Domingo de Pentecoste
DOMINGO DE PENTECOSTE
MISA DA VIXILIA
Estas lecturas úsanse na tarde do sábado, antes ou despois das primeiras Vésperas do Domingo de Pentecoste.
Primeira Lectura Xén 11, 1-9
Chamóuselle Babel, porque alí se embarullou a lingua de todo o mundo
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Daquela, toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras. Ao emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. Dixéronse uns aos outros:
— Imos facer ladrillos e cocelos no lume. O ladrillo facíano de pedra e o betume de cemento.
E nisto propuxeron:
— Imos construír unha cidade e unha torre que chegue co cimo ata o ceo e fagamos un nome con sona para non nos perder pola ancha face da terra.
Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou:
— Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que lles veña á cabeza. Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros.
O Señor espallounos de alí por toda a terra e deixaron de construír a cidade. A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou: Ex 19, 3-8a. 16-20b
Baixará o Señor diante de todo o pobo sobre o monte Sinaí
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, Moisés subiu ao encontro de Deus, e o Señor chamouno desde a montaña para mandarlles dicir aos descendentes de Xacob, comunicarlles aos israelitas:
— Vistes como tratei os exipcios, como vos levantei a vós sobre ás de aguia e vos acheguei a min. Se agora me obedecedes e gardades a miña alianza, seredes a miña propiedade escolleita entre todos os pobos, pois a terra é toda miña. Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado. Isto é o que lles has dicir aos israelitas.
Moisés foi chamar os anciáns de Israelpara exporlles as palabras que lle mandara o Señor. O pobo todo a unha respondeu:
— Faremos todo o que dixo o Señor.
Ao amencer do terceiro día houbo trebóns e lóstregos e unha nube mesta cubría a montaña. A trompeta soou moi forte e o pobo no campamento arrepiaba co medo.
Moisés fixo saír o pobo do campamento e levouno ao encontro de Deus. Quedaron todos en pé na aba da montaña. O monte Sinaí fumegaba todo porque o Señor baixara sobre el en medio de lume. Subía fume coma dun forno e toda a montaña tremía.
O son da trompeta facíase máis forte, mentres Moisés falaba e Deus respondía polo trebón.
O Señor baixou sobre o monte Sinaí, ao seu cume, e chamou por Moisés para que subise onda El.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
_______________________________________________________
Ou: Ez 37, 1-14
Ósos secos, infundireivos o espírito e viviredes
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Naqueles días, a man do Señor veu sobre min e fíxome saír coa forza do seu espírito, e púxome no medio do val, que estaba cheo de ósos.
Fíxome pasar diante deles dando voltas, e velaí que había moitísimos sobre a superficie do val e estaban totalmente resecos. Entón díxome:
— Fillo de Adán, poderán revivir estes ósos?
Eu repuxen:
— Señor, ti sábelo.
Logo díxome:
- Pronuncia un oráculo sobre estes ósos e dilles:
— Ósos resecos, escoitade a palabra do Señor:
Así lles fala o meu Señor a estes ósos:
— Velaquí, vou traer sobre vós o alento e reviviredes.
Porei sobre vós tendóns
e farei que criedes carne;
cubrireivos con pel, porei en vós o alento,
e reviviredes.
Entón recoñeceredes que eu son o Señor.
Eu pronunciei o oráculo tal como se me mandara e, mentres eu pronunciaba o oráculo, houbo un trono e logo un terremoto, e os ósos xuntáronse cada un co seu compañeiro.
Logo ollei e vin que sobre eles había tendóns, a carne ía medrando e a pel íaselles estendendo por riba. Pero non había neles alento. Logo díxome:
— Pronúncialle un oráculo ao espírito,
pronúnciao, fillo de Adán,
e dille ao espírito:
Así fala o meu Señor:
— Desde os catro ventos, ven, espírito,
e sopra nestes cadáveres para que revivan.
Eu pronunciei o oráculo conforme me mandara.
Entón o espírito entrou neles,
e reviviron, e tíñanse de pé sobre as súas pernas;
era un exército enormemente grande.
Entón díxome:
— Fillo de Adán, estes ósos son a Casa de Israel enteira.
Velaquí o que din: os nosos ósos están resecos,
a nosa esperanza está perdida;
estamos esnaquizados.
Por iso, profetiza e dilles: así fala o meu Señor:
— Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
—é o Señor quen fala—.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou: Xl 3, 1-5
Derramarei o meu Espírito sobre os meus servos e servas
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XOEL
Así fala o Señor:
Despois disto sucederá
que verterei o meu Espírito sobre toda carne,
e os vosos fillos e mais as vosas fillas
converteranse en profetas.
Os vosos anciáns soñarán soños,
os vosos mozos verán visións.
Tamén sobre os servos e mais as servas
verterei naqueles días o meu Espírito.
Farei prodixios no ceo e mais na terra;
sangue, lume e columnas de fume.
O sol cambiarase en escuridade
e a lúa en sangue,
ante a chegada do día do Señor,
do día grande e terrible.
Pero sucederá que todo aquel que invoque o nome do Señor se salvará,
pois no monte Sión e en Xerusalén será dado o perdón
—tal como o prometeu o Señor—
e tamén para os fuxitivos que chame o Señor.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 103, 1-2a.24 e 35c. 27-28. 29bc-30
R.: (Cf. 30)Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.
Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
vestido de gloria e maxestade,
envolto en luz coma nun manto.
Cantas son, Señor, as túas obras,
todas feitas con saber!
A terra está chea das túas criaturas.
Bendí a Deus, alma miña!
Todos agardan de ti
que lles botes comida ao seu tempo.
Cando a botas, atrápana;
abres a man e fártanse de bens.
Retiras o teu alento e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento e son creados
e renovas a cara da terra.
Segunda Lectura Rm 8, 22-27
O Espírito intercede por nós con xemidos máis fondos que as palabras
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Irmáns:
Sabemos que toda a creación xeme e se retorce ata o momento presente con dores coma de parto. Máis aínda, nós mesmos, que temos as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo, pois estamos salvos en esperanza.
Ora, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois como pode un esperar o que xa ve? Pero, se esperamos o que non vemos, degoramos con constancia.
Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Pois nós non sabemos o que debemos pedir como cómpre, pero o mesmo Espírito intercede por nós con laios inefables.
E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 7, 37-39
Manarán ríos de auga viva
LECTURADO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé, e gritou:
- Se alguén ten sede, que veña onda min e beba. Como di a Escritura, a quen cre en min abrollaranlle do seu ventre regueiros de auga viva. (Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel, pois aínda non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado).
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
MISA DO DÍA
Primeira Lectura Feit 2, 1-11
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban e apareceron talmente coma linguas de lume que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:
- Mira! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R.: (30)Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.
Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras.
A terra está chea das túas criaturas.
Retiras o teu alento e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento e son creados,
e renovas a cara da terra.
Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor.
Segunda Lectura 1 Cor 12, 3b-7. 12-13
A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Ninguén que diga “renegado sexa Xesús” fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir “Xesús é o Señor”, se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.
Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo; tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SECUENCIA
Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.
Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.
Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.
Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.
Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-23
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós, recibide o Espírito Santo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
— A paz sexa convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
El díxolles outra vez:
— A paz sexa convosco; coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
— Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados e a quen llelos reteñades quedaranlles retidos.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
AD LIBITUM para o ano B:
Segunda Lectura Gál 5, 16-25
Froitos do Espírito
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Irmáns:
Quérovos dicir que vivades conforme ao Espírito e que non satisfagades os degoros da concupiscencia. Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos; opóñense de tal xeito entre eles que non facedes o que de verdade queredes. Mais, se vos guiades polo Espírito, daquela xa non estades baixo a Lei.
As obras dos baixos instintos tédelas ben á vista: fornicación, adulterio, libertinaxe, idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, carraxes, retesías, discordias, faccións, envexas, bebedelas, enchentes e cousas polo estilo.
E xa vos teño apercibido de que os que tal fagan non herdarán o Reino de Deus.
En cambio, o froito do Espírito é amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade, fe, mansedume e dominio de si. Contra isto non hai Lei que valla.
Os de Cristo Xesús crucificaron os baixos instintos coas súas paixóns e cobizas. Se vivimos no Espírito, camiñemos de acordo co Espírito.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
Evanxeo Xn 15, 26-2
7; 16, 12-15
O Espírito da verdade conduciravos a toda verdade
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
— Cando veña o Paráclito que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min; e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo.
Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar.
El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso vos dixen que recibirá do meu e volo interpretará a vós.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Cando o luns ou aínda o martes despois de Pentecoste son días nos que os fieis deben ou acostuman a participar na Misa, pódense retomar as lecturas do Domingo de Pentecoste ou as da celebración do Sacramento da Confirmación, núm. 764-768.