Domingo X
DOMINGO X DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura 1 Re 17, 17-24
Velaí que o teu fillo vive
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Naqueles días, adoeceu o fillo da muller, dona da casa. A doenza foi tan grave, que o neno deixou de alentar. A muller díxolle a Elías:
‑ "Que temos que ver un con outro, home de Deus? Viñeches á miña casa para lembrarme os meus pecados e para matarme o fillo?"
Respondeulle Elías:
‑ "Dáme aquí o teu fillo".
E coa mesma, colleullo do colo, subiuno ao cuarto onde el durmía e deitouno na cama. E rezoulle ao Señor, dicindo:
‑ "Señor, meu Deus, tamén vas visitar coa desgraza a esta viúva coa que vivo, facendo que morra seu fillo?"
Logo tendeuse riba do neno por tres veces, chamando ao Señor:
‑ "Señor, meu Deus, fai que o alento de vida deste neno entre nel outra vez".
O Señor escoitou a oración de Elías, e o neno comezou a alentar e reviviu. Elías colleu o neno, baixouno do seu cuarto e deullo á nai, dicindo:
‑ "Aí tes o teu fillo vivo".
A muller díxolle a Elías:
‑ "Agora acabo de ver que ti es un home de Deus, e que a palabra do Señor está de verdade na túa boca".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e13b
R/. (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
Sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.
Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.
Segunda Lectura Gal 1, 11-19
Reveloume o seu Fillo, para que volo predicase aos xentís
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu prediquei non é cousa de homes, xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo.
Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir a Igrexa de Deus; e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, como fanático seguidor das tradicións dos meus devanceiros.
Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza, lle prougo revelarme o seu Fillo, para que o predicase aos non xudeus, eu ‑ de contadiño, sen lle pedir consellos á carne nin ao sangue, sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que me precederan como apóstolos ‑, retireime a Arabia, e volvín de novo a Damasco.
De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. E non vin a ningún outro apóstolo, fóra de Santiago, o parente do Señor.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.
Evanxeo Lc 7, 11-17
Rapaz, falo contigo: érguete!
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, Xesús foi a unha vila chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila. ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
‑ Non chores.
E achegándose, tocou o cadaleito ‑ os que o levaban pararon ‑, e el mandou:
‑ Rapaz, falo contigo: érguete!
O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai. Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:
‑ Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo