Domingo XI

11º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

Primeira Lectura     2 Sam 12, 7-10. 13

Deus non tivo en conta o teu pecado: non morrerás

LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

            Naqueles días, Natán díxolle a David:

            ‑"Ti es ese home.

            E isto di o Señor, Deus de Israel:

            Eu unxinte por rei de Israel

e libreite das mans de Saúl.

            Entregueiche a casa do teu señor

e puxen as súas mulleres nos teus brazos.

            Fíxente dono de Israel e de Xudá

e, por se fose pouco,

deiche aínda outras cousas.

            Por que, logo, desprezar a palabra do Señor,

facendo o que el reproba?

            Mataches coa espada a Urías, o hitita,

para casares coa súa muller.

            Matáchelo coa espada dos amonitas.

Agora a espada non se afastará da túa casa.

            Visto que ti me desprezaches,

tomando para ti a muller de Urías, o hitita.

            David díxolle a Natán:

            ‑ "Pequei contra o Señor!"

            E Natán díxolle:

            ‑ "O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL     Sal 31, 1-2. 5. 7. 11

R/. (cf. 5c): Perdoa, Señor, a culpa do meu pecado.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,

a quen lle foi enterrado o seu pecado.

Ditoso aquel a quen o Señor

non lle ten en conta o delito,

o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,

non che escondín o meu delito;

Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",

e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos

e cínguesme co gozo do rescate.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,

aclamádeo todos os rectos de corazón.

Segunda Lectura     Gal 2, 16.19-21

Vivo, xa non eu; vive en min Cristo

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS

            Irmáns:

            Como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós a crer en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se vai xustificar ninguén.

            Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min.

            E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min.

            Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

ALELUIA     1 Xn 4, 10b

Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.

Deus amounos e mandou o seu Fillo

para que expiase os nosos pecados.

Aleluia.

Evanxeo     Lc 7, 36 -- 8, 3  (longa)

Perdoáronselle moitos pecados porque amou moito

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, un fariseo convidou a comer a Xesús; e Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.

            Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:

            ‑ Se este fose un profeta coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.

            Xesús tomou a palabra e díxolle:

            ‑ Simón, teño algo que che dicir.

            El contestou:

            ‑ Pois dío, Mestre.

            ‑ Un prestamista tiña dous debedores; un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. Ora, quen deles o amará máis?

            Respondeulle Simón:

            ‑ Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.

            El contestou:

            ‑ Ben dito.

            E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:

            ‑ Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.

            E díxolle a ela:

            ‑ Os teus pecados están perdoados.

            Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:

            ‑ Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?

            Pero el díxolle á muller:

            ‑ Salvoute a túa fe, vai en paz.

            Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Madalena, curada de sete demos, Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

______________________________________________________________________

Ou: 7, 36-50  (máis breve):