaron a túa palabra. 7Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, 8pois

entreguéille-las palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron

verdadeiramente que saín de onda ti, e creron que ti me mandaches. 9Eu rógoche por

eles; non che rogo polo mundo, senón polos que me deches, pois perténcenche; 10todo o

meu é teu; e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. 11Eu xa non vou estar no mundo;

pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti.

 

 

 

299.- MÉRCORES

PRIMEIRA Feit 20, 28-38:

Encoméndovos a Deus, que pode edificar e da-la herdade

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Dilles Paulo ós responsables da Igrexa de Éfeso:

28Coidade de vós e de todo o rabaño do que o Espírito Santo vos constituíu inspectores,

para pastoréarde-la Igrexa que Deus comprou co sangue do seu propio Fillo.

 

29Xa sei que despois da miña marcha se han meter entre vós lobos carniceiros, que non

terán mágoa do rabaño. 30E incluso de entre vós mesmos sairán homes que ensinarán

cousas perversas, para arrastraren os discípulos tras eles. 31Por iso, vixiade,

lembrándovos que, por tres anos, día e noite, non parei de vos aconsellar con bágoas a

cada un de vós.

 

32Eu déixovos nas mans de Deus e da súa palabra de gracia: El ten poder para construír

e dárvo-la herdanza entre tódolos santificados. 33Non cobicei de ninguén prata, ouro nin

roupa: 34ben sabedes todos que para as miñas necesidades e as dos meus compañeiros

gañaron abondo estas miñas mans. 35En todo vos mostrei que é, traballando así, como

cómpre valerlles ós necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: "é

máis felicidade dar que recibir".

 

36En dicindo isto, axeonllouse con todos eles, e rezou. 37Todos choraron moito e,

dábanlle apertas e bicos a Paulo, 38aflixidos, sobre todo porque lles dixera que non o

ían ver máis. E foron con el ata o barco.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 67, 29-30. 33-35a- 35b-36c

R/ (33a): Pobos da terra, cantádelle a Deus

Ou: Aleluia

 

29Desprega, Deus, o teu poder,

o poder que despregas por nós,

30e ó teu templo de Xerusalén

traeranche presentes os reis.

 

33Louvade a Deus, reinos da terra,

cantade salmos ó Señor,

34o que cabalga polos ceos, polos ceos antigos,

o que lanza a súa voz, a súa voz potente.

35Recoñecédelle a Deus o poder

 

a súa maxestade brilla en Israel,

e sobre as nubes o seu poder.

36Desde o seu santuario Deus móstrase terrible:

o Deus de Israel

é quen lle dá forza e vigor ó seu pobo.

 

 

 

ALELUIA Cf. Xn 17, 17b. a:

A túa palabra, Señor, é verdade;

santíficanos na verdade.

 

 

 

EVANXEO Xn 17, 11b-19:

¡Que sexan un coma nós!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Levantando os ollos ó ceo, Xesús orou dicindo:

Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós.

 

12Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos; eu agarimeinos,

e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a

Escritura. 13Mais agora estou indo a ti, e falo estas cousas no mundo, para que teñan

eles a plenitude do meu gozo. 14Eu déille-la túa palabra, e o mundo aborreceunos, pois

eles non son do mundo, como tampouco eu non son de mundo. 15Non che pido que os

tires do mundo, senon que os gardes do malo. 16Eles non son do mundo, como eu

tampouco non son do mundo. 17Conságraos na verdade: a túa palabra é verdade.

18Coma ti me mandaches ó mundo, así os mando eu a eles; 19e por eles conságrome eu,

para que tamén eles sexan consagrados na verdade.

 

 

 

 300.- XOVES

PRIMEIRA Feit 22, 30; 23, 6-11:

É preciso que deas testemuño en Roma

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

30Querendo saber con certeza o tribuno de que acusaban os xudeus a Paulo, desatouno,

mandou reuni-los xefes dos sacerdotes e todo o Sanedrín e, levando a Paulo,

presentóullelo.

 

6Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do

Sanedrín:

-Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza

na resurrección dos mortos, polo que se me xulga.

 

7Cando dixo isto, armouse unha disputa entre os fariseos e os saduceos e dividiuse a

asemblea, 8porque os saduceos non admiten nin resurrección nin anxos nin espíritos,

mentres que os fariseos cren nestas tres cousas. 9Fíxose un gran rebumbio; erguéronse

algúns escribas do partido dos fariseos e dicían afoutos:

-Non atopamos nada malo neste home: ¿e se é certo que lle falou un espírito ou un

anxo?

 

10A liorta ía a maiores e o tribuno, temendo que esnaquizasen a Paulo, ordenou á tropa

que baixase a quitalo do medio deles para o levar ó cuartel.

 

11A noite seguinte, aparecéuselle o Señor e díxolle:

-Animo, que así como deches testemuño de min en Xerusalén, cómpre tamén que o deas

en Roma.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11

R/ (1): Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.

Ou: Aleluia

 

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.

2Eu dígolle ó Señor: -"Ti e-lo meu dono,

5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,

ti coidas do meu porvir.

 

7Bendigo ó Señor que me guía

e mesmo de noite me ensina no meu íntimo.

8Teño ó Señor sempre diante;

con El á dereita non caerei.

 

9Por iso o meu corazón está contento,

as miñas entrañas reloucan

e o meu corpo está seguro.

10Ti non abandonarás á morte a miña vida,

nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.

 

 11Mostrarasme o camiño da vida:

a túa presencia éncheme de alegría;

a túa dereita, de gozo eterno.

 

 

 

ALELUIA Xn 17, 21:

Que todos sexan un,

coma ti, Pai, estás en min e eu en ti,

para que o mundo crea que ti me mandaches, di o Señor

 

 

 

EVANXEO Xn 17, 20-26:

¡Que cheguen á perfecta unidade!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Levantando os ollos ó ceo, orou Xesús dicindo:

20Non che rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer en min pola palabra

deles; 21que todos sexan un, coma ti, Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en

nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. 22E a gloria que ti me deches, déillela

a eles, para que sexan un coma nós somos un. 23Eu neles e ti en min, para que cheguen

á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os

amaches a eles, como me amaches a min.

 

24Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que

contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da

fundación do mundo. 25Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes

coñeceron que ti me mandaches. 26Eu manifestéille--lo teu nome e llelo seguirei

manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles.

 

 

 

 

301.- VENRES

PRIMEIRA Feit 25, 13b-21:

Xesús morto, de quen di Paulo que vive

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

13O rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea, a saudar a Festo. 14Como botaron alí

días, Festo informou ó rei do caso de Paulo, dicíndolle:

-Hai aquí un home que Fiz deixou preso, 15a quen acusaron os sumos sacerdotes e os

senadores dos xudeus, estando eu en Xerusalén e pediron a súa condena. 16Respon-

dinlles que non é costume romano entregar un home sen enfrontalo cos seus acusadores

e dándolle a posibilidade de se defender da acusación. 17Viñeron comigo ata aquí e, sen

demorarme nada, sentei para o outro día no tribunal e mandei trae-lo home. 18Os

acusadores compareceron, pero non presentaron ningunha acusación dos delitos que eu

sospeitaba; 19só tiñan en contra del unhas cuestións acerca da súa relixión e dun certo

Xesús defunto, de quen Paulo afirma que vive. 20Sen saber que decidir nestas cuestións,

pregunteille se quería ir a Xerusalén para xulgalo alí; 21pero Paulo apelou, pedindo que

o seu caso fose reservado ó xuízo do emperador e mandei que o gardasen ata mandarllo

ó César.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 11-12. 19-20ab

R/ (19a): O Señor asentou no ceo o seu trono

Ou: Aleluia

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

11Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

12canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

 

 19O Señor asentou no ceo o seu trono

e o seu reino goberna o universo.

20Bendicide ó Señor, os seus anxos,

seres poderosos ás súas ordes

 

 

ALELUIA Xn 14, 26:

O Espírito Santo havos ensinar todo;

recordaravos todo canto vos dixen

 

 

 

EVANXEO Xn 21, 15-19:

Apacenta os meus años, apacenta as miñas ovellas

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

 15Manifestándose Xesús ós seus discípulos, cando xa comeran, preguntoulle a Simón Pedro:

-Simón de Xoán ¿ámasme máis ca estes?

 

El contestoulle:

-Si, Señor, ti sabes que te quero.

 

Xesús díxolle:

-Apacenta os meus años.

 

16E de novo preguntoulle por segunda vez:

-Simón de Xoán, ¿ámasme?

 

El respondeulle:

-Si, Señor, ti sabes que te quero.

 

Xesús díxolle:

-Apacenta as miñas ovellas.

 

17E preguntoulle por terceira vez:

-Simón de Xoán, ¿quéresme?

 

Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez "¿quéresme?", e

respondeulle:

-Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.

 

Xesús díxolle:

-Apacenta as miñas ovellas. 18Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste

ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estendera-las túas mans, e vestirate outro e

levarate onde non queres.

 

19Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois

engadiu:

-Sígueme.

 

 

302.- SÁBADO

Na Misa da mañá

PRIMEIRA Feit 28, 16-20. 30-31:

Quedouse en Roma, predicando o reino de Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

16Cando entramos en Roma, a Paulo autorizárono a ter domicilio particular cun soldado

que o vixiaba.

 

17Tres días despois, convocou os principais dos xudeus. Cando se reuniron, díxolles:

-Irmáns, sen ter feito nada contra o pobo nin contra os costumes paternos, entregáronme

preso ós romanos en Xerusalén. 18Estes, logo de me interrogaren, queríanme ceibar,

porque non había nada en min que merecese a morte. 19Pero, como os xudeus se

opuñan, vinme obrigado a apelar ó César, sen pretender acusar en nada ó meu pobo.

20Por este motivo pedín vervos e falarvos, pois é pola esperanza de Israel que levo esta

cadea.

 

30Paulo botou dous anos enteiros nunha casa alugada e recibía a tódolos que o viñan

visitar, 31predicando o Reino de Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo,

con audacia e sen impedimento ningún.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 10, 4. 5 e 7

R/ (cf 7b): Os rectos disfrutarán da túa presencia, Señor

Ou: Aleluia

 

4O Señor desde o seu santuario,

o Señor desde a súa sede no ceo,

axexa cos seus ollos ós homes,

escrútaos coas súas pupilas.

 

5O Señor proba os xustos,

pero aborrece o impío e violento.

7O Señor é xusto e ama a xustiza:

os rectos disfrutarán da súa presencia.

 

 

ALELUIA Cf. Xn 16, 7. 13:

Mandaréivo-lo Espírito da verdade, di o Señor;

el conduciravos á verdade plena

 

 

EVANXEO Xn 21, 20-25:

Este é o discípulo que escribiu estas cousas e o seu testemuño é verdadeiro

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

20Virándose Pedro, viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara

no seu peito na cea e lle preguntara "Señor, ¿quen é o que te ha de entregar?" 21O velo,

preguntoulle Pedro a Xesús:

-¿E este, que?

 

22Xesús contestoulle:

-Se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.

 

23Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero

non dixera Xesús que non había de morrer, senón: "se quero que permaneza ata que eu

veña, ¿a ti que che importa?"

 

24Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu; e sabemos que

o seu testemuño é verdadeiro. 25Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús, que, de

escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conte-los libros que se

habían escribir.