Domingo XXX

 

30 º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

 

 

Primeira Lectura     Eclo 35, 15b-17. 20-22a (gr. 12-14. 16-18)

A oración do humilde traspasará as nubes

 

LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

            Deus é un Deus xusto

e non ten preferencias de persoa;

non tomará parte contra o pobre

mais presta oídos ás demandas do asoballado;

non refuga os saloucos do orfo

nin da viúva que repite o seu laio.

            Semellante laio acada o seu favor,

o seu berro chega ata as nubes.

            O grito do pobre traspón as nubes,

non apousenta ata chegar á meta,

non cede ata que Deus o atende

e que o xuíz veraz faga xustiza;

tampouco Deus a retardará.

 

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 33, 2-3. 17-18. 19 e 23

 

R/.  (7a):  Clamou o pobre e Deus escoitouno.

 

Bendigo o Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa loanza.

Eu gloríome no Señor:

que escoiten os humildes e se alegren.

 

Mais o Señor encara os malvados,

para borrar da terra a súa memoria.

O Señor está preto do aflixido,

salva os de ánimo abatido.

 

O Señor está preto do aflixido,

salva os de ánimo abatido.

O Señor redime os seus servos:

non será castigado quen a El se acolle.

 

 

Segunda Lectura     2 Tim 4, 6-8. 16-18

Finalmente daráseme a coroa de xustiza

 

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO

 

            Benquerido irmán:

            A min xa me queda pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar.         

            Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada.

            E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel día. E non só a min, senón a todos os que arelan a súa Vinda gloriosa.

            Na miña primeira defensa non me acompañou ninguén, todos me deixaron. Que Deus llelo perdoe! Pero o Señor asistiume e fortaleceume para rematar a  predicación e que todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león.

            O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter a salvo para o seu Reino celestial.       Para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

 

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus

 

 

ALELUIA    2 Cor 5, 19

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,

e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.

Aleluia.

 

 

Evanxeo     Lc 18, 9-14

Baixou o publicano xustificado para a súa casa,  ao contrario que o fariseo

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

            Naquel tempo, Xesús propúxolles esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:

            ‑Dous homes subiron  ao templo para orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.

            O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".

            O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos  ao ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".

            Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo