Domingo 7 de Pascua
DOMINGO VII DA PASCUA
As seguintes lecturas usaranse onde a Ascensión do Señor se celebrou o xoves da semana VI do tempo pascual.
Primeira Lectura Feit 7, 55-60
Vexo o Fillo do Home, de pé, á dereita de Deus
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Naqueles días, Estevo, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus, e dixo:
— Ollade, vexo o ceo aberto e o Fillo do Home, de pé, á dereita de Deus.
Entón pegaron a berrar, taparon os oídos, e todos á xunta arremeteron contra el; quitárono fóra da cidade e comezaron a apedralo. As testemuñas deixaron os seus vestidos aos pés dun mozo chamado Saulo.
Apedraban a Estevo, que invocaba así: "Señor Xesús, recibe o meu espírito!" E posto de xeonllos, berrou con voz forte:
"Señor, non lles teñas en conta este pecado!"
Dito isto, adormeceu para sempre.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 96, 1 e 2b. 6 e 7c. 9
R.: (1a e 9a): O Señor reina, o Altísimo sobre toda a terra.
Ou: Aleluia.
O Señor reina, alégrese a terra,
exulten todas as illas,
xustiza e rectitude sosteñen o seu trono.
Os ceos pregoan a súa rectitude
e todos os pobos contemplan a súa gloria.
Diante del axeónllanse os deuses.
Ti, Señor, es o Altísimo sobre toda a terra,
excelso máis ca todos os deuses.
Segunda Lectura Ap 22, 12-14. 16-17. 20
Ven, Señor Xesús!
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu, Xoán, oín unha voz que me dicía:
Mira que vou chegar axiña e traio comigo a miña paga, para lle pagar a cada un conforme o seu traballo. Eu son o Alfa e o Omega, o Primeiro e o Derradeiro, o Principio e a Fin.
Benia os que teñen lavada a súa roupa, para teren dereito á árbore da vida e a entraren polas portas da cidade.
Eu, Xesús, mandeivos o meu anxo, para que vos dese testemuño de todo isto que se refire ás igrexas.
Eu son o renovo e a descendencia de David, o luceiro brillante da mañá.
O Espírito e a esposa din: "Ven".
Quen escoita, que diga: "Ven".
Quen teña sede, que veña;
o que queira, que colla de balde auga da vida.
Quen testemuña estas cousas, di: "Si, veño axiña". Amén! Ven, Señor Xesús!
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 14, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Non vos deixarei orfos, di o Señor:
voume e volverei onda vós e alegrarase o voso corazón.
Aleluia.
Evanxeo Xn 17, 20-26
Que cheguen á perfecta unidade!
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, elevando os ollos ao ceo, Xesús orou dicindo:
—Pai santo, non che rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer en min pola palabra deles; que todos sexan un, coma ti, Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches.
E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que sexan un, coma nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.
Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo.
Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo